jueves, 9 de mayo de 2013

Augas que caen sobre mollado



O mito (falso) do milleiro de nomes que teñen os inuits para a neve tórnase certeza en Galicia para darlle verbo ás distintas formas da auga. A profesora de Filoloxía da USC Elvira Fidalgo ten identificado máis dun cento de vocablos para referirse ao líquido elemento que cae dos ceos sobre as cacholas dos galegos. Seguro que non fai falta darlle moito traballo aos miolos para atopar varias ducias, xa que no que vai de exercicio meteorolóxico -comeza co outono, coma o colexio- en Galicia poallou, babuxou, barruxou, zorriscou, chuviscou, orballou, viñeron trebóns, ballóns e dioivos, choveu a cachón e caeron chuzos de punta. Arrollou o ceo mesmo por riba das súas posibilidades e nin os nostálxicos ousaron repetir o retrouso habitual de que os de antes si que eran invernos e que o de agora é un puro sucedáneo.

A auga fai paisaxe no país dos mil ríos e permite levar as katiuskas con dignidade. Porque, como se amañan as e os ‘fashion victims’ de secano para ir á oficina coas botas de goma cando os mercurios non baixan dos quince graos e chove só nos anos bisiestos?



Por riba, a auga precipitada nos derradeiros meses deulle de beber ás concas fluviais e puxo rebentóns os cauces, que estoupan en fervenzas, seimeiras, chorredeiras, mergulleiras, pincheiras, ruxidoiras... (outra vez a sinonimia), que merecen esta primavera unha primeira aproximación para os legos e unha nova visita para os que xa as coñecen, porque hai moitos invernos que non ofrecen un espectáculo semellante.

Como nunca choveu que non escampase, esta fin de semana as nubes asinan un armisticio que mesmo pode prolongarse más aló de oito ou seis horas. Nunca mellor para coller petate e, como quen oe chover, asistir ao circo de tres pistas que supoñen as acrobacias das augas continentais.

No oriente da provincia, o municipio da Fonsagrada agocha algunhas das máis alucinantes fervenzas -no oriente, seimeiras- das terras de Lugo, con diferentes niveis de esixencia segundo o estado de forma dos camiñantes que se dirixan na súa procura.

Unha das máis asequibles de visitar e que non defrauda é a de Vilagocende, a uns poucos kilómetros a seguir a estrada que comunica a capitalidade municipal con Vilabol de Suarna. Non pretenda chegar co coche ata ao pé mesmo da agua. Cando atope a sinalización da seimeira de Vilagocende deberá seguir polo camiño pedestre durante un par de quilómetros. O firme está ben, pero que ninguén agarde atopalo libre de lama, así que calzado cómodo, impermeable e coidado cos esvaróns. O ruído de trono vai facendo aviso de que a fervenza de Vilagocende chega farta de auga. A potencia líquida rega por aspersión a contorna e mesmo levanta o aire coa súa forza, polo que non está de máis levar un chuvasqueiro se quere achegarse. Paga a pena.

Na oficina de turismo da Fonsagrada, situada no primeiro andar do vello consistorio, dispoñen de información sobre o roteiro de Vilagocende e outros que teñen seimeiras como protagonistas.

Outra das contornas de augas cantaruxeiras (por este tempo cantan forte, puro rocanrol) máis próximas á vila da Fonsagrada é a rota do Forno do Bolo. Son seis quilómetros que, salvados a pé con tempo abondo para quedar pampa coa paisaxe, levan aproximadamente tres horas.

Cóllese a estrada en dirección a Grandas de Salime e chégase ata o núcleo de Queixoiro, próximo ás seimeiras de idéntico nome, que rosman coa forza toda da primavera. O traxecto ten certa dificultade polos desniveis aos que obriga a beira do regato, pero nada que non se poida superar con paciencia, tempo, e un ‘outfit’ axeitado.
As seimeiras de Queixoiro bulen con menos estrondo que a de Vilagocende; pola contra, vanse aparecendo pasiño a pasiño e con cada meandro do cauce de escorrentía ofrecen unha nova e fermosa perspectiva.

Seimeiras hai na Fonsagrada para botar semanas: a de Castañoso no rego das Covas, a de a de Rozabragada en San Martín de Suarna... e, mentres quede neve nos máis altos cumes dos Ancares, seguirán a precipitarse con escándalo e escuma para percorrer os regatos que escarvan os vellos dominios de Burón.

