lunes, 17 de enero de 2011

Galicia perdeu 2.000 habitantes no 2010


Galicia perdeu 2.000 habitantes no ano 2010. Así se desprende da estimación de poboación actual do Instituto Nacional de Estadística (Ine), que indica un descenso do 0,7 por cento a 1 de xaneiro de 2011 respecto da mesma data de 2010. A comunidade pasou de 2.738.591 a 2.736.636 persoas no ano que acaba de terminar. A nivel estatal os datos do Ine indican un ascenso do 0,35 por cento, crecendo o número de habitantes ata os 46.152.925.

Por provincias, A Coruña e Pontevedra aumentaron a súa poboación, mentres que en Lugo e Ourense descendeu o número de habitantes. Na Coruña rexistrábanse 1.123.514 habitantes polos 1.125.354 actuais; Pontevedra pasou de 946.431 a 947.435; Lugo sofre un descenso de ao redor de 3.000 habitantes, pasando de 342.758 a 339.793; e Ourense, para rematar, queda en 324.055 persoas polas 325.887 do ano anterior.

Na división por sexos Galicia ten 1.317.910 homes e 1.418.726 mulleres, o que representa 1.055 homes menos e 899 mulleres menos que na mesma data de 2010.

Por idades na comunidade galega, a 1 de xaneiro de 2011, 433.049 persoas --un 15,8 por cento da poboación-- teñen menos de 20 anos, fronte aos 603.761 --22 por cento-- que teñen máis de 65. Ademais, 766.277 persoas --o 28 por cento-- teñen entre 20 e 40 anos e 933.550 --un 34,1 por cento-- teñen entre 40 e 65 anos.

O resto de autonomías en xeral experimentou un aumento da súa poboación. Ademais do xa mencionado caso galego, as únicas que perden habitantes son Asturias, cuns 3.000 cidadáns menos; Castela e León, onde se reducen en preto de 8.000 e A Rioxa, cun descenso que rolda o milleiro, conforme os mesmos datos do Ine.

No hay comentarios:

Publicar un comentario