lunes, 25 de enero de 2010

75 concellos perderon xa máis da metade da súa poboación desde 1970




O progresivo envellecemento da poboación galega, a emigración ao estranxeiro ou a outras comunidades autónomas, o éxodo do rural ás cidades e a brusca caída da natalidade son as principais causas de que o interior de Galicia estea a quedarse sen xente. Os datos indican que o último ano non foi unha excepción, tendo en conta que o 70% dos concellos reduciu o seu padrón en comparación con 2008. Pero a situación nalgúns municipios é alarmante. De feito, 75 concellos galegos perderon desde 1970 máis da metade da súa poboación, coas terribles consecuencias que isto leva.


As cifras do Instituto Nacional de Estadística (Ine) son demoledoras. Cruzando os datos do censo de 1970 —o último que se realizou antes da chegada da democracia— co padrón municipal de 2009, chégase á conclusión de que 75 municipios da comunidade quedáronse sen a metade dos seus veciños en apenas 40 anos. Hai algúns casos dramáticos, como os da Capela (A Coruña), Navia de Suarna (Lugo) ou A Veiga (Ourense), onde a poboación se reduciu a unha terceira parte.

''O despoboamento no interior de Galicia ten unha parte que é irreversible'', comentaba recentemente neste xornal Andrés Precedo Ledo, catedrático de Xeografía Humana da Universidade de Santiago (USC). O éxodo rural produciuse máis tarde que noutras partes de España e, unido á freada na natalidade, configurou unha nova repartición poboacional do que saíron beneficiadas as cidades e as súas áreas de influencia. A peor parte levárona os concellos do rural, sobre todo en Lugo e Ourense.

Fóra de Ortigueira —que reduciu a súa poboación á metade pola segregación do concello de Cariño—, a maioría dos municipios que entraron nesa 'Uvi demográfica' están situados nas provincias do interior. Hai comarcas enteiras, como as situadas nas zonas montañosas. Pero o interior da Coruña e de Pontevedra tampouco se libra.

Empeoramento
A caída da poboación nas zonas rurais iniciouse a mediados de século, pero acentuouse durante os oitenta e os noventa. A estas alturas aínda non se lle conseguiu pór o freo. Os últimos datos do Ine confirman que só tres de cada dez municipios galegos gañaron habitantes o pasado ano, a maior parte deles nas zonas urbanas máis dinámicas de Galicia. O 70% restante volveu perder poboación, unha situación que se repite ano tras ano.

Pero o panorama para o futuro non é precisamente alentador. A comunidade galega quedará sen un 3% da súa poboación no período 2009-2019, tal como auguran as proxeccións que elabora o organismo estatístico do Goberno. A freada á inmigración —que permitiu gañar habitantes nos últimos anos—, o envellecemento e a crise vexetativa (máis defuncións que nacementos) seguirán golpeando con forza aos municipios do interior de Galicia.

É máis, aos 75 concellos que perderon máis da metade da súa poboación desde 1970 únense outros tantos que aínda non superaron esa barreira do 50%, pero que xa se atopan no límite. A Baña, Carballedo, O Saviñao, Xermade, Entrimo ou Larouco son algúns dos municipios nesta situación.

Consecuencias
O despoboamento do rural galego está a provocar importantes consecuencias nos municipios que o padecen. Os efectos déixanse notar no plano económico, pero tamén a nivel social e ambiental. ''Algúns concellos quedarán para realizar safaris'', adoita advertir o ex presidente da Fegamp, Xosé Crespo, un dos poucos dirixentes galegos que se postulou firmemente en favor da fusión de concellos.

E é que o drástico descenso da poboación leva consigo unha importante caída nos ingresos das arcas municipais. A recadación por impostos e taxas non é a mesma se un concello pasa de ter 5.000 habitantes a pouco máis de 1.000. Pero moitos dos gastos que asume o municipio —como a iluminación, a recollida de lixo ou o asfaltado e conservación de pistas— permanecen inalterables, con independencia de que o padrón municipal aumente ou diminúa.

O descenso da poboación tamén ten efectos directos no funcionamento das corporacións locais. Os concellos aumentan o seu número de concelleiros en función dos tramos de poboación (250, 1.000, 2.000, 5.000, 10.000, 20.000, 50.000 ou 100.000 habitantes). Pero en Galicia adoita pasar o contrario e o habitual xa é perder edís. Tras as últimas eleccións locais (en 2007) os municipios galegos quedaron sen 19 concelleiros respecto dos comicios anteriores, celebrados en 2003.

A todos estes problemas hai que sumar a repercusión específica que ten o despoboamento no medio rural. Os últimos datos do Ine sitúan en preto de 1.500 as aldeas abandonadas en Galicia, coa consecuente deterioración do seu parque inmobiliario e o abandono dunha inxente superficie forestal. Centos de leiras sen limpar que compoñen unha das partes máis dramáticas da crise demográfica que atravesa a comunidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario