Lugo / La Voz 04 de abril de 2014 12:36
O Concello da Fonsagrada organiza para este domingo, coa colaboración da Fundación TIC, a primeira Ruta Cicloturista dous Lobos, que reunirá a 270 participantes de toda Galicia, Asturias e León. O percorrido partirá ás 9.00 horas da Praza do Concello con dous itinerarios, un de 47 quilómetros e outro de 25. Ao terminar, haberá duchas nas instalacións deportivas e a posibilidade de que se laven as bicicletas. A continuación, sobre as 15.30 horas será o xantar. O prezo para participar é de 20 euros e inclúe: seguro, camiseta conmemorativa, comida e avituallamiento durante a ruta. Os interesados teñen toda a información en deportes@fonsagrada.org.
O alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, dixo que «a iniciativa tivo unha grande acollida e xa está pechada a inscrición desde hai días. Estaba previsto un máximo de 200 prazas, pero ampliáronse a 270 para atender a demanda». Segundo relatou, a idea partiu de .. «un grupo de afeccionados ao ciclismo do noso Concello que participan activamente na organización, xa que son os que mellor coñecen a zona á hora de deseñar os trazados»
Esta primeira convocatoria leva o nome de Ruta dous Lobos, xa que o itinerario atravesa lugares de paso habitual destes depredadores, como a Fervenza de Vilagocende. O concelleiro de Deportes, Carlos López, avanzou que a intención é que «nos vindeiros anos se deseñen novas rutas que levarán o nome doutros animais que forman parte da fauna do noso municipio, como pode ser o xabarín».
Pola súa banda, o deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos, afirmou que «esta colaboración forma parte do obxectivo da TIC de contribuír a promocionar actividades organizadas polos concellos así como a nosa provincia».
No hay comentarios:
Publicar un comentario