14 de julio de 2015. Actualizado a las 11:17 h.
Hai dúas muxicas de luz presas naquel
lugar. Ambas comparten a mesma ansia por alpeirar. O vello Valeriano a
coller unha estaca do chan, diante da policía ás portas da casa
consistorial. Selelo e os homes da Fonsagrada a erguer a Pedra Labrada
no alto do Muradal, sobre o camiño que pasa polas mámoas do Hospital.
Era o albor do 92 e entraba un sol de xustiza polos riscos da montaña
xunto ás Pedras Apañadas.
Tiñan un certo remorso das lonxanas serventías:
buroneses obrigados a «ir a las guerras y llamamientos» pola súa
rebeldía, logo da revolta irmandiña. E á fin volvían as tornas pola
mesma travesía, tratándolles de ocultar o seu papel decisivo nesta vida
peregrina. Baixaron ao chao da Puebla e arrexuntaron as pedras do seu
Milladoiro antigo, e meteron en cada pedra un cometido.
A ti, museo da vila, termar da nosa memoria da mao de
Xoanxo Molina. E ás xentes daquela «Movida», crear conciencia de pobo
para que á fin cicatrice esa histórica ferida. A Sinesio, carpinteiro,
tallar as primeiras cunchas que orienten polas alturas as almas que
andan perdidas. E para Ánxeles Rei, artellar con ilusión tan vasta
organización. E a ti Domingos Fuciños, atar cabos na outra punta sobre a
Terra de Melide.
A Pardo de Vera en Lugo, pulir co seu pulcro estilo
os maiores desatinos. A Laureano de Tineo, xuntarse nun único abrazo cos
que están alén do Acevo. E a ese dron de Manuel (o que Forges proclamou
«foteiro fonsagradino») navegar a Vía Láctea pola vía primitiva.
Celebrádeo
E a ti miña Pepa Sanz, a profesora querida; e a vós
os de Castro Verde, que anunciastes a boa nova co estrondo das vosas
bombas; e a don Nicandro Ares, seguranza nesta loita; e aos de A Toca,
alá por Toques, na pena que está ferrada. E ao Jaime que na Retorta foi
carteiro da calzada que en Baleira vixiaba Luz-María. E a José Alonso,
xornalista, que apoiou coa súa prosa esta nobre iniciativa. E a trompa
que Emilio Pando deixou soar no Cerredo, para orgullo dunha tribo que
adoraba o Camiño.
E en vendo a súa obra, dixéronlle O Primitivo. Por
onde miña bisavoa andou con tres ferrados ao lombo para manter sete
fillos. A pegada das súas zocas xa é patrimonio do mundo. Celebrádeo con
cariño. Porque é a vosa empresa, tamén o voso destino. Que por voar moi
alto, non deixes arrefriar o niño!
No hay comentarios:
Publicar un comentario