07/11/2013 - Elprogreso.es (Lugo)
O plan da Deputación para dotar de wifi gratuíta consistorios e prazas públicos de varios concellos de Lugo chegou agora a 21 municipios do centro da provincia e á Montaña, o que permite ampliar en 55.000 persoas o número de veciños beneficiados.
O deputado de cooperación e asistencia aos concellos, Álvaro Santos 
Ramos, anunciou este xoves na Fonsagrada, acompañado do alcalde, Argelio
 Fernández Queipo, a posta en marcha deste servizo nesta zona. O 
organismo provincial asumiu a totalidade de custes que supuxo a 
instalación desta prestación, aforrando ás arcas municipais un total de 
735.000 euros. 
![]()  | 
| A presentación do servizo na Fonsagrada (Foto: DEPUTACIÓN) | 
A Deputación habilitou en cada un dos municipios tres puntos de 
conexión a Internet: un en prazas públicas e dous no interior das casas 
consistoriais, cunha velocidade de 256 kas por segundo, o máximo legal 
permitido para este tipo de servizos prestados por administracións 
públicas. Isto permite que os veciños destas localidades dispoñan de 
acceso a internet libre e gratuíto dende calquera dispositivo móbil 
—ordenador portátil, PDA ou teléfono— a espazos web coma páxinas 
institucionais, redes sociais ou correos webmail.
Os 21 concellos que se acaban de incorporar a este servizo (xa posto en marcha noutros puntos da provincia, como A Ulloa) son os de Abadín,
 Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, 
Cervantes, O Corgo, A Fonsagrada, Friol, Guitiriz, Meira, Navia de 
Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, A Pastoriza, Pedrafita do 
Cebreiro, Pol, Rábade, e Ribeira de Piquín. 
Para obter este servizo, os concellos tiveron que adherirse de xeito 
voluntario e gratuíto ao programa Innova-TE. Na provincia de Lugo 
sumáronse todos, agás Cospeito, Guntín, Outeiro de Rei, Vilalba e 
Xermade, segundo salientou a Deputación.

No hay comentarios:
Publicar un comentario