domingo, 28 de noviembre de 2010

O Concello fonsagradino pecha o contrato para activar unha rede wimax


Alcalde e Xerente da Empresa na sinatura do convenio

O Concello da Fonsagrada e a empresa Eurona Telecom subscribiron onte o contrato polo que esta empresa explotará unha rede wimax no municipo, un servizo que xa poden solicitar os veciños e que se prevé que estea operativo a mediados de decembro, segundo indicou o alcalde, Argelio Fernández Queipo.
O rexedor dixo que para activar a rede só falta que a firma faga os últimos axustes nalgúns equipos de difusión do sinal.
En virtude do acordo, rubricado no consistorio polo rexedor e polo responsable en Galicia da empresa, Roberto Rodríguez, nos próximos días arrincará unha campaña de divulgación do servizo que incluirá charlas e demostracións prácticas dirixidas tanto a particulares como a responsables de negocios locais.
92% de cobertura
Un dos requisitos deste contrato, cuxa vixencia é de catro anos, é que a empresa dote de cobertura ao 92 por cento do territorio antes de fin de ano, segundo destacou Fernández Queipo, que se felicitou de que «agora sexa unha realidade» e os veciños dispoñan dun servizo que considera «básico».
O alcalde tamén destacou a unanimidade que suscitou esta actuación entre todos os grupos políticos da corporación.
Desde a empresa Eurona Telecom, especializada en achegar as telecomunicacións ás zonas rurais, sinalaron que este proxecto de implantación da rede wimax «foi todo un reto e un gran éxito», dada a dispersión poboacional e a orografía do concello, tras o que non dubidaron en resaltar que este servizo «contribuirá á mellora da súa calidade de vida e ao desenvolvemento dos seus negocios.
A compañía facilitou o teléfono gratuíto 900.85.08.08 para aclarar calquera dúbida que xurda en relación a este acceso a internet.
Custo
O alcalde sinalou que o custo de instalación dos equipos roldará os 60 euros, aínda que será gratuíto para os usuarios que contraten o servizo nestas primeiras semanas.
En relación ás tarifas que deberán abonar os usuarios, apuntou que a máis económica terá un custo duns 30 euros ao mes e incluirá chamadas gratuítas a teléfonos fixos e unha velocidade de conexión dun mega.

No hay comentarios:

Publicar un comentario