viernes, 15 de enero de 2016

Investigan a un mozo por colocar billetes falsos na Fonsagrada

El Progreso

Actuaba xunto a outras dúas persoas en establecementos onde adquirían produtos de escasa contía económica pero que pagaban con 50 e 20 euros


Axentes da Garda Civil da Fonsagrada investigan a un mozo de 23 anos, natural de Oviedo (Asturias), como suposto autor dun delito de usurpación de estado civil, por facerse pasar por outra persoa ao ser identificado pola Policía Local cando trataba de colocar, en compañía doutras dúas persoas, billetes falsos de 50 e 20 euros en establecementos desa localidade lucense. 

Os feitos sucederon en agosto do pasado ano, cando a Policía Local identificou a tres mozos, que viaxaban nunha monovolume propiedade da nai dun deles, porque supostamente estaban a adquirir produtos de escasa contía económica nos establecementos comerciais da Fonsagrada para colocar billetes falsos e recuperar así "o máximo importe en moeda de curso legal". 

A investigación posterior, coordinada pola Garda Civil de Lugo e Oviedo, permitiu esclarecer numerosos feitos delituosos de similares características labores en Asturias, concretamente en localidades como Belmonte de Miranda, Cangas de Narcea e Tineo. 

Segundo informou a Garda Civil nun comunicado, "os mozos introduciran no mercado legal máis billetes falsificados durante a tarde do mesmo día". 

Como resultado desta investigación, dous mozos foron detidos e abríronse dilixencias contra os tres, todos veciños de Asturias, pola súa suposta participación nun delito de estafa continuada, falsificación de moedas e pertenza a grupo criminal. 

Ademais, a un deles, investígano como "suposto autor dun delito de usurpación de estado civil" e a autoridade xudicial ha decretado o seu ingreso no centro penal de Villabona (Asturias). 

A operación foi coordinada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 da Fonsagrada (Lugo) e do Xulgado de Cangas de Narcea (Asturias).

Empresarios fonsagradinos asócianse para dinamizar o emprego na zona

El Progreso

O novo colectivo conta xa cuns vinte negocios, que representan case o 60% de traballo que xera a localidade


Membros da directiva da asociación empresarial Fonte Sacra.
Membros da directiva da asociación empresarial Fonte Sacra.

Paliar o elevado grao de desertización poboacional que sofre a comarca da Fonsagrada, a través da dinamización do emprego, é o obxectivo da recentemente constituída Asociación de Empresarios Fonte Sacra. A iniciativa xurdiu dun grupo de empresarios da zona e a acollida foi tan satisfactoria que xa conta cunha vintena de asociados, cuxas empresas representan case o sesenta por cento do emprego da localidade.
José Luis Regueiro Fernández —secretario da xunta directiva que preside Rubén Fernández Álvarez e á que tamén pertencen Joaquín Valledor Núñez e Iván Pérez Fernández— explica que a asociación nace cunha vocación totalmente "apolítica", cuxo único interese radica en "achegar ideas e traballar de cara a crear emprego e fincar industrias na zona".

Contratadas por 402.000 euros as obras do albergue da Fonsagrada

El Progreso

A Xunta recuperará a Casa Pasarín, situada no casco antigo da vila, e o prazo para a súa rehabilitación é de doce meses

Imaxe de arquivo da Casa Pasarín. J. VÁZQUEZ
Imaxe de arquivo da Casa Pasarín. J. VÁZQUEZ
A Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, acaba de adxudicar á empresa Construcións Orega S.L. por un importe de 401.938 euros, máis Ive, as obras de rehabilitación da Casa Pasarín, en pleno centro histórico da Fonsagrada, para abrir un albergue de peregrinos. 
Esta dotación é unha vella aspiración no municipio ao haber cada vez máis xente que peregrina a Santiago polo Camiño Primitivo, unha ruta que, ademais, presumiblemente verá aumentado o seu tirón tras ser declarada, xunto ao Camiño Norte, Patrimonio da Humanidade pola Unesco. 

