viernes, 25 de abril de 2014

''Na Fonsagrada imprimimos os panfletos do Día da Patria do 69''

logo
16/04/2014 - Pilar Cheda / El Progreso (Lugo)
 
Naceu en Quiroga, vive en Oiartzun e foi crego na Fonsagrada de 1967 a 1969. Ese tempo chegoulle para acumular historias suficientes para escribir un libro. Enfrontouse ao bispo por misar en galego e aos políticos para conseguir calidade de vida para a xente da montaña.
Chegou en 1967 á Fonsagrada e, aínda que se foi dous anos despois, esa terra nunca saíu del. Xosé Estévez marchou cos petos cargados de experiencias e lembranzas suficientes para facer un retrato dunha sociedade e dun tempo. ‘Un crego atípico na Fonsagrada’ conta a súa primeira experiencia tras saír do seminario, con 24 anos e moitas ganas de loitar polo que cría con todas as armas que atopou a man. Esta obra presentarase o vindeiro sábado, ás doce do mediodía, no Museo da Fonsagrada e o domingo, á mesma hora, na casa museo de Manuel María, en Outeiro de Rei.
Máis de 40 anos despois, volve a vista atrás cara A Fonsagrada.
Un vai maior, chega o inverno e agólpanse as lembranzas. Pensei en escribir sobre esas aventuras que vivín, un tempo que me marcou. Tiña apuntamentos breves que fixen durante os dous anos de estancia na Fonsagrada, fun tirando do fío e saíron cento e pico de páxinas.
Xosé Estévez. (Foto. AEP)
Xosé Estévez. (Foto. AEP)
Como foi ese tempo?
Eran tempos difíciles para todo. Estiven dous anos nas parroquias de San Cristovo de Cuíñas e Santiago de Cereixido. Fun o primeiro en misar en galego na diocese de Lugo e, claro, houbo problemas cando o soubo o bispo, que daquela era Ona de Echave.
Misaba en galego por decisión propia ou porque era a lingua da Fonsagrada?
Eu xa defendía as ideas do nacionalismo desde estudante. Na rectoral de San Cristovo imprimíronse os panfletos do Día da Patria Galega do ano 69 para repartir por toda Galicia. Estaba prohibido e decidimos facelo alí. Tiñamos unha vietnamita que imprimía a manivela e alí estivemos dándolle voltas e voltas. Misaba en galego por convicción, pero tamén é certo que na Fonsagrada o falaban ata os paxaros e as cabras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario