martes, 22 de marzo de 2016

A ferreira Justa Señor inspira na Fonsagrada unha homenaxe á muller



 Progreso de Lugo

 

Aos seus 90 anos, lembrou nun encontro cos rapaces do IES Fontem Albei como aprendeu a traballar o ferro na forxa de seu pai


Os alumnos do IES Fontem Albei, da Fonsagrada, tiveron a oportunidade de coñecer a Justa Señor, unha veciña de 90 anos que aprendeu a traballar o ferro na forxa de seu pai cando era nena. O seu esforzo e o seu saber foron a inspiración para os actos de celebración do Día da Muller no instituto.
Foto de archivo de Justa Señor y Ana Álvarez en un mazo . PEPE TEJERO 
Un problema de saúde obrigou a aprazar o encontro, previsto para o 8 de marzo, pero mereceu a pena esperar. Os estudantes da Fonsagrada escoitaron a historia de Justa Señor e puideron comprobar as dificultades que as mulleres tiñan que superar cando ela era moza para acceder a determinados traballos.

Esta ferreira é a única muller de cinco irmáns. Aprendeu a traballar na forxa por gusto. Sentíase atraída pola profesión, aínda que o seu pai nunca tivo moito interese en levala por ese camiño. El pensaba que non era traballo para mulleres, pero necesitaba axuda e ela sempre estaba disposta a botar unha man. Conta que se erguía "así que se vía o día" porque antes de ir para a forxa tiña que deixar listo o traballo da casa.

Axudáballe ao seu pai a estirar o ferro co que el despois facía ferramentas para traballar no campo. Lembra que tiñan moito labor, que cada día recibían apeiros danados para reparar porque había moita xente que vivía da agricultura. "Nós non faciamos coitelos nin cousas finas, só algúns grandes para a matanza e moita ferramenta para o campo", lembra Justa Señor.

O IES Fontem Albei decidiu destacar a figura desta ferreira como exemplo de superación. Aprendeu un oficio que estaba restrinxido a homes, demostrou que os tres quilos que pesaba o martelo co que estiraba o ferro non eran suficientes para facela desistir e con gran esforzo buscou tempo para compaxinar o traballo da casa co da forxa, para que ninguén tivese nada que reprocharlle.

Hoxe hai máis mulleres traballando o ferro e incluso algunha alumna do IES Fontem Albei xa domina a técnica. Os tempos cambiaron e os retos son outros, pero a mostra de esforzo e superación de Justa Señor serviu de exemplo para os estudantes da Fonsagrada e de homenaxe a todas as mulleres que traballaron para conseguir o seu lugar e para facer realidade as súas ilusións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario