martes, 16 de septiembre de 2014

«Hai 13 anos un peregrino parecía un bicho raro, pero esta ruta espertou no 2004 grazas á sinalización e ao labor de Ricardo Polín»





28 de julio de 2014  05:00

Víctor Lombardía, como responsable de Protección Civil da Fonsagrada, encárgase do albergue público de San Xoán de Padrón (A Fonsagrada) -titularidade da Xunta- desde hai uns trece anos. Ninguén coma el para constatar a evolución que houbo no Camiño Primitivo.
-¿Cambiou moito nos últimos anos?
-Moitísimo. Hai 13 anos un peregrino parecía un bicho raro, pero esta ruta espertou no 2004 grazas ás melloras na sinalización e ao labor do historiador Ricardo Polín, que o deu a coñecer. No albergue de Padrón podemos dicir que cada ano duplícase o número de peregrinos, e agora estamos case sempre cheos. Hai moita xente, e notámolo a pesar de que agora, na Fonsagrada, ademais deste albergue da Xunta, con 24 prazas, hai outros dous privados, tamén con 24 prazas cada un, e hostais e pensións, que tamén reciben camiñantes.
-¿Cal é o perfil dos peregrinos que chegan nesta época á Fonsagrada?
-Sobre todo grupos de rapaces novos. É unha forma barata de pasalo ben e estar todos xuntos. Aquí no público custa 6 euros a noite, e no privado 10. Ademais, este albergue de Padrón ten un encanto especial: hai unha finca enorme na entrada, que temos moi ben arranxada, con un lavadoiro no prado, tendedeiro, lavadora, secadora, máquinas expendedoras, cociña... O punto negativo é que está un quilómetros despois da Fonsagrada, polo que moitos servizos quedan lonxe, e se os peregrinos están moi cansos ou chove prefiren quedar na vila.
-¿Hai moitos estranxeiros?
-Depende da época. En maio, por exemplo, o raro é encontralos de aquí. O normal é que sexan estranxeiros, pero de calquera parte do mundo: Líbano, Australia, Xapón, Brasil... Agosto si que é dos españois. En idade hai de todo, desde novos ata xente de 80 anos.
-¿Veñen a pé ou abunda tamén a bicicleta?
-A maioría fano a pé, e os que veñen en bicicleta non soen parar na Fonsagrada porque non coinciden as etapas. Os ciclistas habitualmente paran en lugares como Castroverde ou O Cádavo.
-¿Como influíu a nivel económico na comarca?
-Notouse moito. Hai que ter en conta que o peregrino ten unha comida diaria de restaurante, normalmente ao mediodía, e o que veñen buscando é, sobre todo, o polbo. O normal é que a cea sexa de bocadillo ou algo cociñado no albergue, como ensaladas ou pasta. E todo iso é consumo. Outro aspecto que empeza a espertar agora, como ocorre noutras rutas, como a francesa, é o transporte de mochilas ou xente que axuda aos camiñantes con transporte.
-¿Onde soen empezar a ruta aqueles que elixen o Camiño Primitivo?
-Este camiño vén desde Irún, e en Oviedo bifúrcase pola Costa ou polo Primitivo. Pero a gran maioría empeza en Oviedo. De alí á Fonsagrada son 6 días a pé e de aquí a Compostela son outros 6, con 157 quilómetros. A diferenza é que en Asturias o terreo é máis bravo que aquí, os descensos son criminais, hai zonas de 1.600 metros de altura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario