.O FUTURO DA LINGUA GALEGA DEPENDE DE TI.
O profesor da USC, Pegerto Saavedra, fixo a súa que di asi:
... “Mando o corpo á terra e a ánima a Deus, e ós meus cumpridores só lles deixo estipulado que me fagan dicir unha misa na parroquial de Freixo, na que, por vontade de meus pais e padriños, me acristianou o Reitor que entón era da dita freguesía, da que sempre me considerei veciño.
O meu patrimonio material é ben cativo; que quede en ususfroito del a miña muller polos días da súa vida, e despois dela que o herde a miña filla. A esta rógolle que valores e conserve, na medida do posible, o patrimonio inmaterial que deu sentido á vida de todos os seus antepasados, nas montañas luguesas e leonesa; del formaron parte a lingua de xeracións labregas, o espírito de traballo, a xenerosidade e a responsabilidade, e ela, como a máis nova, de momento, desa cadea humana é beneficiaria dese esforzo colectivo de séculos de todos os seus causantes, que deron uns a outros (os pais ós fillos) o que lles faltaba. Pídolle, a fin de contas, que, adaptándose ás circunstancias nas que lles toca vivir, procure conservar e aprezar a cultura do seu país de nación e que, desde logo, mire para adiante para avanzar, pero tamén atrás para non perderse”.
Pegerto Saavedra
Catedrático de Historia Moderna
Universidade de Santiago de Compostela
No hay comentarios:
Publicar un comentario