viernes, 15 de enero de 2010

Un vendaval inesperado de ata 160 km/h deixou sen luz a 230.000 galegos




Os fortes refachos de vento que na madrugada de onte fixeron recordar ao ciclón Klaus en vésperas do seu aniversario foron aínda máis problemáticas polo imprevisto do temporal. A forza do vento, que alcanzou a súa velocidade máxima na estación de Ons con 160,3 quilómetros por hora, non motivou ningún tipo de alerta previa por parte de Protección Civil, pois as previsións meteorolóxicas circunscribían os efectos da borrasca ás zonas marítimas da comunidade.
Con todo, os cortes de luz motivados polas múltiples caídas de árbores deixaron a 230.000 galegos sen enerxía eléctrica nos seus fogares nas horas álxidas do vendaval -entre as dúas e tres da madrugada-, unha cifra que se reduciu practicamente á metade a media mañá. Uns 200.000 eran usuarios de Gas Natural-Unión Fenosa, compañía que referiu as súas incidencias máis importantes en Betanzos, Sigüeiro e Bergondo. Outros 30.000 eran abonados de Begasa en concellos da provincia de Lugo como Guitiriz e Castro de Rei, onde os cortes duraron ata preto da unha da tarde. Noutros próximos, como Begonte e Cospeito, o corte foi máis breve e restableceuse antes. Sobre a unha e media da tarde permanecían sen luz unhas 26.000 persoas. Este xornal puido comprobar que a media tarde de onte aínda había abonados sen servizo en municipios como Miño, Bergondo e Abegondo. Gas Natural deu por restablecida a normalidade ás 20.30 horas.
O rastro da borrasca deixou os seus escenarios máis caóticos na costa sur de Galicia, especialmente en Vigo, Pontevedra e a ría de Arousa. Nestas zonas numerosas embarcacións acabaron en seco, mentres que o vento provocaba múltiples desfeitas con árbores caídas e tellados de uralita polo aire. A Xunta informou de polo menos 60 incidencias nas estradas, pero ningunha da rede autonómica tivo que ser cortada, aínda que a A-55, en Vigo, viuse afectada durante unha hora pola caída dun eucalipto. Na hora escasa que durou o vendaval, o servizo de urxencias do 112 rexistrou ata 400 chamadas.
Algúns sustos poderían causar males maiores. É o caso do guindastre de obra que caeu ao redor das tres da madrugada sobre tres edificios do centro de Carral, unha infraestrutura que permanecía instalada nunha obra paralizada e que ninguén se preocupou de retirar. De feito, a licenza caducara o pasado 30 de novembro.
No entanto, a caída de árbores só provocou tres feridos leves, dous na provincia de Lugo (nos municipios das Nogais e Ribas de Sil) e outro no Porriño (Pontevedra), pola caída de árbores sobre os seus coches. Lugo foi a provincia na que máis escolares quedaron sen clase (uns 500).
As instalacións agrícolas e gandeiras, así como as pesqueiras, foron máis castigadas, ata o punto de que Unións Agrarias reclamou axudas á Xunta para paliar os danos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario