lunes, 4 de enero de 2010

A Fonsagrada acolle a rodaxe dun documental sobre o Batallón Galicia




A produtora cinematográfica independente Xamalú Filmes comezou a rodar no municipio lucense da Fonsagrada un documental sobre a historia do Batallón Galicia e o comandante Moreno, desde que os seus integrantes abandonaron A Coruña ata que os últimos membros do continxente foron asasinados nas inmediacións do Alto do Acevo, cando fuxían da fronte asturiana, segundo informou a AGN a historiadora e asesora deste proxecto, Carmen García Rodeja, que forma parte da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e coordinou os traballos de exhumación dos cadáveres.

A primeira parte da rodaxe está a realizarse na Fonsagrada porque foi nese municipio lucense, na fronteira co concello asturiano de Grandas de Salime, onde a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) atopou e exhumou os cadáveres dos trece últimos membros do Batallón Galicia, entre eles o do mítico comandante Moreno, que foron asasinados en outubro de 1937 cando fuxían da fronte.

A directora Manane Rodríguez fíxose cargo deste proxecto, que conta co asesoramento da propia García Rodeja e dos investigadores Eliseo Fernández, experto no movemento anarquista, e Luís Miguel Cuervo, presidente da asociación 'Todos os nomes de Asturias'.

Co título 'Memorias Rotas', o documental divídese en tres partes para recuperar os recordos das familias dos asasinados; a propia evolución do Batallón Galicia, desde que saíu da Coruña ata que os seus últimos integrantes foron asasinados nas inmediacións do Acevo e, para rematar, o testemuño do pobo, especialmente daquelas persoas que foron testemuñas directas dunha parte da historia deste grupo de homes.

García Rodeja explicou que o documental pretende reflectir en que situación quedaron as familias cando foron asasinados os membros do Batallón Galicia e, en base a fontes documentais e testemuños persoais, botar algo de luz sobre o que sucedeu no Alto do Acevo a finais de outubro de 1937, cando 13 persoas foron asasinadas e enterradas en catro fosas diferentes.

A directora Manane Rodríguez, autora de filmes como 'Un conto para Olivia', 'Só eu se o teu nome' ou 'Os pasos perdidos', volve aliarse para sacar adiante este documental coa produtora coruñesa Xamalú Filmes, fundada en 1994, que xa conta cunha ampla traxectoria no mundo das producións cinematográficas independentes.

Obra de teatro
Ademais deste documental, os sucesos do Acevo tamén inspiraron unha obra de
teatro, escrita por unha xornalista francesa, que se estreará en marzo en París. Baixo o título 'Onde vas Pedro', narra a historia dunha muller que busca ao seu avó, mediante un fío argumental tecido a partir dos asasinatos da Fonsagrada.

García Rodeja confirmou que o mércores 26 de novembro chegará ao municipio lucense a directora da obra, o seu guionista e a actriz principal. Estarán na Fonsagrada ata o próximo fin de semana, para ambientar os escenarios da representación e coñecer de primeira man a historia dos feitos ocorridos no Alto do Acevo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario