jueves, 9 de mayo de 2013

Augas que caen sobre mollado



O mito (falso) do milleiro de nomes que teñen os inuits para a neve tórnase certeza en Galicia para darlle verbo ás distintas formas da auga. A profesora de Filoloxía da USC Elvira Fidalgo ten identificado máis dun cento de vocablos para referirse ao líquido elemento que cae dos ceos sobre as cacholas dos galegos. Seguro que non fai falta darlle moito traballo aos miolos para atopar varias ducias, xa que no que vai de exercicio meteorolóxico -comeza co outono, coma o colexio- en Galicia poallou, babuxou, barruxou, zorriscou, chuviscou, orballou, viñeron trebóns, ballóns e dioivos, choveu a cachón e caeron chuzos de punta. Arrollou o ceo mesmo por riba das súas posibilidades e nin os nostálxicos ousaron repetir o retrouso habitual de que os de antes si que eran invernos e que o de agora é un puro sucedáneo.

A auga fai paisaxe no país dos mil ríos e permite levar as katiuskas con dignidade. Porque, como se amañan as e os ‘fashion victims’ de secano para ir á oficina coas botas de goma cando os mercurios non baixan dos quince graos e chove só nos anos bisiestos?



Por riba, a auga precipitada nos derradeiros meses deulle de beber ás concas fluviais e puxo rebentóns os cauces, que estoupan en fervenzas, seimeiras, chorredeiras, mergulleiras, pincheiras, ruxidoiras... (outra vez a sinonimia), que merecen esta primavera unha primeira aproximación para os legos e unha nova visita para os que xa as coñecen, porque hai moitos invernos que non ofrecen un espectáculo semellante.

Como nunca choveu que non escampase, esta fin de semana as nubes asinan un armisticio que mesmo pode prolongarse más aló de oito ou seis horas. Nunca mellor para coller petate e, como quen oe chover, asistir ao circo de tres pistas que supoñen as acrobacias das augas continentais.

No oriente da provincia, o municipio da Fonsagrada agocha algunhas das máis alucinantes fervenzas -no oriente, seimeiras- das terras de Lugo, con diferentes niveis de esixencia segundo o estado de forma dos camiñantes que se dirixan na súa procura.

Unha das máis asequibles de visitar e que non defrauda é a de Vilagocende, a uns poucos kilómetros a seguir a estrada que comunica a capitalidade municipal con Vilabol de Suarna. Non pretenda chegar co coche ata ao pé mesmo da agua. Cando atope a sinalización da seimeira de Vilagocende deberá seguir polo camiño pedestre durante un par de quilómetros. O firme está ben, pero que ninguén agarde atopalo libre de lama, así que calzado cómodo, impermeable e coidado cos esvaróns. O ruído de trono vai facendo aviso de que a fervenza de Vilagocende chega farta de auga. A potencia líquida rega por aspersión a contorna e mesmo levanta o aire coa súa forza, polo que non está de máis levar un chuvasqueiro se quere achegarse. Paga a pena.

Na oficina de turismo da Fonsagrada, situada no primeiro andar do vello consistorio, dispoñen de información sobre o roteiro de Vilagocende e outros que teñen seimeiras como protagonistas.

Outra das contornas de augas cantaruxeiras (por este tempo cantan forte, puro rocanrol) máis próximas á vila da Fonsagrada é a rota do Forno do Bolo. Son seis quilómetros que, salvados a pé con tempo abondo para quedar pampa coa paisaxe, levan aproximadamente tres horas.

Cóllese a estrada en dirección a Grandas de Salime e chégase ata o núcleo de Queixoiro, próximo ás seimeiras de idéntico nome, que rosman coa forza toda da primavera. O traxecto ten certa dificultade polos desniveis aos que obriga a beira do regato, pero nada que non se poida superar con paciencia, tempo, e un ‘outfit’ axeitado.
As seimeiras de Queixoiro bulen con menos estrondo que a de Vilagocende; pola contra, vanse aparecendo pasiño a pasiño e con cada meandro do cauce de escorrentía ofrecen unha nova e fermosa perspectiva.

Seimeiras hai na Fonsagrada para botar semanas: a de Castañoso no rego das Covas, a de a de Rozabragada en San Martín de Suarna... e, mentres quede neve nos máis altos cumes dos Ancares, seguirán a precipitarse con escándalo e escuma para percorrer os regatos que escarvan os vellos dominios de Burón.

Por cousa da orografía, as chorredeiras aséntanse en Lugo nos territorios máis montañosos do oriente. Porén, hai opcións noutras bisbarras para visitar fervenzas. Na Mariña, nas proximidades da rasa Cantábrica, o municipio de Xove garda un espazo con nome e apariencia de conto marabilloso. Ao Pozo da Ferida precipítanse os zumes do río Xudreiro desde máis metros de altitude e a película, por moito que se pase unha vez despois de outra, nunca é a mesma, xa que os brillos distorsionados polas pingas de auga fan distintos efectos especiais. Chégase pola estrada de Viveiro a Mondoñedo e cóllese o desvío en Valcarría, preto de Chavín.

Os habitantes do poniente lugués teñen á carreiriña dun can unha das máis singulares fervenzas de Galicia que é a de Brañas, en Toques, no berce mesmo do río Furelos que baña as terras de Melide. O rego da Salgueira e o rego de Porto Salgueiro bótanse pola parede pétrea abaixo e desparrámanse nunha contundente caída de 40 metros de altitude. Na rocha mesma agarda o Muíño da Fervenza, que ata os anos setenta do século pasado estivo activo coma un dos de máis sona de Galicia, pola finura da súa moenda. Chégase en poucos minutos desde Melide e, para os de Lugo capital e malia as obras da estrada, non queda lonxe de Friol. Iso si, accédese con vehículo rodado ata a auga mesma, un dato interesante para viaxeiros da auga co tempo taxado.

Guía urxente de fervenzas

O Courel: Pódense visitar cadoiros en Ferramulín, Santalla de Abaixo, Vieiros ou Pombar.
A Pontenova: O regato de Sanxés e o río das Reigadas forman unha seimeira.
O Valadouro: Dúas fervenzas salientables, a do Pozo da Onza e a do Escouridal.
Ourol: As fervenzas son reclamo dun roteiro no río Xestosa.
Barreiros: Fervenza de Santo Estevo do Ermo.
Pantón: Augas Caídas é o nome da principal pincheira.
Mondoñedo: A cascada do Coro é a máis coñecida.
Silleda: Ben preto da provincia está a fervenza do río Toxa, das máis espectaculares do país.



No hay comentarios:

Publicar un comentario