Por cousa da orografía, as chorredeiras aséntanse en Lugo nos territorios máis montañosos do oriente. Porén, hai opcións noutras bisbarras para visitar fervenzas. Na Mariña, nas proximidades da rasa Cantábrica, o municipio de Xove garda un espazo con nome e apariencia de conto marabilloso. Ao Pozo da Ferida precipítanse os zumes do río Xudreiro desde máis metros de altitude e a película, por moito que se pase unha vez despois de outra, nunca é a mesma, xa que os brillos distorsionados polas pingas de auga fan distintos efectos especiais. Chégase pola estrada de Viveiro a Mondoñedo e cóllese o desvío en Valcarría, preto de Chavín.

Os habitantes do poniente lugués teñen á carreiriña dun can unha das máis singulares fervenzas de Galicia que é a de Brañas, en Toques, no berce mesmo do río Furelos que baña as terras de Melide. O rego da Salgueira e o rego de Porto Salgueiro bótanse pola parede pétrea abaixo e desparrámanse nunha contundente caída de 40 metros de altitude. Na rocha mesma agarda o Muíño da Fervenza, que ata os anos setenta do século pasado estivo activo coma un dos de máis sona de Galicia, pola finura da súa moenda. Chégase en poucos minutos desde Melide e, para os de Lugo capital e malia as obras da estrada, non queda lonxe de Friol. Iso si, accédese con vehículo rodado ata a auga mesma, un dato interesante para viaxeiros da auga co tempo taxado.

Guía urxente de fervenzas

O Courel: Pódense visitar cadoiros en Ferramulín, Santalla de Abaixo, Vieiros ou Pombar.
A Pontenova: O regato de Sanxés e o río das Reigadas forman unha seimeira.
O Valadouro: Dúas fervenzas salientables, a do Pozo da Onza e a do Escouridal.
Ourol: As fervenzas son reclamo dun roteiro no río Xestosa.
Barreiros: Fervenza de Santo Estevo do Ermo.
Pantón: Augas Caídas é o nome da principal pincheira.
Mondoñedo: A cascada do Coro é a máis coñecida.
Silleda: Ben preto da provincia está a fervenza do río Toxa, das máis espectaculares do país.



Abadín, A Fonsagrada e O Incio aforrarán 41.000 euros na factura eléctrica



27/04/2013 - P.R. / El Progreso (Lugo)
Os concellos de Abadín, A Fonsagrada e O Incio aforrarán, en conxunto, 41.000 euros ao ano na súa factura eléctrica con novos equipamentos para a mellora da eficacia enerxética, que a Deputación de Lugo facilitaralles e instalará de xeito gratuíto. A xunta de goberno da institución aprobou onte a adquisición de mil compoñentes para estas infraestruturas, cun custo global de 97.000 euros, segundo informou o portavoz socialista, Manuel Martínez.
Ademais, outros 34 concellos obterán beneficios semellantes, ao estar adheridos á nova liña de cooperación impulsada polo organismo provincial para axudarlles a reducir o gasto enerxético en dependencias municipais. «Esta é unha das principais inquietudes das entidades locais, porque a factura eléctrica supón unha gran carga económica para as súas arcas», indicou Martínez. Este programa foi posto en marcha pola Deputación hai un ano e adheríronse 37 concellos.






O RETRATO: Dulcinea rompe os seus tópicos




06/05/2013 - Alberto G. Tobío / El Progreso (Lugo)

DIRIA DELA  que é un cascabel andante, un risueño repique de campás. O seu sorriso matiza permanentemente a expresión do seu rostro e a súa risa alaga cada esquina de calquera reunión de amigos. Se engado que traballa no ámbito da Xustiza..., xa non pode caber dúbida: é Lola Cruz Requejo, Se viaxas con Lola a calquera cidade do mundo, comprobarás que sempre se atopa con amigos aos que saúda con efusividad. Eses amigos son, indefectiblemente, da Fonsagrada, onde residiu durante seis anos e que, desde entón, forma parte da súa intrahistoria. Lola chegou a Lugo fai máis de vinte anos. O recordo entón no limiar da porta do xulgado. Cabelos negros e pendentes brancos. Xa choveu. Non podo dicir que agora os seus cabelos sexan brancos e os pendentes negros (como o escritor francés cuxo nomee non recordo) porque os pendentes seguen sendo brancos e, ademais, os seus cabelos… ¡Son louros!

foto: pepe álvez

A alegría contaxiosa da actitude vital de Lola é o plasma en que se desenvolve unha personalidade recia, seria, responsable e humana na súa actividade laboral, con vocación de servizo e respecto á dignidade das persoas. O traballo de Lola é tan efectivo como calado. Agora ben, nin o seu temperamento apracible nin a súa condición de muller afable e riseira pode chamar a engano. Nos momentos precisos, Lola sabe impor a súa autoridade ao máis pintado. Por suposto sen necesidade de cuspir polo cabeiro. De ademán brioso, como Dulcinea, convence con argumentos, con habilidade e intelixencia. Bastaríase, ela soa, para destruír dunha sentada todos os tópicos e estereotipos que historicamente lastraron o papel da muller na Xustiza.