domingo, 10 de enero de 2016

RIO DA VEIGA AO SEU PASO POLA PONTE DE MERA


AUGAS E PAISAXES DA FONSAGRADA



RIO DA VEIGA AO PASO POLA PONTE DE MERA

CAUCE DO RIO DA VEIGA

REGATO DE LOUTEIRO


RIO DA VEIGA AO SEU PASO POLA PONTE DO PERELO


CAUCE DO RIO DA VEIGA AO PASO POLA CORTIÑA DAQUEL CABO
  
RIO DO PONTIGON

RIO DO PONTIGON

REGO DE VILALBA
 
REGATO DO PICO DO CURRO

lunes, 28 de diciembre de 2015

Queixas pola delimitación do Camiño Primitivo na Fonsagrada

 El Progreso

 

O presidente de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Manuel Muñiz, denuncia que nesa ruta hai varias zonas nas que a auga fixo estragos e dificulta o paso

Algúns dos asistentes á ruta polo Camiño Primitivo. EP

Algúns dos asistentes á ruta polo Camiño Primitivo. EP




A asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde discrepa da delimitación oficial e do estado que presenta o Camiño Primitivo ao seu paso polo termo municipal da Fonsagrada. Integrantes dese colectivo fixeron público ese malestar tras percorrer en días pasados, en compañía de membros das asociacións Pasada dás Cabras de Burela e Terras de Lourenzá, o tramo que vai desde O Piñeiral ata Paradavella.
O presidente de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Manuel Muñiz, denuncia que nesa ruta hai varias zonas nas que a auga fixo estragos e dificulta o paso, sen que as administracións actúen.
Tamén avoga por que se respecte o trazado histórico desa variante da ruta xacobea, que, segundo sinala, pasaría pola Pobra de Burón, antiga capital do municipio fonsagradino.
Este colectivo castroverdense forma parte das entidades que, agrupadas no denominado Foro do Camiño Primitivo, recorreu ante o TSXG o trazado desta vía histórica que a Xunta ha oficializado. Entre outros aspectos, os denunciantes quéixanse de que, xa en Castroverde, a ruta debería pasar xunto ao burgo medieval e a fortaleza.
CASE 130 CAMIñANTES. Na marcha que compartiron membros das tres asociacións lucenses, organizada por Pasada dás Cabras, participaron preto de 130 persoas.
Os asistentes percorreron un tramo de case nove quilómetros e, tras completalo, compartiron unha comida de confraternidade, no Piñeiral.

Xiana Arias: “Sen as cancións do 'Xabarín' a nosa infancia probablemente tería sido peor"

 

 Progreso de Lugo

 


A xornalista fonsagradina conduce 'Onda Vital', o novo espazo de música en galego da Radio Galega Música

A xornalista Xiana Arias mostra unha chapa coa Fonsagrada sinalada no mapa. NOEMI ANTÓN (AGN)
A xornalista Xiana Arias mostra unha chapa coa Fonsagrada sinalada no mapa. 

NOEMI ANTÓN (AGN)
A Radio Galega Música conta desde setembro cun novo espazo de música en galego: Onda Vital, concibido e conducido pola xornalista Xiana Arias (A Fonsagrada, 1983). A súa voz leva xa unha década acompañándonos nas sobremesas da Radio Galega, no Diario Cultural, e desde setembro, tamén nas tardiñas, con este novo programa que busca dar visibilidade ás numerosas bandas que conforman unha escena musical cada vez máis relevante. Emítese de luns a venres, entre as 20.00 e as 21.00 horas.

A música en galego estivo fai uns meses a piques de quedar sen case o único recuncho nas ondas que lle daba visibilidade tras a cancelación de Planeta FuranchoOnda Vital colleulle o relevo. ¿É unha continuación deste espazo?Son proxectos diferentes. Outra cousa é como se lea polo momento no que naceu. Xurde dun espazo que queda baleiro. Pero igual que me podo mirar nalgúns momentos no espello do Planeta Furancho, tamén o podo facer con outros programas coma o Extrarradio, de Belén Regueira.

En calquera caso creo que son proxectos diferentes que poderían coexistir. En Onda vital, por exemplo, pinchamos a Ruxe Ruxe, algo que non facía Vituco Neira no Planeta Furancho, ao ser o seu propio grupo.

