lunes, 26 de septiembre de 2016

«Nacín na aldea, fun un Balbino total»

«Nacín na aldea, fun un Balbino total» 

Chegou no 61 a Compostela desde San Martín de Suarna, unha parroquia da Fonsagrada, e axiña se interesou polos estudos do galego, «que eran un ermo aquí»


Santiago / la voz 26/09/2016 05:00
Aqueles que teñen moito que contar soen dicir que non merecen entrevistas. Algo así pasa con Antón Santamarina, un dos máis importantes lingüistas galegos que na actualidade, como profesor ad honorem, segue e traballar todos os días no Instituto da Lingua Galega «pero facendo o que quero, traballo estritamente no que me gusta e iso é un privilexio». Naceu en San Martín de Suarna, na Fonsagrada, así que di que, «fun un Balbino total». O maior de tres irmáns, alguén lle debeu dicir aos seus pais que valía para estudar «e cando tiña once anos mandáronme ao seminario de Lugo».
Era o xeito que tiñan de estudar os seus fillos moitas familias «cando non había outra maneira». Pero se Rosalía tivo saudades, Santamarina tivo señardá, «era un neno afeito a correr pola aldea, e que te leven a sesenta e tantos quilómetros con once anos, a un colectivo deses medio cuartelario, é un cambio bastante grande». Así que botou dous anos, volveu, e seguiu por libre os seus estudios. Ao final marchou para Lugo para acabar o bacharelato, e no 61 chegou a Santiago, á Facultade de Filosofía e Letras, a actual Historia. «Estudar era unha saída, non me desgustaba tampouco a vida da aldea», apunta Santamarina, quen recoñece a axuda dos seus tíos que se exiliaron en Estados Unidos e permitiron que todos os irmáns estudaran.

Cando chegou aquí a única licenciatura que se podía facer na facultade era a de Historia, pero xusto nese momento implantouse Filoloxía Hispánica, polo que se quedou en Santiago. Xa tiña este catedrático interese polo galego, que se lle espertou quizais nos anos de bacharelato. Mesmo antes de que Alonso Montero lle dera clase no instituto masculino, en Lugo, «pero se non o tiña claro, quizais Alonso acabou convencéndome».
Era aquela, o Santiago do 61, unha cidade clerical, «levítica, que dicía Varela Jácome, un dos nosos profesores. Había moitas procesións e mesmo os docentes eran membros de confrarías e saían cos cirios a pasear polas rúas». Cando acabou a carreira chegáronlle ofertas pero non tiña apuro. Fixo as prácticas de milicias en Parga e tamén unha memoria de licenciatura sobre o vocabulario da súa comarca, que acabou cristalizando nunha tese de doutoramento. «Daquela eramos tan poucos e a oferta tan grande que me chamaron para facerme cargo dunhas materias da facultade. Estaba na miña casa e mandáronme recado de que me chamaba Constantino García, quen foi despois o meu mentor». De aí que un ano despois de saír como estudante da facultade, volveu entrar como profesor de dialectoloxía española e gramática histórica.
Porque o galego, ata ese momento, «era un ermo», di. En toda a carreira so había unha materia no último curso de lingüística e literatura galega que daba Carballo Calero, e os estudos filolóxicos en Galicia non existían, «sabíase moito máis de como era a estrutura dialectal de Asturias que a de Galicia».
Foi Constantino García, curiosamente asturiano, quen empezou a estimular a moitos alumnos para facer este tipo de estudos filolóxicos, e tamén quen no 71 puxo en marcha o Instituto da Lingua Galega. E aínda que xa se estaba no tardo franquismo e pasaran as revoltas do 68, «aquí moi sonado», quizais o ILG non se podería fundar se non fose porque Constantino tivo a perspicacia de poñer como membros do padroado a institucións que daquela o Ministerio de Educación non tiña como revolucionarias, como a Fundación Barrié ou a Academia Galega. ¿E cando foi a mellor época para o galego a nivel social? Di Santamarina que, «aínda non chegou».
Nome. Antón Santamarina Fernández (1942, San Martín de Suarna, A Fonsagrada).
Profesión. Catedrático de Filoloxía Románica.
Rincón elixido. A rúa dos Loureiros, no número 15, onde estaba a pensión na que viviu cando chegou a Santiago alá por 1961.

sábado, 24 de septiembre de 2016

BALCONS DA CORUÑA (2)