martes, 6 de septiembre de 2011

Unhas 200 cabezas de gando, na feira da Fonsagrada



04/09/2011 - Francisco García / El Progreso (Lugo)
A crise que sofre nos últimos anos o sector gandeiro non se notou onte na feira da Fonsagrada, á que acudiron unhas 200 cabezas de gando. Todas as reses pertencían a explotacións do mesmo municipio, segundo José Logares, un dos encargados deste evento anual que organiza o Concello da Fonsagrada.
O mercado estaba especialmente destinado a especímenes de raza rubia galega e asturiana do municipio, un dos que ten maior número de explotacións deste tipo na comunidade autónoma galega.
O recinto feiral, situado no mercado gandeiro comarcal, comezou a animarse xa á primeira hora da mañá, coa chegada das reses, que se foi prolongando ata as once, hora tope establecida pola organización para inscribirse.
O público foi chegando, de forma masiva, con posterioridade e ao mediodía resultaba difícil pasar polos corredores do mercado, no que se pechou un bo número de transaccións comerciais.
Mentres o recinto do mercado gandeiro fonsagradino estaba cheo de persoas, este ano a feira anual non atraeu a tanta xente á capitalidade municipal, a pesar de que non facía un día desagradable, xa que aínda que nubrado non chegaron a producirse precipitacións en ningún momento da mañá.
A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) tamén participou con seis xatos.
Concurso
De forma paralela á feira, no mercado gandeiro tamén se celebrou onte o XXXVI Concurso-Exposición de Gando Vacún.
Segundo indicou a organización, no certame apuntáronse un total de 80 cabezas de gando.
O premio especial ao primeiro lote de gando de raza rubia galega (esixíase un mínimo de sete vacas e un touro) foi para Antolín Alonso Arias, da parroquia de Lamas de Moreira, e no caso da asturiana, para Ana Rosa Alonso, do Vieiro.
Da explotación de Antolín Alonso tamén foron o touro e a vaca de raza rubia galega que obtiveron o primeiro posto nas súas respectivas modalidades, mentres que Ana Rosa Alonso gañou tanto no apartado de macho como de femia no caso da variedade asturiana.
Polo que se refire á sección de tenreiros de carne, o premio foi para Manuel Pérez Enrique, de Veiga de Lagares.
A estes primeiros premios habería que sumarlle os segundos clasificados, co que en total se deron máis dunha quincena de galardóns. Entre os gañadores repartíronse uns 3.800 euros en metálico, así como un considerable número de produtos, cedidos polas casas que colaboraron no certame.
O xurado encargado de cualificar as cabezas de gando estivo integrado por veterinarios designados pola xefatura provincial de Medio Rural e representantres dos gandeiros.