28 de mayo de 2016. Actualizado a las 11:19 h.
Cando por volta do ano 2000 o
señor Manuel Chaín (q.e.d) me mostraba a antiga senda do «camín francés»
e real de Paradavella a Montouto (A Fonsagrada) apoiouse en tres
elementos arqueolóxicos persistentes sobre a calzada: a rodeira incisiva
dos carros do país sobre o penedo, ferida na rocha que a
microtoponimia asentou como A Cortada; o treito de vía coñecido como A
Retorta, cambio de sentido para vencer a pendente do terreo e se adaptar
á curva de nivel vindo do nacente deica a Fonte do Salgueiro, por baixo
da Pena da Pousa que leva á Casa do Mesón; e finalmente, as Penelas do
Teixo, pola Carreira do Castelo, onde contan os vellos buroneses que un
lobo domesticado na casa fidalga do Retiro fuxiu cos seus conxéneres
obrigando ao seu dono a gavear pola árbore, aínda que o animal voltase
ao seu fogar.
Logo veu a Xunta e trazou o Camiño
Primitivo na dirección contraria, pola ladeira norte e fría, sobre unha
pista coa máxixima pendente. Mais alá fica a verea de orixe, agardando a
que se pronuncie o TSXG sobre o valor histórico e cultural dos camiños
de antes que atesouran séculos de experiencias compartidas, un
patrimonio que impide -como dicía Curros Enríquez- que as xeracións se
divorcien entre si coa desculpa de que todo «progresa y adelanta»,
tomando o «camiño que non leva a ningure» de Ramón Cabanillas.
¿Quen deseña con total impunidade o
«acondicionamento» dos camiños de Santiago, patrimonio mundial? Aquel
sabio que era o señor Manuel de Paradavella, aprendeume desde a súa
altura nonaxenaria que a calzada fora perfectamente «acondicionada»
polos nosos ancestros, resolvendo os problemas orográficos e de
comunicación con sentidiño, e deixando constancia de esa experiencia en
símbolos materiais e inmateriais consagrados en fermosas palabras para a
posteridade. Agora, a propia Administración encargada de velar por esta
trama camiñeira, introduce escavadoras na calzada, pavimenta con
zahorras, fai táboa rasa, tapa e achaia a nosa memoria depositada nos
camiños vellos. Cando a máquina avanza, sepulta cada vestixio do pasado,
mutila a traza arqueolóxica, crea un neotrazado con encefalograma
plano, sen historia, sen palabras. Miña mai diría que é «oficio dos
vagos». Eu diría, como o profesor Alonso Montero, «de incompetentes que
por enriba cobran».
Os nosos avós tiñan camiñeiros para
estes mesteres. Rozaban á mao, facían augueiros para drenar as crecidas,
repoñían as pedras da parede, podaban as árbores, levantaban pasais
para os regos... E o camiño seguía rústico, milenario, auténtico, cheo
de vida. Lonxe de recuperar a traza histórica onde está ocupada, a
administración pública gasta o diñeiro en dar lustre a estes anciáns
para que non os coñeza nin a mai que os pariu.
Sentímonos orgullosos de lograr que a
Unesco coloque o Camiño Primitivo no espello do mundo. Agora somos nós
quen estamos diante do espello. Deixen o Camiño coa súa faciana
tradicional. Devolvan a súa xestión á Consellería de Patrimonio
Cultural, sáquena xa de Turismo, e cesen inmediatamente á equipa técnica
que promove este desastre. Pretenden facernos crer que a traza é só
funcional, irrelevante, un sendeiro recreado. Mentira. Iso é o prezo,
non o valor. A calzada é a esencia do itinerario cultural, da paisaxe
histórica, o argumento clave que permitiu a alta distinción da Unesco. A
lei é clara ao respecto: un ben de dominio público, de carácter
cultural, con categoría de territorio histórico (inalienable,
imprescriptible, inembargable). E o informe de ICOMOS-España do 2007,
advertía que «las autoridades deberían procurar con el mayor esmero la
pervivencia de su trazado físico y los demás bienes muebles e inmuebles
que lo conforman».
Amigos da Fonsagrada. Estanlle a
mudar de cara ao que os asturianos chaman ao «vello camiño real de
Galicia», a rota xacobea máis antiga do mundo. Que a ambición non nos
peche os ollos. A avaricia rompe o saco. Dicía o pai do escritor coruñés
César Antonio Molina, bo amigo das rotas xacobeas: «Vamos a caminar,
que todo se arregla caminando». E o seu fillo salienta que «Caminar es
la mejor manera de pensar, de meditar, de escribir, de hacer poemas...».
Mais o efecto terapéutico de camiñar, precisa dunha senda con valor
espiritual. Non do metal frío da escavadora, nin de burócratas con
corazón de ferro.
Cando a máquina avanza, sepulta vestixios do pasado e crea un neotrazado sen historia
Os nosos avós rozaban a mao, facían drenaxes, repoñían as pedras, podaban árbores...
O efecto terapéutico de camiñar precisa dunha senda con valor espiritual
No hay comentarios:
Publicar un comentario