A Fonsagrada, sobrevivir no cumio




Una parte de la villa de A Fonsagrada. (Foto: Xesús Ponte)

06/05/2013 - Pilar Cheda / El Progreso (A Fonsagrada)
O concello da Fonsagrada ten uns 440 quilómetros cadrados, o que o converte no máis grande de Galicia e no segundo de España. A súa situación na montaña lucense -lonxe de calquera cidade- e os problemas de desprazamento sobre todo no inverno impulsaron o seu desenvolvemento cara ao autoservizo.
A Fonsagrada ten unha vila con todo tipo de recursos, tanto educativos como sanitarios, unha completa estrutura comercial e unha ampla oferta de hostalería. Os fonsagradinos souberon organizarse, o que lles solucionou moitos problemas sobre todo nos tempos nos que as estradas non permitían un rápido desprazamento ata outras localidades e era necesario autoabastecerse.
TURISMO
Natureza e caza atraen visitantes
A Fonsagrada ten un dos tecores máis grandes de Galicia. Concentra máis de 400 cazadores e ten reservas suficientes para recibir cada ano a numerosos foráneos que chegan atraídos pola oferta de corzo, aínda que tamén abundan o xabarín, a lebre e a perdiz.






O plan para extraer ouro crea suspicacias na Fonsagrada



08/05/2013 - El Progreso (A Fonsagrada)
A intención da empresa de capital canadense Lundin Mining Exploration de realizar sondaxes en busca de ouro nos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá e A Fonsagrada levantou xa suspicacias neste último concello, onde un grupo de veciños considera que ese proxecto suporá esquilmar a riqueza natural do municipio, ao entender que ten efectos contaminantes.
Aínda que de momento estes veciños non se expuxeron constituír unha plataforma, ao estar ese proxecto de realización de sondaxes nunha fase aínda incipiente, cren que o Concello debería situarse e aclarar se está a favor desa actividade de exploración en busca de minerais preciosos, que eles rexeitan.






Que necesidades ten A Fonsagrada?



ENQUISA
 05/05/2013 - El Progreso (Lugo)


LUCAS GONZÁLEZ, desempregado

«Fainos falta un campo de fútbol porque hai que ir xogar a Asturias»

Lucas González, desempregado
«A Fonsagrada necesita un campo de fútbol porque cada vez que queremos xogar temos que ir a Asturias. Normalmente imos a Xestoso, en Santalla de Oscos. É unha vergoña que ata O Cádavo teña campo de fútbol e nós non. Tampouco hai equipo na Fonsagrada, pero porque é difícil telo se non hai onde xogar. As instalacións deportivas son, en xeral, escasas. Só hai un polideportivo e non moi ben equipado. Tampouco temos unha piscina municipal».

ISABEL MARTÍNEZ, transporte escolar

«Necesitamos mellores servizos porque hai moita dispersión»

Isabel Martínez, transporte escolar
«A Fonsagrada é moi grande, hai moita dispersión e necesitamos mellorar os servizos para que cheguen a todas as parroquias. Cada vez hai menos poboación, pero facía falta que se acordaran de que estamos aquí arriba, que só se lembran para cobrar impostos. Por exemplo, hai pouco investimento nas aldeas. Para os nenos non hai actividades fóra da vila e xa viaxan moitos quilómetros para ir á escola, non poden estar todo o día na estrada».

LICINIO PÉREZ, hostaleiro

«Os pasos de peóns da avenida de Galicia están en mal estado»

Licinio Pérez, hostaleiro
«Sería necesario amañar os pasos de peóns da avenida de Galicia porque algúns están en moi mal estado e é perigoso telos así. Tamén fan falta instalacións deportivas. Non temos campo de fútbol nin piscina pública e hai moitos rapaces que poderían utilizalos se dispuxesen deles. Están agora facendo a residencia de maiores, que é un servizo que tamén se necesita na Fonsagrada. A ver se desta vez a dan feito porque levamos moito tempo esperando por ela».

