miércoles, 9 de diciembre de 2009

Pingueiras e maleza minan o colexio de Paradavella, que só funcionou dez anos





A miniagrupación xerou un conflito na Fonsagrada e abriuse con moi pouca matrícula


Unha decisión de Educación sen ter en conta as necesidades reais nin as características da zona afectada xerou un dos maiores dispendios económicos da Consellería na provincia de Lugo. O desaguisado tivo lugar na parroquia fonsagradina de Paradavella, onde foi construído a principios dos anos 90 un edificio para unha miniconcentración escolar que soamente estivo en servizo ao redor dunha década.
Inicialmente a construción dun pequeno grupo escolar estaba prevista na parroquia de Freixo, separada da estrada que vai á cabeceira municipal e limítrofe co municipio de Baleira. Con todo, cando xa foran enviados materiais de obra e ese lugar para iniciar o edificio, a consellería cambiou os seus plans e decidiu situar o centro escolar en Paradavella, a uns tres ou catro quilómetros de Freixo e a medio camiño entre as localidades do Cádavo e A Fonsagrada.
Freixo é unha das parroquias máis extensas e naquel momento con maior número de nenos desa parte do municipio. Aos seus veciños non lles gustou o cambio, e cando comezaron a funcionar as novas instalacións, renunciaron a levar alí aos seus fillos e mandáronos ao grupo escolar do Cádavo. Aquela decisión, froito dun enfado, colectivo sentou cátedra e converteuse en tradición, de modo que aínda agora os escolares de Freixo seguen indo a clases ao municipio veciño.
Paradavella tivera unha escola unitaria, pero cando comezou a funcionar a miniconcentración, levaba anos sen ela. Este centro estivo atendido por dous ou tres profesores. Aínda que está concibido para unha matrícula bastante maior, iniciou o seu funcionamento con pouco máis dunha decena de alumnos, que apenas uns anos despois quedaron en menos e tivo que ser clausurado.
O inmoble está totalmente desaproveitado desde entón e sen ningunha finalidade concreta. Aos poucos vaise quedando sen chapas na cuberta e as humidades son visibles ata nas paredes exteriores. A maleza tamén vai gañando terreo e a deterioración é grande.

No hay comentarios:

Publicar un comentario