domingo, 17 de enero de 2010

A cesión do edificio da Fundación Rois atrásase por falta dun informe





A cesión do edificio da Fundación Rois de la Peña ao Concello da Fonsagrada atrásase por falta dun informe técnico. Estaba previsto que este trámite se formalizase no pleno do xoves pasado, pero non foi posible porque aínda non se dispón da documentación necesaria para asegurar a legalidade da xestión.

O grupo de goberno retirou da orde do día o punto no que se propuña asumir a cesión do inmoble e aprazou o seu estudo ata a próxima sesión, á espera dun informe xurídicos.

A aceptación da cesión é necesaria para que o Concello poida dispor do edificio para tramitar a súa habilitación como residencia de maiores. O goberno local xa encargou o proxecto de reforma do inmoble para adaptalo ás necesidades deste tipo de centros. Para iso conta cunha subvención da Xunta.

Está por determinar quen xestionará finalmente a residencia. O alcalde, Argelio Fernández Queipo, solicitou un encontro coa responsable de Benestar, Susana López Abella, para analizar as vías de colaboración. A dirixente popular ha anunciado a súa disposición a apoiar esta iniciativa, aínda que non se concretou en que terminos.

Fernández Queipo asegura que A Fonsagrada contará cunha residencia "dun xeito ou doutro" e avanza que se a Xunta non se compromete co proxecto será a Deputación quen o financie con cargo á partida que lle corresponde ao municipio polo canon hidroeléctrico. De calquera modo, o alcalde apraza a decisión ata "coñecer de forma oficial as intencións da Xunta".

Servizo do 065
No encontro con Susana López Abella, Argelio Fernández tamén ten previsto exporlle as queixas dos veciños sobre o funcionamento do servizo de transporte 065.

O BNG presentou un rogo neste sentido no pleno do xoves, para deixar constancia do descontento dos usuarios. O nacionalista Manuel López Lougedo afirma que as prestacións do 065 variaron co cambio de goberno na Xunta. Di que antes os vehículos esperaban polos usuarios e que agora só os transportan ata o lugar de destino, pero despois deben volver polos seus propios medios, co inconveniente de que son persoas que necesitan asistencia. Cita, entre estes casos, a persoas maiores ou nenos que deben recibir tratamentos en Lugo ou Santiago, que realizan a viaxe de ida en vehículos do 065, pero quedan desasistidos para a viaxe de volta.

O portavoz do PP, Tobías Martínez, admite que esta situación xera problemas á poboación, aínda que asegura que "non hai queixas formais, polo que os responsables do servizo non son conscientes da situación".

O alcalde da Fonsagrada, o socialista Argelio Fernández, comprometeuse a pór en coñecemento da Xunta esta situación, para reclamar solucións.

O PP, pola súa banda, solicitou información sobre as xestións do alcalde con respecto ao proxecto de construción da presa do Muradal e sobre o futuro do xulgado. O BNG acusou neste sentido ao equipo de goberno de actuar ás costas da oposición, ao non informar sobre "temas importantes para o municipio".

Caras novas
Antonio Rodil tomou posesión no pleno deste xoves da súa acta de concelleira. Substitúe nas filas populares a Ramón Carballo, que deixa o Concello da Fonsagrada para centrarse nos seus labores como xefe territorial da Xunta.

No pleno do xoves tamén formalizou a súa renuncia o socialista Ricardo Parada, que será substituído por Montserrat Yáñez Pasarín. Parada, alcalde da Fonsagrada no anterior mandato, deixou tamén recentemente o seu escano na Deputación Provincial, argumentando que abandona a vida política "por motivos de saúde". A toma de posesión da súa substituta realizarase, posiblemente, no próximo pleno.

Éste é o segundo cambio que se produce nas filas do PSOE neste mandato, tras a saída de Edelmiro Pardo Díaz e a súa substitución por Belén Fernández.

No hay comentarios:

Publicar un comentario