ENQUISA
05/05/2013 - El Progreso (Lugo)
LUCAS GONZÁLEZ, desempregado
«Fainos falta un campo de fútbol porque hai que ir xogar a Asturias»
«A Fonsagrada necesita un campo de fútbol porque cada vez que queremos xogar temos que ir a Asturias. Normalmente imos a Xestoso, en Santalla de Oscos. É unha vergoña que ata O Cádavo teña campo de fútbol e nós non. Tampouco hai equipo na Fonsagrada, pero porque é difícil telo se non hai onde xogar. As instalacións deportivas son, en xeral, escasas. Só hai un polideportivo e non moi ben equipado. Tampouco temos unha piscina municipal».
ISABEL MARTÍNEZ, transporte escolar
«Necesitamos mellores servizos porque hai moita dispersión»
Isabel Martínez, transporte escolar |
«A Fonsagrada é moi grande, hai moita dispersión e necesitamos mellorar os servizos para que cheguen a todas as parroquias. Cada vez hai menos poboación, pero facía falta que se acordaran de que estamos aquí arriba, que só se lembran para cobrar impostos. Por exemplo, hai pouco investimento nas aldeas. Para os nenos non hai actividades fóra da vila e xa viaxan moitos quilómetros para ir á escola, non poden estar todo o día na estrada».
LICINIO PÉREZ, hostaleiro
«Os pasos de peóns da avenida de Galicia están en mal estado»
Licinio Pérez, hostaleiro |
«Sería necesario amañar os pasos de peóns da avenida de Galicia porque algúns están en moi mal estado e é perigoso telos así. Tamén fan falta instalacións deportivas. Non temos campo de fútbol nin piscina pública e hai moitos rapaces que poderían utilizalos se dispuxesen deles. Están agora facendo a residencia de maiores, que é un servizo que tamén se necesita na Fonsagrada. A ver se desta vez a dan feito porque levamos moito tempo esperando por ela».
ADRIÁN MURIAS, estudante
«Estaría ben aproveitar o río para actividades deportivas»
Adrián Murias, estudante |
«Eu creo que A Fonsagrada necesita máis infraestruturas deportivas. Estaría ben organizar algo para navegar en canoa porque temos que ir a Asturias para practicar ese tipo de deportes. No verán vai moita xente a Ferreira para iso e non creo que fora moi difícil contar aquí con instalacións porque praia fluvial xa temos. Tamén boto en falta unha pista de tenis con medidas reglamentarias porque a que temos está ben, pero é máis pequena do normal».
BELÉN QUEIZÁN, autónoma
«O máis urxente é crear emprego para asentar poboación»
Belén Queizán, autónoma |
«O que máis falta fai na Fonsagrada é poboación porque cada vez van a menos os veciños. Hai moitos máis vellos que novos. O máis urxente sería crear emprego para que a xente non tivese que ir fóra a traballar e as familias se puidesen asentar aquí. Eu penso que os servizos van ligados á poboación e na medida en que esta descende tamén nos recortan as prestacións. Entendo que para pouca xente sae caro manter algúns servizos, pero son necesarios».
No hay comentarios:
Publicar un comentario