Os soutos falan unha lingua propia. Os seus donos crearon ao longo dos séculos un alfabeto singular para identificar as árbores que pertencían a cada casa e preservar o froito das mans alleas. Ese código era respectado cando dos castiñeiros dependía a alimentación de persoas e animais e hoxe corre perigo de perderse
Daniel Rodríguez e Gloria Fernández mostran algunhas das marcas que se foron identificando. J.VÁZQUEZ
Os castiñeiros teñen dono e as castañas tamén, aínda que ninguén
se resiste a metelas no peto cando as atopa no chan. Nos tempos nos que
este froito era a base da alimentación tanto das persoas coma dos porcos
era vital defender a propiedade e os donos das árbores marcábanas co
seu símbolo. Esa especie de alfabeto era compartido polos veciños de
cada parroquia e, salvo excepcións, respectábase.Na montaña lucense as marcas son incalculables. Abundaban sobre todo nos montes proindivisos, que son propiedade de varias persoas, pero non teñen partes delimitadas. Nalgúns casos figuran como referencia en documentos oficiais, como escrituras ou foros. Cada propietario establecía o que chamaban corro e marcaba as árbores que lle correspondían, das que só el se podía servir. Eses símbolos fixaban límites ao resto dos propietarios, que nin podían apañar as castañas nin aproveitar a madeira do veciño.
Os símbolos son sinxelos, facíanse coa navalla ou coa machada, por iso non podían ser moi elaborados. O tronco marcábase cando era novo, con trazos finos que a propia árbore ía engrosando a medida que medraba e endurecía a codia. Algúns son letras e outros son debuxos abstractos. O mesmo sinal pode repetirse en distintas parroquias.
Propiedade privada
Os símbolos marcaban de quen era cada árbore dentro de montes con varios propietarios e só o dono podía soutar
Os castiñeiros marcábanse sempre porque eran árbores moi produtivas, pero tamén outras especies, como carballos ou bidueiros, calquera que estivese nun monte privado sen partir.
Coa división xurídica dos montes, quedan poucos soutos compartidos e esta práctica foise perdendo. Hoxe case ninguén identifica as árbores da súa propiedade desta maneira, pero a simboloxía forma parte do legado cultural da montaña luguesa, tanto nas comarcas da Fonsagrada como nos Ancares e no Courel.
A profesora Gloria Fernández Blanco, do IES Fontem Albei, comezou hai anos a compilar estes símbolos coa axuda dos seus alumnos. A maioría dos rapaces nin reparara neles, pero cando souberon da súa existencia non tardaron en identificalos.
A mestra sementa a curiosidade e os estudantes apañan o froito. O exercicio repítese cada ano desde hai uns cantos: os rapaces preguntan nas súas casas a avós ou parentes sobre as marcas que identificaban as árbores da súa familia. Búscanas, documentan os debuxos e fan unha ficha cos datos do dono e do lugar de procedencia. Tamén investigan como se le, pois cada sinal ten un nome.
Esta actividade está ligada ao outono e anualmente expoñen no instituto os resultados das pesquisas. Ademais, Gloria Fernández vai gardando nun arquivo os froitos de cada tempada. Os estudantes investigan nas súas parroquias e aínda faltan algunhas por documentar porque non teñen veciños no instituto, pero co tempo o catálogo vai medrando.
Compilación
Trala división das terras, a marcaxe non é necesaria e xa non se fai. O IES Fontem Albei elabora un arquivo para conservar os sinais
A profesora explica que o seu obxectivo é conservar unha tradición que corre o risco de desaparecer porque xa non é necesaria, pero que forma parte da historia dos seus alumnos. "O que busco é que os rapaces se interesen. Se no futuro lles falan disto aos seus fillos o obxectivo está cumprido". E parece que o consegue. Algún dos mozos xa marcou árbores co símbolo da súa casa e non deixan de presentar novos achádegos.
Daniel Rodríguez Fernández é un alumno especialmente activo neste campo. Acostuma a percorrer o monte porque é un grande afeccionado ás setas e desde que presta atención ás árbores leva recollido un feixe de símbolos da zona onde vive, en Arquide. As súas fotos teñen un lugar destacado na exposición deste ano.
O empeño de Gloria Fernández por manter viva esta tradición non entende de idades. Agora ensina no IES Fontem Albei, pero antes foi mestra de infantil. "Xa daquela lles ensinaba aos nenos os símbolos das dúas casas e, mentres non sabían ler, marcaban as súas cousas con eles", explica.
O instituto ten o seu propio souto. Os alumnos plantaron as árbores, aprenderon a enxertalas e xa dan castañas. Quédalles un traballo pendente: deseñar a súa propia marca para identificar os castiñeiros do Fontem Albei.
No hay comentarios:
Publicar un comentario