martes, 28 de diciembre de 2010

Seis de cada dez mozos de 18 a 34 anos viven cos seus pais


O 59% dos mozos de 18 a 34 anos viven cos seus pais. Trátase dunha tendencia que en 2009 diminuíu lixeiramente (a porcentaxe era do 59,64% en 2008), aínda que a evolución é diferente en función dos sexos. Así, aumenta máis dun punto a porcentaxe de homes destas idades que residen cos seus proxenitores (64,77%) pero cae o de mulleres en case tres puntos (53,18%).
Dos mozos de 18 a 24 anos que residen cos seus pais, o 50,4% carece de ingresos, mentres o 32,3% percibe retribucións por traballo. Entre 25 e 34 anos invístense as porcentaxes. Así, o 21,1% carece de ingresos, e si dispoñen destes por traballo o 60,8%.
Son datos da 'Enquisa de condicións de vida das familias' realizada polo Instituto Galego de Estatística correspondentes ao ano 2009. Nesta, indícase que só o 9,27% dos fogares está composto por persoas menores de 35 anos, unha porcentaxe que foi en descenso desde o ano 2007 (9,88%).
Son máis os fogares formados unicamente por persoas de 65 ou máis anos. Son un 20,83%, o que indica unha tendencia ascendente ano a ano. As provincias do interior alcanzan as porcentaxes máis elevadas (27,11% Lugo e 29,06% Ourense), fronte ás atlánticas, cun 18,68% A coruña e un 17,68% Pontevedra.
A provincia de Ourense (salvo a zona da cidade) e o sur e a parte oriental de Lugo son os territorios con máis vivendas integradas unicamente por xubilados. As porcentaxes oscilan entre os 31,37 e o 34,51%. A convivencia de tres xeracións prodúcese unicamente no 7,17% dos fogares galegos, e a porcentaxe vai en descenso.
O fogar tipo en Galicia (34,22%) é o formado por unha parella con fillos. No entanto, a estatística é indicativa do problema demográfico da comunidade. Así, en ningunha das grandes cidades galegas a media de persoas por fogar chega ás tres. As cifras oscilan entre as 2,4 de Ourense e as 2,8 de Pontevedra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario