jueves, 7 de marzo de 2013

Lugo terá en abril sete grupos de urxencia comarcal




A provincia de Lugo terá desde abril sete grupos comarcais de urxencia. Un grupo de urxencia supramunicipal (GES) é a denominación do servizo que suple ao Grupo municipal de intervención rápida (Grumir), aínda que este servizo, segundo os criterios acordados pola Xunta e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), abarcará por definición varios concellos. Un Grumir podía actuar nun concello distinto ao da súa sede, pero era un servizo adscrito a un concello.
¿Cales son os municipios elixidos como sedes?
A Fonsagrada, Guitiriz, Becerreá, A Pontenova, Quiroga e Folgoso de Courel, Monterroso e Cervo.
¿Abarcarán toda a provincia coas súas zonas de cobertura?
Non. O GES da Fonsagrada cubrirá municipios da zona montañosa oriental e da comarca de Meira; o de Guitiriz, ese municipio, Xermade, Begonte e Friol; o de Becerreá, concellos da comarca ancaresa e doutras zonas; o da Pontenova, municipios mariñáns e Riotorto; o de Quiroga e Folgoso, concellos do sueste; o de Monterroso, a comarca da Ulloa (formada polo municipio monterrosino, Antas de Ulla e Palas de Rei) e outros do centro e do suroeste provincial, e o de Cervo, concellos da Mariña. Con todo, hai municipios que non están adscritos a un GES.
¿Que cobertura teñen os municipios que non dependen dun GES?
Estarán atendidos polos parques comarcais de bombeiros que funcionan na provincia, situados en Barreiros, Viveiro, Vilalba, Chantada, Monforte e Sarria. Hai ademais un parque municipal, o de Lugo.
¿Pode un municipio ter cobertura de máis dun servizo?
Si. No mapa que deseñaron a Xunta e a Fegamp e cuxo contido para a provincia presentouse onte, hai zonas definidas como de concorrencia de parques comarcais e de grupos supramunicipais (GES). Por exemplo, Guitiriz será sede dun GES e actualmente ten cobertura co parque de bombeiros de Vilalba, pero aparece no novo mapa como un deses municipios de concorrencia, mentres Abadín queda só dentro da cobertura do parque vilalbés de bombeiros. Os municipios con parque de bombeiros non quedan adscritos a ningún grupo de urxencias.
¿Por que se dá esa diferenza entre uns municipios e outros?
Tivéronse en conta a falta de servizos deste tipo, a poboación, as zonas con riscos -temporais, zonas de montaña, inundacións ou vías de comunicación, por exemplo- e a existencia de medios e recursos municipais.
¿Cantos traballadores haberá en cada grupo supramunicipal?
12 en cada un. Pero non se descarta, segundo explicacións ofrecidas onte polo gabinete de prensa da Consellería de Presidencia, que o número se amplíe, nalgún caso, por necesidades concretas.
¿Como se financiará o funcionamento destes grupos?
A Xunta achegará o 60%; a Deputación Provincial, un 20%, e os concellos, o 20% restante.
¿É habitual esta colaboración entre a Xunta e a Deputación?
Polo menos hai un precedente, xa que ambos os organismos colaboran ao 50% no mantemento dos parques comarcais de bombeiros.
¿Como se contratará o persoal e cando empezará a traballar?
Os concellos realizarán as contratacións en cada caso, de modo que os novos grupos, segundo os prazos establecidos onte polo citado gabinete de prensa, deberían de estar operativos en abril.
¿Está pechado o modelo de repartición de grupos de urxencias?
As citadas fontes da Consellería de Presidencia así o aseguraron onte, resaltando que a distribución se decidiu con criterios técnicos. En días pasados, tras saberse que o grupo comarcal da Ulloa estaría situado en Monterroso, o alcalde de Pas, Pablo Taboada, manifestou que seguía considerando necesario dispor dalgún servizo no seu municipio.
¿Que funcións realizarán estes grupos supramunicipais?

Corresponderanlles intervencións en incendios forestais ou urbanos, en traballos forestais e de medio ambiente, en labores de coidado da rede viaria e en situacións «de riscos naturais ou inducidos polo home», así como colaboración en funcións de grupos de acción establecidos en plans de protección civil.

No hay comentarios:

Publicar un comentario