Hoxe queremos falar da recuperación dos muros
tradicionais de cachotería. Estes elementos foron fundamentais á hora de
definir o noso territorio e están sendo paulatinamente substituídos por
cantería de escaso valor, cun gasto desorbitado de material e unha
pegada ecolóxica maior.
Estamos a falar deses muros de pedra e terra, coas xuntas cheas de
herba, fento ou calquera outra especie vexetal, moitas veces medio
empenados polas fatigas e a falta de mantemento, deses que parece que
levan “toda a vida no sitio”.
Camiño tradicional do Pazo de Piñeiro, o lousado do chan é de pedra e os muros que o definen son de cachotería e terra
Nin que dicir ten que estamos realmente implicados na súa
conservación e que creemos que a substitución que se viu producindo nos
últimos anos ten máis que ver coa paulatina desaparición do oficio do
canteiro e das xeracións que nos preceden ca cunha mellora nas
prestacións dos muros que se fan de novo.
Así pois, e igual que fixemos co artigo que escribimos para á
rehabilitación da Escola de Moreira, daremos unhas pautas para que cando
vos atopedes cun destes muros, teñades unha alternativa económica,
ecolóxica e segura que seguir.
1 Coñecer o elemento a recuperar
Este punto parece obvio pero non debemos deixar de recordar que
antigamente non se traballaba con elementos industrializados, cada
canteiro tiña o seu xeito, i e fundamental coñecer cales foron as ideas
que guiaron ó antigo mestre.
Debemos ter unha certa práctica en lectura de paramentos e
estereotomía pois será preciso “radiografar” o muro para coñecer onde
están as fortalezas e as feblezas. Recomendámosvos unha limpeza manual
dos elementos vexetais antes de proceder a lectura, así vos será máis
sinxelo facer algún croquis ou algún bosquexo dos puntos clave, as
pedras de maior tamaño etc…
Muro do adro da igrexa de Chaín antes e despois da limpeza dos
elementos vexetais. Na imaxe inferior pódese observar que as raíces das
acacias plantadas enriba saían como novas árbores do paramento. Tamén
“apareceu” na parte inferior, unha galería tallada en pedra para o
desaugue das pluviais do adro.
2 Desmontar por medios manuais
Na época usábanse polipastos para erguer as pedras pero cada unha
delas era movida por un ou dous operarios ata a súa posición final.
Deberemos desmontar as partes que queramos rehabilitar igual a como
foron construídas, coas mans.
Desmontaxe por medios manuais da esquina esborrallada do muro do adro da igrexa de Chaín. A pedra deberá acopiarse para a posterior recolocación |
3 A cimentación
Unha vez desmontado o muro deberemos atopar a cimentación. Esta soe
estar feita por cachotería de maior tamaño apoiada sobre o terreo firme.
O normal é que non teña problemas pero non está de máis proceder a una
limpeza e si é preciso asentado das pedras da base.
Asentado das pedras da base do muro do adro da Igrexa de Chaín |
4 A montaxe
Igual ca desmontaxe deberá ser por medios manuais.
Esta é aparte máis delicada e ten varios puntos fundamentais:
- 4.1 A cara importante do muro, en termos de estabilidade, é a traseira. Todos estamos afeitos a pensar que a cara vista é a que define o ben ou mal traballado que está o paramento pero isto non é así. A cara oculta define a trabazón entre o muro e o terreo, aspecto que determinará a estabilidade do conxunto en termos de resistencia as cargas horizontais. Para conseguir unha boa cara oculta deberemos colocar pedras no sentido perpendicular ó muro para garantir unha boa ligazón.
Fotografía do muro do adro da igrexa de Chaín onde se observa como cada certo tempo hai pedras que se colocan co lado longo perpendicular á cara do muro |
A montaxe deberá facerse en “tongadas” dun metro ou metro e medio,
nunca se deberá subir todo o muro de golpe. Unha vez levantada cada
tongada será fundamental o apisoado da cara posterior do muro. Esta
tarefa deberá facerse con xabre ou terra que teñamos dispoñible na zona ó
que lle engadiremos algo de auga.
Cos niveles botados procederemos á montaxe da tongada e cando esté rematada procederemos ó recheo da cara posterior con xabre húmido e ó posterior apisonado. |
- 4.2 As xuntas entre as pedras encheranse con “rachas”, pequenas pedras feitas co sobrante dos encaixes das maiores. Lembremos que os materiais a usar son pedra e terra, en caso de precisar algún consolidante usar morteiros de cal, que son máis elásticos cos de cemento, na cara posterior.
5 O remate
Si é posible deberemos dotar ós muros dun remate de cachotaría ou
cantería que deberemos tallar para a ocasión, presentando una cara
superior ben traballada que minimice as entradas de auga pola cabeza.
Cara superior do muro do adro da igrexa de Chaín rematado cun banco de laixas de cantería do país embolicadas con morteiro de cal. |
6 O acabado
A cachotería non é preciso numerala, ordenala e colocala na mesma
posición como sí lle ocorre á cantería. As pedras se reubicarán na
mellor posición e se traballarán na cara vista para dar cos niveis do
resto do paramento.
¿Son as raíces un elemento perigoso que debemos evitar?
Este tipo de muros son moi deformables, adáptanse con verdadeira
audacia ás presións horizontais. Seguro que máis de un de vos vístedes
como estes paramentos teñen barrigas considerables e aínda así se
manteñen en pé. Isto débese a que constitúen un “todo”co terreo e a
vexetación e as raíces fan un papel de “ligante” así que en principio
non deben ser algo perigoso, todo ó contrario.
¿Non son mellores os morteiros de cemento?
Depende para qué, os morteiros de cemento aguantan mellor as
compresións pero teñen a pega de que son pouco deformables. En elementos
como o que nos ocupa buscamos esta deformabilidade polo que si queremos
usar algún tipo de morteiro (que non é imprescindible como xa dixemos
antes) que sexa de cal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario