FONTE: GALIPEDIA
Dentro da división territorial dos concellos existen casos particulares que se constitúen en Entidades Locais Menores, entes con personalidade xurídica propia de ámbito inferior ó municipal creados para facilita-la administración descentralizada de núcleos de poboación afastados da capital municipal
Dentro da división territorial dos concellos existen casos particulares que se constitúen en Entidades Locais Menores, entes con personalidade xurídica propia de ámbito inferior ó municipal creados para facilita-la administración descentralizada de núcleos de poboación afastados da capital municipal
Esta figura está presente nas distintas comunidades autonómicas, onde
recibe diferentes denominacións: "Entidade Local Autónoma" (en Andalucía) Entidade Municipal Descentralizada" (Cataluña) ou "pedanía" (Comunidade Valenciana,
Murcia).
En Galicia
recibe tamén o nome de "pedanía".
Corresponden ó que tradicionalmente se viña denominando casaríos,
parroquias, aldeas, lugares, concellos abertos, anexos e outras figuras
análogas. Estas entidades de poboación poden solicita-lo recoñecemento
como Entidade Local Menor se cumpren determinadas condicións.
Regulación
A creación, organización e funcionamento das Entidades Locais está
contemplada na lei 7/1985 Reguladora de Bases do Réxime Local
que delega na lexislación autonómica a regulación do seu funcionamento.
En Galicia, están reguladas pola Lei 5/1997, de Administración Local de
Galicia .
O status de Entidade Local Menor foi recoñecido por primeira vez
trala aprobación do Estatuto municipal do ano 1924, que as definía como
un núcleo separado de edificacións, formado por un conxunto de persoas e
bens, con dereitos e intereses peculiares e colectivos diferenciados
dos xerais do municipio.
A iniciativa do nomeamento ha partir sempre da poboación interesada
aínda que a súa solicitude debe ser aprobada polo concello ó que
pertence ese lugar. Están presididas por un alcalde
pedáneo e un órgano colexiado de control (a xunta veciñal), que forma
parte da corporación municipal ó que pertenza esa entidade. Tamén existe
a posibilidade de funcionar en réxime de concello aberto.
A designación das persoas que forman a xunta veciñal faise de acordo
cos resultados das eleccións municipais correspondentes. O alcalde
pedáneo é elixido directamente polos veciños da entidade, nun proceso
electoral que coincide coas eleccións locais; as súas funcións son
ordenar pagos e render contas, aplica-los orzamentos da entidade, etc.
Os membros da xunta veciñal, en número par que oscila entre 2 e 4
segundo a poboación, desígnanse tamén de acordo coa lexislación
electoral xeral.
A lei de Administración local de Galicia establece á súa vez certas
condicións ós nucleos de poboación que queiran constituírse en Entidade
Local Menor: estar situados lonxe da capital municipal, reunir certas
características peculiares propias, dispoñer de recursos suficientes
para o seu funcionamento, e que a súa creación non condicione
significativamente a capacidade económica do concello de modo que este
non se ha ver impedido para mante-los servizos que preste ós veciños.
Tamén establece que o núcleo que ostente a capitalidade municipal non
pode constituírse en Entidade Local Menor.
As competencias das Entidades Locais Menores tamén están establecidas
por lei: administración e defensa do seu patrimonio local, execución de
obras e prestación de servizos de interese local (que deben asumir con
fondos propios), vixilancia e mantemento de camiños
rurais, montes, fontes e lavadoiros.
O concello pode delegar nestas entidades funcións que lle sexan
propias, sempre que estas o acepten e previa asignación dos recursos
necesarios para asumir esas funcións.
Entidades locais menores en Galicia
Distribución das nove Entidades Locais Menores existentes en Galicia |
Entidade Local Menor de Camposancos (A Guarda) |
En Galicia existen nove entidades deste tipo, oito na provincia de Pontevedra e unha na de
Ourense.
- Arcos da Condesa (en Caldas de Reis), recoñecida como Entidade Local Menor por
Decreto de 18 de xaneiro de 1946
- Xa fora un "Couto" en tempos do Antigo Réxime aínda que non chegou a ser concello propio no momento da configuración dos concellos constitucionais.
- Santa Mariña de Arcos da Condesa é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Caldas de Reis na comarca de Caldas. É unha das 9 entidades locais menores de Galiza, recoñecida como tal por Decreto de 18 de xaneiro de 1946 Xa fora un "Couto" en tempos do Antigo Réxime aínda que non chegou a ser concello propio no momento da configuración dos concellos constitucionais.Segundo o padrón municipal de 2008 tiña 413 habitantes (191 homes e 222 mulleres, distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución progresiva en relación ao ano 2004 cando contaba con 424 habitantes, e a 1999, con 469.
- Bembrive (Vigo),
constituída o 12 de xuño de 1945 .
- Formou parte nun primeiro momento da xurisdición de Bouzas, logo do concello de Lavadores, en 1836, para ser definitivamente adscrita ó concello de Vigo en 1936, xunto coas outras parroquias que formaban Lavadores.
- Santiago de Bembrive é unha parroquia do concello de Vigo. Limita coas parroquias de Beade, Cabral, Lavadores e Zamáns e pertence ó arciprestado de Vigo-Lavadores.En 2008 tiña unha poboación de 4.343 habitantes (1.980 homes e 2.363 mulleres) , o que reflicte un aumento respecto a 2003, con 4.063 habitantes, distribuídos en 38 entidades de poboación segundo o Nomenclator. O censo de poboación do IGE só contempla 14 destes lugares: O Arieiro (604 habitantes), Baruxáns (476), O Carballal (348), As Chans (247), Eifonso (64), Os Freires (257), Mourelle (252), A Mouteira (99), O Outeiro (248), Recaré (272), San Cibrán (115), Segade (324), A Xesteira (137) e Xestoso (406).A maiores, o Nomenclátor relaciona estoutros: O Cacheno, O Cruceiro, A Cruz, Esparramáns, Espedrás, Ferreiras, O Lameiro, Mandín, Miraflores, Monte da Pedrosa, O Monte do Calvario, Mosteiro, Novelos, Paio, A Parrocha, A Pedra, O Polvorín, O Pouso, As Raposas, As Regadas, Regueiras, Os Ríos, O Toutizo e Xeme.
- Berán (Leiro,
Ourense), constituída o 13 de decembro de 1924.
- Antes da constitución dos concellos no século XIX pertencía á xurisdición de Carballeda de Avia. Na primeira distribución municipal formou parte do concello de Beade, do que se segregou posteriormente para integrarse no de Leiro.
- San Breixo de Berán é unha parroquia do concello de Leiro, na provincia de Ourense. No ano 2008 tiña 259 habitantes (130 homes e 129 mulleres), distribuídas en dous lugares, o que supón unha perda de habitantes continuada en relación ao ano 2007, cando contaba con 270 habitantes.
- Camposancos (A Guarda),
constituída oficialmente o 23 de
maio de 1925 .
- Xa viña funcionando cunha Xunta Administrativa propia desde 1870 para a xestión dos bens do Couto de Camposancos, o que a converte na entidade máis antiga de Galicia.A metade dos impostos que recadaba a localidade pasaban á Entidade Local. A parroquia de Camposantos foi creada en 1798, tras desagregarse da de San Lourenzo de Salcidos. Chegou a constituírse en concello propio antes da designación constitucional dos concellos, se ben en 1836 queda incluída dentro do concello da Guarda.
- Santa Isabel de Camposancos é unha parroquia que se localiza no concello da Guarda. É unha das 9 entidades locais menores de Galiza. Segundo o padrón municipal de 2008 tiña 1.108 habitantes (529 homes e 579 mulleres), distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón un aumento continuado en relación aos anos 2004, cando tiña 987 habitantes, e 1999, con 913. Está situada á beira do río Miño, case na súa desembocadura no océano Atlántico.Etimoloxicamente, o topónimo Camposancos é de orixe latina e equivale a "Campos en ángulo".Sábese que no lugar existiu un mosteiro templario do que non quedan restos a non ser as columnas aparecidas nunhas reformas. Camposancos erixiuse en parroquia independente en 1798. Antes de 1870, pertencía a Salcidos e este ó mosteiro de Oia. A igrexa parroquial de Santa Isabel comezou a construírse en 1816 e non se rematou ata 1856.