ADRIÁN MURIAS, estudante

«Estaría ben aproveitar o río para actividades deportivas»


Adrián Murias, estudante
«Eu creo que A Fonsagrada necesita máis infraestruturas deportivas. Estaría ben organizar algo para navegar en canoa porque temos que ir a Asturias para practicar ese tipo de deportes. No verán vai moita xente a Ferreira para iso e non creo que fora moi difícil contar aquí con instalacións porque praia fluvial xa temos. Tamén boto en falta unha pista de tenis con medidas reglamentarias porque a que temos está ben, pero é máis pequena do normal».

BELÉN QUEIZÁN, autónoma

«O máis urxente é crear emprego para asentar poboación»

Belén Queizán, autónoma

«O que máis falta fai na Fonsagrada é poboación porque cada vez van a menos os veciños. Hai moitos máis vellos que novos. O máis urxente sería crear emprego para que a xente non tivese que ir fóra a traballar e as familias se puidesen asentar aquí. Eu penso que os servizos van ligados á poboación e na medida en que esta descende tamén nos recortan as prestacións. Entendo que para pouca xente sae caro manter algúns servizos, pero son necesarios».



Manuel Álvarez: ''Ir a Antaruxas é case obriga como ir á escola''

É difícil atopar un fonsagradino sen relación con Antaruxas e Sorteiros e non hai ningún que non bailase algunha vez ao seu son.
A agrupación Antaruxas e Sorteiros ten 300 socios e 138 alumnos. O seu presidente, Manuel Álvarez, móstrase orgulloso de contar cunha canteira de 34 alumnos de cinco anos, tanto como de ter un bo grupo de «xente de pelo branco». Uns e outros cadran ben e son a esencia dunha asociación activa que se converteu no centro da vida cultural da Fonsagrada.

Cal é a orixe de Antaruxas e Sorteiros?
Manuel Álvarez Fernández, presidente de Antaruxas e Sorteiros. (Foto: Xesús Ponte)
Na Fonsagrada había un grupo de danza e gaita e no 1986 converteuse en asociación e constituíuse Antaruxas e Sorteiros. Despois fóronse ampliando as actividades e agora tamén hai clases de percusión, frauta traveseira, guitarra, piano, solfexo, canto coral e canto de taberna. Temos unha coral desde hai oito anos e un grupo de teatro desde hai seis. Organízanse tamén cursos puntuais, por exemplo, de coiro, encaixe de bolillos, cociña ou bailes de salón.

A xente demanda ou a oferta de actividades é iniciativa propia?
Algo de todo. Antaruxas e Sorteiros é patrimonio do pobo e imos adaptando a oferta ás necesidades que se nos presentan. Non hai casa da Fonsagrada da que non pasase alguén pola asociación, é case de obrigado cumprimento, como ir á escola.



A Fonsagrada avala la creación de una planta de tratamiento de residuos

09/05/2013 - Pilar Cheda / El Progreso (Lugo)

El pleno de A Fonsagrada dio ayer su respaldo, con el voto en contra del BNG, a la iniciativa de una empresa privada para crear una planta de tratamiento de residuos. Si este proyecto prospera, A Fonsagrada y Negueira de Muñiz dejarían de enviar su basura a Sogama y tendrían sus propias instalaciones.

El alcalde de A Fonsagrada ofrece agua a los concejales antes de comenzar el pleno. (Foto: Xesús Ponte)
La firma promotora, Residuos Ambientales de Galicia, está encabezada por Luis Mingo, uno de los fundadores de Sogama, y pretende instalarse en una antigua cantera de A Brañela, en Negueira de Muñiz. El proyecto requiere una inversión de 900.000 euros, tiene una vida estimada de 20 años y prevé crear tres empleos.




Un museo como a vida mesma




06/05/2013 - Pilar Cheda / El Progreso (A Fonsagrada)

O mellor para coñecer un lugar é tomar contacto coas súas xentes, a súa cultura, o seu modo de vida. Na Fonsagrada non hai escusa para non facelo porque os propios veciños se preocuparon de habilitar un museo etnográfico que dá conta da esencia da localidade.


Xoán Xosé Molina e Esperanza Abelaidas, na escola do museo. (Foto: Xesús Ponte)
  Este centro está xestionado por un padroado -do que tamén forma parte o Concello- presidido por Xoán Xosé Molina. Sintetiza a historia, costumes e maneira de ser da comarca da Fonsagrada a través de pezas singulares de gran valor patrimonial e artístico.

O museo da Fonsagrada dedica unha parte á arquitectura tradicional. Nesta área o visitante percorre o camiño entre a palloza e a casa de labranza e descobre as mañas dos homes da montaña para sobrevivir no seu contorno.