jueves, 22 de noviembre de 2012

Tipoloxía e nomenclatura das fincas tradicionais

Os nomes cos que se denominan as fincas, responde ou respondía a unhas
determinadas características ou aproveitamento das parcelas. Estes nomes
fan referencia os aproveitamentos tradicionais ou as antigas características
da parcela, que en moitos casos teñen pouco que ver ca realidade territorial
actual. Describiremos algúns localismos que teñen especial interese,
segundo Xaquín Lorenzo “Xocas” (LORENZO, 1983):
• Eido. Dáse en xeral este nome a calquera caste de finca particular aínda
que, de preferencia, designa aquelas que se destinan ó cultivo.
• Tapada. Anaco de terreo que se rodea con muros ou sebes, polo xeral
adicado a monte e leña.
• Leira. Nalgúns sitios é unha herdade destinada a cereais e patacas que
carece de auga, mais serve tamén para sinalar un anaco de finca que
se traballa dunha vez, así, unha herdade divídese en leiras que se van
traballando sucesivamente.
• Seara. Anaco de terra de cultivo.
• Cabada. Anaco de monte ou herdade preparada para o cultivo.
• Estivada. Anaco de monte rozado, queimado e sachado para sementar
nel centeo.
• Cortello. Finca cercada de muro e que ten ao arredor vides en forma de
latas ou parras, adicándose a centeo ou calquera outra caste de cultivo.
• Ferrada. Herdade situada nunha leira e co desnivel corrixido por medio
de arribadas ou socalcos.
• Barbeito. Terra de ruín calidade e sen rega na que se alternan os cultivos,
de centeo e patacas polo xeral. Cando os barbeitos son moi pobres
déixanse un ano a ermo (sen cultivo).
• Veiga. En realidade non designa nunha caste de herdades senón un
conxunto de fincas adicadas ao millo. Aínda que tamén é unha descrición
xeográfica do relevo.
• Ribeira ou viña. Herdade destinada ao cultivo de vides. A ribeira tamén
corresponde as zonas baixas, na beira dos ríos.
• Chousa ou horta. Anaco de terra boa, polo xeral de pequenas dimensións
que se sitúa nas proximidades da vivenda. Normalmente esixe certos
coidados.
• Touza. Anaco de monte tapado e destinado a leña ou estrume.
• Bouza. Nuns lugares designa o terreo cheo de árbores e monte baixo,
mentres que outros só se refire ao monte baixo.
• Devesa. Finca destinada a leña, normalmente se atopan en zonas de
montaña. Na Serra do Candán e Montes Testeiro son habituais estas fincas.
Cortiña. Terreo cercado de paredes e no que medran árbores destinadas
a leña.
• Carballeira. Cortiña na que medran fundamentalmente carballos.
• Souto. Parcela plantada de castiñeiros.
• Piñeiral. Monte plantado de piñeiros.
Pomareira o pomar. Terreo destinado a maceiras.
Enxido. Finca de tamaño variable que se destina ao cultivo de árbores
froiteiras de distintas castes. Este nome dáse tamén nalgúns sitios ao
terreo que esta na contorna da casa.
• Nabal. Herdade de boa calidade, con rega, que se destinaba
tradicionalmente a cultivar nabos, patacas e millo. As veces se alternaba
ca plantación de liño.
• Liñeira. Finca adicada ao liño, moi similar o nabal.
Toxeira ou toxal. Terreo destinado a toxos, que unhas veces eran
empregados para estrume e outras para lle dar o gando.
• Xesteira ou xestal. Monte de xestas das que se empregan como leña
para cocer o pan.
• Coutada. En xeral, é un anaco de monte pechado con muros ou sebes.
• Pastureiro. Parcela destinada ao pasto da facenda.
Campo ou prado. Finca destinada á produción de herba.
Corgo. Prado pequeno e de pouca rega que se usa para levar alí o gando
a pastar sen lle segala herba.
Lameiro. Campo que ten moita auga.
• Braña. Dánselle varias acepcións a este nome, pero normalmente son
terreos húmidos destinados a pastos.
• Boedo. Terra de gándara na que medra espontaneamente o pasto, que
se aproveita para levar a facenda a pastar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario