martes, 26 de mayo de 2009

DOMINGO FONTAN O PRIMEIRO XEOGRAFO


Domingo Fontán, o humanista esquecido
11.03.2007 Nado no concello de Portas, en 1788, Domingo Fontán foi un dos maiores ilustrados do seu tempo. Fiel ás ideas de progreso e coñecemento que imperaban no século XIX, estudou todas as materias que lle caían nas mans e ensinou parte delas na Universidade de Santiago. Foi astrónomo, político, enxeñeiro e empresario, pero, sen dúbida, o seu nome debe quedar na memoria por ser o autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia, un traballo no que investiu dezasete anos da súa vida. probablemente, non estea na cabeza de ningún estudante de bacharelato. Pero debería, pois este pontevedrés foi o autor do primeiro mapa feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas. Trátase da chamada Carta Xeométrica de Galicia, publicada en 1834 co apoio da raíña rexente, María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, un mapa de escala 1:100.000 no que Fontán comezara a traballar en 1817.
Ata 1835 non se crearía unha organización cartográfica a nivel español, coa Escola de Enxeñeiros Xeógrafos. Ainda así, non se fixo un mapa topografico de calidade do territorio de España ata 1875. Fontán é, polo tanto, un pioneiro para os seus contemporáneos, que soubo aproveitar os avances científicos provintes, sobre todo, de Francia.
Para cartografar Galicia, Fontán estableceu unha rede xeodésica, establecendo puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos, empregando instrumentos cedidos pola Universidade de Santiago. Tomou como punto cero a torre da Berenguela, na catedral compostelá.
Na súa Carta, Fontán fixo unha localización das 4.000 igrexas das parroquias galegas e de todos os accidentes xeográficos importantes. Acadou un nivel de detalle que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite.
A pesar do seu mérito, a bibliografía sobre Domingo Fontán é moi escasa, en especial como cartógrafo. Non hai ningún estudo a fondo sobre o autor nin sobre a transcendencia do traballo que fixo para crear a Carta Xeométrica. E, con igual inxustiza, outros aspectos da figura deste ilustrado permanecen tamén no esquecemento.
Intento dende Portas de rescatar a súa memoria
Non obstante, se nalgún lugar de Galicia se mantén a lembranza de Domingo Fontán é na súa vila natal, Portas, un pequeno concello de Pontevedra, onde existe dende hai anos unha asociación cultural que leva o nome deste humanista e celebra todos os anos o aniversario do seu nacemento. Grazas a eles editáronse as poucas biografías que existen sobre Fontán e estase agora a construír na vila un Centro Cultural que tamén homenaxea ó primeiro cartógrafo galego.
Un dos membros da asociación, Braulio Mondragón, sinala a inxustiza que supón que unha figura como a de Domingo Fontán fique no esquecemento. "O noso país ten un suspenso en Xeografía e Historia", afirma, "moitos galeguistas importantes, como Castelao ou Otero Pedraio expresaron a súa admiración por Fontán, pero agora nin sequera se estuda nos institutos".Non obstante, talvez o maior admirador de Fontán no século XX foi o escritor Álvaro Cunqueiro, quen
chegou a posuír un orixinal da Carta Xeométrica de Galicia, que aínda se conserva entre as súas posesións. O propio Cunqueiro relatou nun artigo de El Progreso de Lugo, publicado en 1957, a impresión que lle producíu a obra de Fontán: "Ben, a cuosa foi que un día, nos corredores do Instituto de Lugo, (...) atopeime co mapa de Galicia de don Domingo Fontán. Foi o meu gran encontro co meu país galego: alí estaba a miña terra, a terra da miña vocación e dos meus días, a terra temporal e a eterna, a terra que a miña lingua -a terra do meu escuro acento labrego- precisaba para soñar".
Mestre, astrónomo, enxeñeiro e político
Domingo Fontán pasou boa parte da súa vida vencellado á Universidade de Santiago de Compostela, onde estudiou Filosofía, Teoloxía, Astronomía, Ciencias Exactas e Leis. En 1811 comezou a súa carreira de profesor como substituto do catedrático de Retórica e Durante o curso 1813-14 substituíu ó titular da cátedra de Lóxica e Metafísica.