Separado do antigo Concello da Guarda, o couto medieval de Camposancos, que pertencía como anexo o partido xurisdicional de Barrantes, provincia de Tui, constitúese en concello propio pero en 1836 intégrase no territorio municipal da Guarda.Camposancos é coñecido polo Colexio dos Padres Xesuítas fundado en 1876 a escasos dous quilómetros da Guarda. Por primeira vez en España, os xesuítas intentaban instituír unha universidade privada, que finalmente só estaría en activo durante 5 anos. O colexio chegou a contar cun prestixio enorme ata o punto que del xurdirían dúas notables institucións como a Universidade de Deusto e a Universidade Pontificia de Comillas. Entre os alumnos avantaxados que saíron do colexio está o político pontevedrés Portela Valladares, que chegaría a ser ministro e presidente do goberno coa República. De 1916 a 1932 foi ocupado polos seus irmáns de relixión portugueses pero baixo o mandato da República, a orde dos xesuítas foi expulsada e o centro pasou a ser un sanatorio.O recinto do Colexio dos Xesuítas convertido en hospital foi tristemente famoso por albergar durante a Guerra Civil Española o campo de concentración de Camposancos. Habilitado como centro de reclusión a finais de 1937, chegou a estar ocupado en 1938 por 1.066 reos cando a capacidade -segundo informe oficial do réxime franquista- era de 868 presos. As fontes diverxen en torno a poboación reclusa que pasou por el pero oscila entre os 2.000 e os 3.000 presos.En 1943 volveu ser un centro de ensino dos xesuítas, aínda que non retornou ó esplendor doutrora e pechou as súas aulas en 1959.Dada a súa privilexiada posición na foz do Miño, na actualidade existe un proxecto dunha construtora para converter o edificio nun complexo turístico de luxo. - Chenlo (O
Porriño), constituída en 1920
- A parroquia de Chenlo formou parte do concello do Porriño desde a constitución dos concellos galegos de 1836. Anteriormente pertenceu ó concello de Mosende (1812-1821) no que reclamou manterse sen éxito.
- San Xoán de Chenlo é unha parroquia que se localiza no concello do Porriño. É unha das 9 entidades locais menores de Galiza. Segundo o padrón municipal de 2008 tiña 522 habitantes (268 homes e 254 mulleres, distribuídos en 17 entidades de poboación, o que representa unha diminución en relación ós anos 2004, cando contaba con 549 habitantes, e 1999, con 532.
- Morgadáns (Gondomar),
constituída o 7 de agosto de 1932
- Pertenceu primeiro á xurisdición de Baiona para formar despois concello propio ata a distribución minicipal definitiva de 1836, cando foi definitivamente integrada en Gondomar. Xa en 1844 hai constancia de que os veciños de Morgadáns, xunto ós da parroquia veciña de Chaín reclamaron infrutuosamente formar concello, con capital en San Roque de Morgadáns, hoxe un lugar desta parroquia.
- Trala Guerra Civil suspendeu as súas actividades ata 1955. Entre os bens que xestiona destaca o Monte Galiñeiro
- Santiago de Morgadáns é unha parroquia que se localiza no concello de Gondomar na comarca de Vigo. Segundo o padrón municipal de 2008 tiña 1.255 habitantes (624 homes e 631 mulleres), distribuídos en 21 entidades de poboación, o que supón un aumento progresivo en relación aos anos 2004, cando contaba con 1.229 habitantes, e 1999, con 1.160.
- Pazos de Reis (Tui),
constituída en 1926
- O seu recoñecemento tivo que vence-la resistencia dos veciños de Tui.
- O Sagrario de Pazos de Reis é unha parroquia que se localiza no concello de Tui. Segundo o padrón municipal de 2008 tiña 1.147 habitantes (547 homes e 600 mulleres), distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano2004, cando contaba con 1.127 habitantes, e 1999, con 1.142.
