lunes, 17 de octubre de 2011

Un congreso tratará na Fonsagrada desde entomoloxía ata astronomía


14/10/2011 - Francisco García / El Progreso (Lugo)

O case medio milleiro de profesores de Ciencias que se reunirán na Fonsagrada do 17 ao 19 de novembro abordarán un considerable número de temas relacionados coa Ciencia, desde a entomolxgía (estudos sobre os insectos) á astronomía, pasando por cuestións como as centrais nucleares. Acudirán científicos de toda Galicia, norte de Portugal e doutras comunidades españolas como Cataluña.

A Fonsagrada acollerá a vixésimo cuarta edición do Congreso Enciga, que se celebra cada ano nunha localidade española. O evento foi presentado onte no instituto da localidade, polos seus organizadores, entre os que se atopa a directora do centro, Beatriz Fernández, e autoridades, como o alcalde da localidade, Argelio Fernández.

No congreso participarán especialistas como Javier Guitián, catedrático de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC); María Martínez, profesora da Universidade de Burgos ou José Vázquez Tato, catedrático de Química. de Santiago.

Segundo explica Beatriz Fernández, o obxectivo é un intercambio de coñecementos e de programas sobre actividades científicas, que implican aos docentes e que servirán para facilitar os seus traballos nas clases que imparten aos seus alumnos.

Rutas

O congreso científico non servirá exclusivamente para isto, senón que os organizadores pretenden que os participantes visiten as zonas máis interesantes desta zona da Montaña lucense.

En concreto, están previstas rutas guiadas por distintos puntos da comarca.

Visitarán o museo etnográfico da Fonsagrada, empresas cárnicas da zona, varias zonas do Camiño Primitivo a Santiago que atravesa A Fonsagrada, Santa Eulalia de Oscos, Grandas de Salime, onde hai un museo etnográfico e a central hidroeléctrica; a fervenza de Vilagocende e Negueira de Muñiz.

No programa, tamén se contempla facer unha excursión de Cereixido a Lamas de Moreira, onde se atopa unha das igrexas románicas máis interesantes da zona. Tamén está previsto visitar a medoña de Portelilla.

Beatriz Fernández destaca que «o noso obxectivo con este congreso é compaxinar a ciencia coa natureza. As paisaxes máxicas, a xente acolledora e unha excelente gastronomía tradicional, que serán o complemento perfecto á moitísima ciencia da que poderemos gozar nas relatorios, exposicións, conferencias, debates e talleres».

No hay comentarios:

Publicar un comentario