Busto de Fontán, na súa vila natal de Portas, en PontevedraFOTO: LECERDurante a Guerra da Independencia Española, Domingo Fontán, como moitos ilustrados, púxose do lado dos liberais e dos defensores da Constitución de Cádiz de 1812, mais pola súa condición de mestre universitario non participou nos combates contra as tropas napoleónicas. A súa ideoloxía costoulle un xuizo cando, en maio de 1814, Fernando VII restaurou o absolutismo, aínda que os seus apoios académicos permitíronlle saír indemne. Posteriormente, ocupou outras dúas cátedras, a de Matemáticas Sublimes, cuxa titularidade gañaría en 1820, e a de Física Experimental, entre 1818 e 1819.
Mentres España estaba enzarzada da I Guerra Carlista (1833-1840), Fontán rematou a súa Carta Xeométrica, en 1834, e obtivo por ela o favor da Raíña Rexente, María Cristina. A pericia que o ilustrado galego demostrara nas súas medicións tomando como referencia as estrelas servíulle para ser nomeado director do Observatorio Astronómico de Madrid en 1835.
Fontan instalouse na Villa e Corte e, en 1837, foi escollido deputado pola provincia de pontevedra, cando a Raíña aceptou instituír unha Monarquía Constucional baseada na Carta Magna de 1812. Sempre defensor de Galicia . Fontán fixo súa a causa da abolición dos foros e dos caciques. Ocupo un escano no Congreso ata 1843,no que se retirou da vida política tras a caída en desgraza do seu maior inimigo, o xeneral Espartero.
Nese momento da súa vida regresou a Galicia, onde aínda faría máis cousas para ser lembrado. Instalou a primeira fábrica de papel do país, en Lousame, e en 1958 deseñaría o proxecto par aa primeira liña férra de Galicia, a unión entre Santiago e Carril, que sería aprobado polas cortes en 1861, tal cal. Non foi inaugurado ata 10 anos despois, e Fontán xa non chegaría a velo, pois finara dunha cistitis no ano 1866, en Cuntis
BIOGRAFÍA1788 Domingo Fontán Rodríguez, fillo de Rosendo Fontán e de Sebastiana Rodríguez, nace no concello de Portas, en Pontevedra.1800 Inicia os estudos de Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. O longo dos anos tamén se matriculará en Leis e Canónes, Ciencias Exactas e Teoloxía.1808 Apoia o levantamento contra os franceses na Guerra da Independencia, pero líbrase do reclutamento pola súa condición de universitario 1817 Comeza os traballos de medición para realizar a Carta Xeométrica de Galicia.1820 Recibe a cátedra de Matemáticas Sublimes tras aprobar un concurso-oposición durante o trienio liberal.1823 A restauración absolutista de Fernando VII retíralle a cátedra por ter apoiado os movementos liberais. Casa con Manuela de la Riva.1826 Gaña o favor do Rei e élle restablecida a cátedra. Recibe o encargo de estudar a división de Galicia en Partidos Xudiciais e Municipios.1830 Obtén o apoio oficial para redactar a Carta Xeométrica de Galicia. Queda exento de impartir clase.1834 Remata os traballos da Carta e preséntalla oficialmente á Raíña Gobernadora, María Cristina, que dá orde de imprimila.1835 É nomeado director do Observatorio Astronómico de Madrid e Director da Escola Especial de Enxeñeiros Xeógrafos.1837 Deputado por Pontevedra nas Cortes de Madrid.1841 Perde os seus privilexios e a Dirección do Observatorio por ter apoiado un pronunciamento contra Espartero. 1843 Abandona o seu escano de diputado tras a caída en desgraza de Espartero e o nomeamento de Narváez como rexente. Regresa a Galicia.1858 Participa na Comisión para a Vía Férrea Santiago-Carril, a primeira que se construíu en Galicia.1866 Falece en Santa María dos Baños de Cuntis.

2 comentarios:

  1. Impresionante homenaje el que rindes a una tierra maravillosa con este blog.

    Yo tambien tengo el mío e intento hacer lo mismo.
    Te animo a que te pases por él para descubrirlo

    http://tormaleo.blogspot.com/

    Un saludo

    ResponderEliminar
  2. Non coñecía o labor deste personaxe. Unha merecida homenaxe a que lle dás nesta entrada.

    ResponderEliminar