Onda Vital é diferente cada día. Nuns programas pincha a Dj Lara Tigre, noutros repásase a traxectoria do convidado ou é el mesmo quen pincha as súas cinco en galego. Como foi o camiño ata chegar a esta estrutura?Dinlle bastantes voltas. Non é fácil facer un programa diario que sexa variado e que non atenda a toda a túa subxectividade todo o tempo. Para que soase toda a música intentei buscar unha sección que servira para que outros pincharan as súas cinco cancións favoritas en galego, que é o Venham máis cinco.

"Hai unha escena efervescente en Galicia que ten algunhas voces en galego, aínda que non son maioritarias"
A outra parte é traer os grupos e gravar algúns concertos relevantes, como o de despedida que emitimos de Das Kapital. Logo están os días de pinchar música, que tamén son variados. Poden atender ás novidades, ser un repaso dos 90 ou amosar como soa o hip hop en Galicia.

Hai proxectos que me gustaría ir metendo, como especiais sobre como é a música que se gravou en determinados estudios ou sobre como sonan as vilas, as cidades, as zonas...

É o primeiro programa no que estás en solitario aos mandos?Si. Levo dez anos traballando no Diario Cultural que é onde collín toda a experiencia que teño na radio. Son proxectos moi diferentes e, a parte de ser o primeiro programa que levo eu soa, tamén é unha novidade no que é a miña traxectoria porque é un programa moito máis de directo, de conversar, de improvisar... 


Como está sendo a acollida de Onda Vital por parte das bandas e os oíntes?Si que se ve que os grupos queren que a súa música soe. Tamén chegan mensaxes de xente que escoita o programa con parabéns, con correccións ou  con recomendacións. Iso é xenial.

No programa ten cabida toda a música que se fai en Galicia ou só a que se fai en galego?O programa está centrado na música en galego. As pinchadas son de música en galego pero non quero obviar a escena músical que hai en Galicia. O Venham máis cinco tamén ten ese sentido, que bandas que non se comunican en galego, por exemplo Bala –que foi unha das convidadas– veñan e pinchen as súas cinco en galego ao tempo que soan as súas músicas en castelán ou inglés.

Non me gustaría obviar algo que está pasando porque creo que hai una escena que vai collendo forza, aínda que se está estendendo moito pola AP-9: o que era o proxecto da Casa Tomada, agora Nave 1839, pasando por Compostela, parando no Liceo Mutante, baixando ata o Vigo de Seara Records e facendo a esquina de El Pueblo en Ourense. É unha escena efervescente, que ten algunhas voces en galego aínda que non son maioritarias.

"Hai portas pechadas aos grupos que tocan na nosa lingua. Onde está o galego no Portamérica, o Festival do Norte, o V de Valarés...?"
Na escena galega as agrupacións masculinas son maioría. Por que non hai máis bandas compostas por mulleres?Eu tamén me fago esa pregunta. Sempre o falei con moitas amigas. Pensamos en facer escolas de música para rapazas, creamos bandas que nunca chegaron a existir... Ningunha sabiamos tocar nada pero diciamos: "Hai que montar grupos!". O mellor nome dos que tiven, que nunca chegaron a nada, foi Anarkiro.

Houbo movementos que terían que ter roto con iso, como o movemento Riot Girl nos noventa. Parecía que a partir de aí que as cousas cambiarían para sempre.

Hai escenas nas que si que hai músicas en primeiro plano no pop e no rock, como Asturias. En Galicia hai moitas músicas vencelladas ao tradicional, ao folk, ao experimental, cantautoras... pero noutros xéneros hai menos mulleres e as que hai non utilizan o galego. Teremos que pensalo entre todas e darlle unha volta. Eu a nivel experiencia persoal e para animar, levo un ano tocando o baixo. Empecei aos 31 anos e non pasa nada. Pódeste poñer teñas a idade que teñas.


