PARA ASINAR CLICA:
"Galicia é unha mina", di un dos lemas da Dirección Xeral de Minas da Xunta de Galicia. E é verdade. Entre as comunidades autónomas, Galicia é só a sétima por superficie, pero a cuarta en produción mineira, con máis de 520 explotacións activas que xeralmente non son un exemplo de respecto á lei e ó patrimonio ambiental. Agora, coa escusa da crise e da procura dalgúns postos de traballo por algúns anos, a Xunta quere permitir que a codicia das empresas de minería convirta Galicia enteira nunha gran mina a ceo aberto, destruíndo o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico, poluindo o medio ambiente e poñendo en perigo a saúde das persoas. Aínda hai tempo para salvar a Galicia, que agora está máis en perigo que nunca. Ou actuamos agora, ou ímola perder para sempre. Asina esta petición agora e solicita ao presidente da Xunta que non permita a destrución de Galicia.
Do respeto ao medio ambiente polas empresas de minería de Galicia xa temos algúns exemplos: A canteira que proporcionou arenisca para a cuberta da Cidade da Cultura foi pechada por falta de licencia. As pizarreiras de Valdeorras e Quiroga devoraron xa varios quilómetros de ríos e coas súas xigantescas escombreiras están invadindo espacios protexidos de O Courel e Pena Trevinca (suministran a metade da lousa para tellados a nivel global e dan grandes beneficios para algúns, pero 8 dos 10 de euros necesarios para a restauración ambiental dos seus residuos veñen de subsidios públicos). Abandonada sen restauración ambiental así fica desde fai 25 anos a mina de estaño de Penouta, que agora se quere reabrir polo tantalio que aínda contén.
Pero estes problemas non serán nada en comparación con aqueles que nos veñen enriba.
Cales son as ameazas que afronta Galicia?
(1) O exemplo máis coñecido ata agora é unha enorme mina a ceo aberto para extraer ouro (só 1,6 gramos por tonelada de rocha) en Corcoesto (A Coruña). A extracción do ouro non só deixaría grandes feridas na terra: por cada quilo de ouro, ademais de consumirse 128 kg de cianuro no proceso, xeraríanse 4.000 toneladas de lixo e detritos que conterían, finamente moído e moi soluble, 250 kg. de arsénico antes "preso" dentro das rochas e pouco soluble. Pero Corcoesto sería só o primeiro dunha serie de proxectos de megaminería.
(2) Goldquest, outra compañía canadiense, proxecta explotar un un territorio que forma parte de dous reservas da biosfera na zona da Fonsagrada (Río Eo-Oscos-Burón e Terras do Miño) para explotar ouro, plata e plomo. Ademáis, polo menos contémplanse outros cinco proxectos de minería a ceo aberto de ouro e prata en territorio galego.
(3) Unha multinacional surafricana está realizando tarefas de prospección de cara a apertura dunha mina de coltan e terras raras na Serra do Galiñeiro, en Vigo, que tería un enorme impacto sobre o medio ambiente, paisaxe e poboación, xa que o espazo proxectado da mina afecta directamente a varias vilas. Nunha mina semellante situada en Baotou (China), as toxinas resultantes da explotación remataron envelenando a auga, os cultivos e os habitantes, segundo un informe da Axencia Reuters do ano 2010.
(4) No entorno do parque das Fragas do Eume, un dos lugares máis fermosos e máxicos de Galicia, estase a planear a apertura dunha mina de andalucita a só 50 metros da beira do Parque Natural, na confluencia do río principal e algúns dos seus afluentes.
(5) A Xunta non só quere permitir novas explotacións: por mor do aumento dos prezos globais quérense reabrir vellas minas de metais en toda Galicia, tanto as que aínda teñen dereitos de explotación vixentes como aquelas para as cales se declarou a súa caducidade e que o goberno rexional quere revivir levándoas a concurso público, como xa ocorreu nas provincias de A Coruña (polo menos 10 solicitudes aprobadas ou en trámite para minas de estaño e wolframio) e Ourense.
A Xunta vende á poboación galega estas actuacións como unha "oportunidade de creación de emprego." Pero non ten interese en difundir as terribles consecuencias que esta intensa actividade mineira pode ter no futuro e, ignorando as moitas voces en contra, aproba declaracións "exprés" de impacto ambiental pouco rigurosas e sen as garantías adecuadas (garantía bancaria e / ou seguro responsabilidade) para que os contribuíntes non teñan que pagar un posible desastre coma o de Aznalcóllar.
A minería a ceo aberto ten grandes efectos sobre a saúde das persoas e no medio ambiente, como demostran numerosas investigacións científicas e os datos que chegan de comunidades afectadas en todo o mundo. Moitas operacións de minería en Galicia, en marcha ou proxectadas, ignoran as áreas de protección necesarias para núcleos de poboación e entornos naturais, e por iso é inevitable que se acaben producindo tales danos.
E, finalmente, o Goberno de Galicia non plantexa cales son os efectos a nivel ambiental e na saúde das persoas cando estes proxectos vexan finalizada a súa vida operativa. As empresas marcharán, o emprego asociado con elas desaparecerá, pero, cal é a extensión dos danos causados a esta xeración e ás futuras? Uns poucos empregos precarios e limitados no tempo non poden hipotecar o futuro da terra e a saúde do seu pobo.
É hora de dicir ós responsables da Xunta de Galicia que non den ás á megaminería contaminante. Asina e difunde esta petición para deter este desastre antes de que aconteza. Xuntos podemos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario