martes, 26 de enero de 2016

O Concello da Fonsagrada concede o Butelo de Ouro a Enrique López

Progreso de Lugo

O investigador fonsagradino recibirá a distinción o vindeiro domingo na localidade


O investigador Enrique López Fernández recibirá o vindeiro domingo o Butelo de Ouro, distinción que concede o Concello da Fonsagrada a persoas que destacan pola súa contribución en favor do municipio.
Enrique López naceu en Vilabol de Suarna en 1929 e desde moi novo interesouse pola historia e a etnografía da contorna. Aos 14 anos ingresou no seminario e, tras ordenarse e traballar un tempo de crego, marchou a Roma a realizar estudos bíblicos. Á volta, deu clase no seminario de Oviedo, pero quería un título civil e licenciouse en Filoloxía Semítica na Universidade de Barcelona, onde tivo ocasión de perfeccionar os seus coñecementos de hebreo e arameo. Aprobou unhas oposicións de latín e exerceu como profesor en varios institutos. Desde 1985 é coengo da catedral de Oviedo.
Este amplo currículo profesional vai paralelo á súa obra como investigador e historiador. É a persoa que máis leva escrito sobre A Fonsagrada e un dos investigadores máis dedicados á zona. Historia, patrimonio cultural e arqueolóxico, etnografía, costumes... Enrique López Fernández non ignora case nada da Fonsagrada.
Esta gran achega ao coñecemento da súa terra, tanto para propios como para alleos, foi o que moveu ao Concello a outorgarlle o Butelo de Ouro. A distinción seralle entregada o domingo que vén, no transcurso da Feira do Butelo. O acto terá lugar na casa do concello ás doce do mediodía.
O alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, considera que o investigador de Vilabol de Suarna merece o recoñecemento dos seus veciños porque «sempre estivo defendendo a nosa terra». Destacou «a súa bagaxe cultural e os seus coñecementos sobre a historia do concello. Ten un currículo digno de calquera distinción».

No hay comentarios:

Publicar un comentario