Custou moitísimo, sufriuse o indecible, pero a espera valeu a pena. O
CD Lugo é xa equipo de Segunda División, logo de superar ao Cádiz na
quenda de penaltis do último partido da fase de ascenso.
O
último partido da tempada, que terminou 3-1, tivo moitísimos nomes
propios, pero para a historia do cadro lucense van quedar dous: Quique
Setién, o adestrador que levou ao equipo a disputar dúas fases de
ascenso a Segunda División, e Manu, o capitán, o home que foi capaz de
meter o último penalti. Pero se poden citar máis nomes, como Escalona,
que encaixou tres goles pero parou un penalti durante o tempo
regulamentario e outro na quenda final. Ou Monti, que foi o autor do
único tanto do Lugo no minuto 28.
Para entón, o encontro xa era agónico. Os locais, empuxados por un
público entregadísimo, marcaron no minuto 13, polo que quedaban a un só
gol da remontada. Mentres, o Lugo mostraba lagoas defensivas, que
puxeron co corazón nun puño aos incansables seguidores branquivermellos
que se cruzaron media España para seguir ao seu equipo.
Pouco antes do descanso, o Cádiz tivo un penalti a favor, pero
desviouno Escalona. Os cadistas 'vingáronse' nada máis volver de
vestiarios, por medio de Dioni. E case vinte minutos despois, nun fallo
de marcaxe, Juanjo puña o 3-1 no marcador e deixaba igualada a
eliminatoria.
O marcador non se volveu a mover, e os locais fóronse difuminando,
mentres que os visitantes, que ao principio parecían esmagados pola
calor, foron atrevéndose en peligrosísimos contragolpes. Pero nin as
dúas clarísimas ocasións que tivo Berodia serviron para que o marcador
movésese. E ao final chegou a lotería dos penaltis, Berodia volveu
fallar, tamén o fixo Belfortti, pero xurdiu Escalona para parar un
lanzamento, Akinsola enviou fóra o seu tiro e Yuste, ao pau, e, a
continuación Manu atinó para levar ao Lugo desde a Tacina de Prata á
División de prata.
Segundos despois empezaba a festa, tanto no mesmo Ramón de Carranza
como en Lugo. No campo gaditano, os seguidores branquivermellos
acirraron a Setién ("¡Quique, queda!") e aos xogadores e ao presidente e
o director deportivo, que foron manteados polos futbolistas. En Lugo, a
Praza de Augas Férreas encheuse para ver o partido en pantalla xigante;
ao acabar, a Fonte do Rei converteuse no centro da celebración. ¡Este
ano si!
No hay comentarios:
Publicar un comentario