Os partidos da oposición cren que o expresidente da Deputación "non fixo nada especial para merecer esa distinción"
José Ramón Gómez Besteiro. EP
Tanto o Partido Popular como o BNG locais criticaron que o goberno municipal da Fonsagrada, presidido por Argelio Fernández (PSdeG), tome a decisión de darlle o nome do ex secretario xeral dos socialistas galegos e ex presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, ao novo campo de fútbol da localidade.
Os nacionalistas recordan que "o campo de fútbol foi construído totalmente con fondos públicos", de modo que Gómez Besteiro "non fixo nada especial para merecer esa distinción". Unha homenaxe, por outra banda, que chega "nun momento político delicado para o señor Gómez Besteiro", porque tivo que "dimitir das súas responsabilidades" ao ser investigado pola súa xestión no goberno do Concello de Lugo e da Deputación Provincial, engade o BNG.
Pola súa banda, os populares cualifican esta decisión como "unha ocorrencia" e recordan, na mesma liña que os nacionalistas, que "o investimento fíxoo a institución e non el persoalmente". De feito, sosteñen que na localidade "existe outra xente que atesoura máis méritos que o exlíder dos socialistas" e aos que "A Fonsagradea lles debe maior recoñecemento". Por iso, tamén lamentan que o PSdeG tomase esta decisión sen "buscar o consenso cos demais membros da corporación".
Con todo, o alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, non comprende que populares e nacionalistas "se rasguen as vestiduras" pola decisión do goberno local de darlle o nome do exsecretario xeral dos socialistas galegos e ex presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, ao novo campo de fútbol.
Recordou que agora Gómez Besteiro "xa non está en política", pero durante os oito anos nos que exerceu como presidente da Deputación de Lugo apostou por "un reequilibrio" dentro da propia provincia para que todas as comarcas e municipios puidesen dispor duns servizos similares.
Segundo Fernández Queipo, o propio Besteiro "mollouse" polo concello da Fonsagrada, buscou o financiamento e sacou adiante investimentos importantes para este municipio, polo que "a xente estalle moi agradecida". "Gustaríame que o campo de fútbol se chamara Cacharro Pardo, porque entón levaría trinta anos feito e eu mesmo gozaríao ou que a residencia da terceira idade levara o nome de Anxo Quintana, porque se comprometeu a facela" cando era vicepresidente da Xunta.
Desde o seu punto de vista, as "polémicas só ensucian a quen as provocan", pero neste caso considera que pode ser unha "boa propaganda" para a inauguración do novo campo de fútbol que, ao seu xuízo, é o importante.
No hay comentarios:
Publicar un comentario