III.
Outras disposicións
Consellería
de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
RESOLUCIÓN
do 17 de xullo de 2012, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola
que se incoa o expediente de delimitación do Camiño de Santiago
Primitivo ou de Ovedo ao seu paso por Galicia.
O Camiño de Santiago foi declarado
conxunto histórico-artístico en virtude do Decreto 2224/1962, do 5 de
setembro (BOE nº 215, do 7 de setembro), pero sen que se documentase
graficamente o seu percorrido. Segundo o decreto, esa declaración
comprende «os lugares, edificios e paraxes coñecidos e determinados
actualmente e todos aqueles outros que a partir deste momento sexan
fixados e delimitadospolo padroado que se crea por este decreto». Porén,
a tarefa de delimitación do Camiño non foi acometida ata moitos anos
despois polas diferentes comunidades autónomas.
En Galicia a protección do Camiño de
Santiago foi obxecto dunha regulación especial con rango de lei. En
1996, o Parlamento galego, en exercicio da competencia asumida ao abeiro
da Constitución española e do Estatuto de autonomía, aproba a Lei
3/1996, do 10 maio, de protección dos Camiños de Santiago que, no seu
artigo primeiro, dispón «para os efectos da presente lei, enténdese como
Camiño de Santiago todas as rutas históricas recoñecidas
documentalmente». No número terceiro dese mesmo artigo sinálase como
ruta principal o denominado Camiño Francés, e no cuarto lese o seguinte:
«as outras rutas que se enmarcan na denominación xeral de Camiño de
Santiago correspóndense coas actualmente coñecidas como Camiño
Portugués, Ruta da Prata, Camiño do Norte, Camiño de Fisterra, Camiño
Inglés e Ruta do Mar de Arousa e Ulla». O Camiño coñecido baixo a nome
de Primitivo ou de Ovedo é unha das dúas variantes do mencionado Camiño
do Norte.
O artigo 5 da devandita lei establece o
procedemento para a delimitación dos Camiños, que se levará a cabo
mediante expediente incoado para o efecto. En virtude do dito artigo,
por Acordo de 12 de novembro de 1997, o secretario xeral da Consellería
de Cultura e Comunicación Social acorda someter a información pública o
expediente de delimitación do Camiño do Norte, ruta de peregrinación
polo interior, que percorre os concellos da Fonsagrada, Baleira,
Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide, onde
entronca coa ruta principal do Camiño de Santiago. O Diario Oficial de Galicia nº 26, do 9 de
febreiro de 1998, publica unha corrección de erros, na cal advirte que o
que se somete a información pública é o trazado relativo á devandita
delimitación. Ese procedemento non foi resolto.
Mediante estudos posteriores revisouse o
devandito trazado e procedeuse ao estudo do territorio histórico a el
asociado, a efectos da súa delimitación e axeitada protección.
Visto o interese histórico-cultural do
Camiño de Santiago Primitivo ou de Ovedo e a necesidade de dar
cumprimento ao establecido pola lei, atendendo á proposta de resolución
presentada pola Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural,
de acordo co pronunciamento favorable do Comité Asesor do Camiño de
Santiago manifestado na súa reunión do 5 de xullo do ano en curso, en
virtude das competencias atribuídas no Decreto 337/2009, do 11 de xuño,
modificado polo Decreto 110/2010, do 1 de xullo,
RESOLVO:
Primeiro. Incoar o expediente de
delimitación do Camiño de Santiago Primitivo ou de Ovedo, segundo a
proposta que se concreta no anexo que se xunta a esta resolución.
Segundo. Acordar a apertura do trámite
de información pública por un período de dous meses, que comezará a
contar desde o día seguinte á publicación desta resolución no DOG,
durante o cal se poderá examinar o expediente na Dirección Xeral de
Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria (Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 2º,
Santiago de Compostela), no Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura
Territorial da Consellería en Lugo e nas oficinas municipais que en cada
concello haxa dispostas para estes efectos.
O expediente estará integrado pola
seguinte documentación: o informe-proposta da Subdirección Xeral de
Protección do Patrimonio Cultural, no cal se dá conta dos antecedentes,
marco legal e consideracións técnicas que xustifican a delimitación do
trazado e do territorio asociado, a presente resolución de incoación do
expediente de delimitación co seu anexo gráfico, e unha separata por
concello (en total 9), coa seguinte información sobre a ruta dentro de
cada termo municipal: antecedentes históricos, breve xustificación do
trazado do camiño proposto e descrición pormenorizada do percorrido, un
mapa xeral do estado de conservación do camiño, descrición breve do
contorno do ámbito do territorio histórico protexido coa lista de
elementos patrimoniais nel situados, cun anexo fotográfico e planos a
escala 1:10.000.
Terceiro. Notificar esta resolución aos
concellos por cuxos termos discorra o Camiño e anunciala no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de xullo de
2012
José Manuel Rey Pichel
Director xeral do Patrimonio Cultural
Director xeral do Patrimonio Cultural
ANEXO
No hay comentarios:
Publicar un comentario