Facendo un percorrido pola traxectoria do rocanrol en galego, o Club Xabarín marcou un antes e un despois. Que supuxo o programa para o xénero?Cando escollín un nome que fixese referencia ao Xabarín para o programa foi porque eu medrei con toda esa música e para min foi moi importante. Estivo no programa Daniel Alonso, dos Blood Filloas, e tiven un momento un pouco bochornoso ao dicirlle que Superheroe era a miña canción favorita do Xabarín xunto con Vimos do Monte de Apanda Rapaz. Con esta última sentíame moi identificada, porque fala de ir á praia á Mariña.

"Creo que agora hai moitos grupos boísimos en galego. O que non sei é se os visibilizamos tanto"

É un traballo da propia concepción e do Xabarín. De repente a maioría de nenas e nenos de Galicia estaba mirando a Galega, que apostou forte por ese programa, conseguindo que moitas bandas fixeran as cancións en galego para o Xabarín. E moitas das cancións polas que se fixeron coñecidos grupos que non cantaban en galego, son esas, as do Xabarín, e son en galego.


Tamén creo que o importante é que nos aportaban felicidade todas as tardes. Sen o Xabarín e todas esas bandas facendo música en galego, a nosa infancia e a nosa adolescencia probablemente tería sido peor.

E que pasou despois?Non sei. Hai momentos. Hai determinadas cuestións que son máis importantes do que parecen, e unha delas é a vontade de alguén, que consegue que a xente ao seu arredor se contaxie desas ganas. 


Creo que agora hai moitos grupos moi bos en galego. Boísimos. O que non sei é se os visibilizamos tanto. O que tiña o Xabarín é que era un espazo referencial onde vías todo.

En dous meses de programa poñamos que soaron arredor de doucentos grupos e teño a sensación de que aínda non abarquei nada. Iso quere dicir que hai moitas cousas que poñer. Polo tanto, non é tanto que non as haxa, senón que non temos ese espazo referencial que nos agrupe a todos: aos grupos e á xente que os escoitamos.


Deixou de ser a "música en galego" un xénero en si?O que vexo é que aínda hai moito rollo gueto. Hai moita xente currando un montón, de balde, para facer festivais onde visibilizar a música en galego. E o que conta aí é o idioma, non a música. Doutra banda, os festivais internacionais programan música feita en Galicia pero maioritariamente en inglés ou castelán. Onde está o galego no Portamérica, o Festival do Norte, o Sereas e Piratas, o V de Valarés... ? E non será porque non haxa música que encaixe. Porque non Terbutalina tocando antes dos Undertones? Para min, e polo que escoitei non fun a única, o mellor concerto do último Wosinc foi o de Fluzo.

Creo que hai portas pechadas aos grupos que cantan en galego. E penso que cantar nunha lingua non é unha categoría musical. Moitos grupos en galego poderían estar nos festivais de masas do país, para soar onde soa o estilo que eles fan. Pero iso non pasa.

Falaba antes de que a escena musical galega está máis ben concentrada no Eixo atlántico. ¿Falta tradición roqueira en Lugo?No disco de Emilio José, Chorando Apréndese, métese un corte de Ismael Rego dicindo, "non hai unha maldición divina que diga que as provincias de Ourense e Lugo se teñen que desertizar”, e logo hai unha risa enlatada. Que haxa ou non haxa máis grupos responde en boa parte a cuestións xeográficas, de deseño de Galicia. Ao final as escenas tamén se crean e en Lugo fará falta creala.

Na Fonsagrada, a parte da música tradicional, poderías pensar que non hai moita cousa, pero si hai xente que saiu dalí e fixo cousas interesantes. As voces femininas da Quenlla, Xoan Curiel, algún membro de Mequetrefe ou de Alg-a Laboratorio, Roi dos The Blows, ou Jarri de Novedades Carminha teñen orixe fonsagradina. E Xoel López é sobriño neto do cego dos Vilares, que era da Fonsagrada.

Ao final depende moito de que nalgún momento alguén teña vontade de crear algo. É impresionante a potencia que pode ter a ilusión e os soños da xente para transmitirllos aos demais. Iso é bo pensalo porque no fondo non é unha condena a morte. As posibilidades están.