lunes, 10 de mayo de 2010

O desenvolvemento do sector forestal e os beneficios da industria eólica, claves para aumentar o censo


O horizonte do medio rural galego non parece moi alentador a curto prazo. Con todo, as esperanzas para fixar unha nova poboación capaz de vivir cuns ingresos superiores aos que xeran as actividades tradicionais -e crear así unha demanda de servizos- están depositadas en sectores económicos agora infrautilizados. é o caso, por exemplo, do negocio forestal. Consecuencia dunha estrutura de propiedade minifundista, gran parte do bosque -un terzo, concretamente- é improductiva para as industrias.

O Plan Forestal de Galicia, aprobado polo Parlamento en 1992, prevía que cada exercicio se destinase un 3% do orzamento autonómico ao sector, fundamentalmente a políticas de reordenación, é dicir, lograr parcelas máis grandes en que fose máis rendible a explotación. Desde entón ata agora ese plan veuse incumprindo sistematicamente ano tras ano. As empresas madeireiras advirten de que o investimento no monte é clave para manter a competitividade dunha industria que factura máis de 2.000 millóns ao ano e da que dependen miles de empregos directos. O desenvolvemento eólico constitúe outra das futuras fontes de riqueza.

Aumentar o canon
Propietarios de leiras forestais en que se instalaron parques -constituídos na asociación Ventonoso- reclaman ás empresas un 10% da facturación (actualmente reciben unha cantidade equivalente ao 1%), un modelo similar ao que existe en Dinamarca. «Nós pensamos que esta pode ser unha gran fonte de riqueza para o medio rural e unha vía para fixar poboación nun territorio crecientemente despoblado», explica Jacobo Feijoo, de Ventonoso.
A terceira posible pata para atraer novos habitantes é o turismo estranxeiro. Xubilados europeos, ante a saturación que rexistra o Mediterráneo, empezan a demandar vivendas en zonas como a Ribeira Sacra. De feito xa se crearon estudos de arquitectura galegos encamiñados a traballar con esta nova demanda de rehabilitación rural.

No hay comentarios:

Publicar un comentario