- Queimadelos (Mondariz),
constituída o 21 de febreiro de 1935
- Pertenceu á xurisdición de Sobroso para pasar posteriormente a integrarse no concello de Mondariz. Xestiona os montes de Peralta, Lagoa e Portela.
- Santa María de Queimadelos é unha parroquia que se localiza no concello de Mondariz. Segundo o padrón municipal de 2008 tiña 111 habitantes (47 homes e 64 mulleres), distribuídos en 2 entidades de poboación, o que supón unha diminución respecto aos anos 2004, cando contaba con 118 habitantes, e 1999, con 133.
- Vilasobroso (Mondariz),
constituída o 13 de setembro de 1924
- No antigo rexime o seu territorio foi Cabeza de Señorio de Sobroso xa que formaba parte da mesma xurisdición do seu nome, como Vila San Martini de Portela en subcastelo de Sobroso. Depois denominada San Martiño da Portela (polo que o seu primeiro nome foi o de Entidade Local Menor de Portela), pasa a toma-lo nome de San Martiño de Vilasobroso por Real Orde do Goberno de Alfonso XIII o día 22 de Maio de 1926 (publicado nesa data na Gaceta de Madrid). Nesta parroquia atópase o castelo de Vilasobroso, hoxe propiedade do concello de Ponteareas.
- San Martiño de Vilasobroso é unha parroquia do concello de Mondariz, na comarca do Condado. Segundo o padrón municipal tiña en 2008 367 habitantes (173 homes e 194 mulleres), distribuídos en 5 lugares, o que supón unha diminución continuada en relación ós anos 2004, cando contaba con 380 habitantes, e 1999, con 416. Hoxe é unha das nove entidades locais menores que existen en Galiza. Conserva o seus históricos símbolos identificadores, como o seu escudo de armas e a súa bandeira.
- En Vilasobroso atópase o outeiro de Landín, onde está situado o castelo de Sobroso. O territorio parroquial está cruzado polo antigo camiño real ou de postas a Castela, que serve de guía de peregrinos ao santuario cisterciense de Santa María da Franqueira. Dende mediados do século XIX Vilasobroso foi un nó de comunicacións comarcal, ao cruzar por ela a estrada N-120 que unía Vigo con Logroño e que aproveitaba parte do itinerario do antigo camiño real. Pasan tamén pola vila outras estradas provinciais, como a PO-262 de Vilasobroso a Mondariz, a PO-402 de Vilasobroso a Salvaterra e ás Neves, a PO 4402 de Vilasobroso a Mondariz-Balneario e tamén outras estradas locais menores, na sombra de todas estas estradas configurouse o núcleo actual.O territorio de Vilasobroso ten unha extensión de 5,18 km2. O río principal é o Xabriña, que en parte do seu curso serve de límite parroquial con Queimadelos e Mondariz.
A ENTIDADE LOCAL DE VILASOBROSO E CONSIDERADA MARQUESADO.-
ResponderEliminarO territorio veciñal da Entidade Local Menor de VILASOBROSO, inda na actualidade, conserva o titulo nobiliario de -MARQUESADO DE SOBROSO, distinción nobiliria do reino de ESPAÑA, concedida polo rey Felipe IV, o dia 18 de Maio do ano l625 o señor de Sobroso, Don Garcia Sarmiento de Sotomayor. Hoxe o seu marqués titular é Don Pedro Caro Vázquez y Guillamas de Silva, residente en Mallorca (Alcalde-Presidente de honra da Entidade Local Menor de VILASOBROSO, dende o ano 2002.-
A ENTIDADE LOCAL DE VILASOBROSO E CONSIDERADA MARQUESADO.-
ResponderEliminarO territorio veciñal da Entidade Local Menor de VILASOBROSO, inda na actualidade, conserva o titulo nobiliario de -MARQUESADO DE SOBROSO, distinción nobiliria do reino de ESPAÑA, concedida polo rey Felipe IV, o dia 18 de Maio do ano l625 o señor de Sobroso, Don Garcia Sarmiento de Sotomayor. Hoxe o seu marqués titular é Don Pedro Caro Vázquez y Guillamas de Silva, residente en Mallorca (Alcalde-Presidente de honra da Entidade Local Menor de VILASOBROSO, dende o ano 2002.-