miércoles, 25 de mayo de 2011

Os lobos matan un tenreiro e provocan o aborto dunha vaca na Fonsagrada




Un rabaño de vacas de Lamas de Campos, na Fonsagrada, foi onte obxecto dun ataque de lobos que se saldou cun tenreiro morto, a súa nai ferida e o aborto doutra vaca próxima ao parto.
Os feitos ocorreron de madrugada nun pasteiro próximo a Lamas de Campos. Os lobos coméronse practicamente todo un tenreiro, do que só quedou unha pata, e deixaron malferida á súa nai, que debeu enfrontarse a eles para protexer á cría e sufriu danos de consideración. Ademais, durante a mañá, outra das vacas acurraladas polos lobos sufriu un aborto.
Máis cerca
O gando da Fonsagrada sufriu varios ataques recentemente. O mes pasado, os lobos coméronse outro tenreiro e hai unhas semanas os veciños da Trapa espantaron a un grupo de catro que merodeaba entre as casas. «Ese día non pasou nada porque os oíron e espantáronos, pero andan moi cerca das casas», comenta un gandeiro da Fonsagrada.
Todo parece indicar que as mandas de lobos están a achegarse cada vez máis ás poboacións e que están a perder o medo ao home. Efectivos do servizo de montes da Fonsagrada que traballaron recentemente na extinción dun incendio preto do Acevo contemplaron con asombro como un lobo observaba a súa actividade con toda tranquilidade, tombado no pico do monte, sen inmutarse polo despregamento.
Os gandeiros fonsagradinos levan tempo denunciando estes ataques, reclamando medidas de control do lobo e un incremento na contía das axudas da Xunta, que consideran insuficientes para cubrir as perdas que ocasionan os ataques.

No hay comentarios:

Publicar un comentario