lunes, 7 de mayo de 2012

COMARCAS VECIÑAS: OS ANCARES






Comarca que adopta o nome da serra que está situada na parte máis oriental da Comunidade Autónoma de Galicia, limitando xa con Asturias e o Bierzo, en territorio de Castela e León. É un espazo de montaña que xunto á comarca de Fonsagrada, ó N, e a de Quiroga (montes do Caurel) ó S conforman as serras orientais. Correspóndese na súa maior parte co curso alto do río Navia, que discorre en dirección SO-NL. O seu volume demográfico é pequeno: 15.369 habitantes en 1996. Repártense estes nos 907 km2de superficie da comarca, o que supón unha baixa densidade demográfica de 20,4 h/km2(a media galega é de 93,5). Integran a comarca os seguintes concellos: Becerreá (3.987 h), As Nogais (1.738 h), Baralla (3.488 h), Cervantes (2.414 h), Navia de Suarna (2.116 h) e Pedrafita do Cebreiro (1.716 h). Foi unha das comarcas piloto do Plan de Desenvolvemento Comarcal da Xunta de Galicia. A súa conformación actual está regulada pola lei 7/1996 de Desenvolvemento Comarcal de Galicia. Os Ancares presentan unha clara capitalidade comarcal na vila de Becerreá, que conta con diversos servicios públicos e ademais é lugar de abastecemento comercial. Esta localidade é a “porta” dos Ancares: está emprazada na principal ruta viaria que atravesa a bisbarra, concretamente, a antiga estrada nacional N-VI, convertida en autovía A-6. En Becerreá conflúen as vías de comunicación que artellan o espazo local: a LU-646 que conecta Becerreá con Pedrafita, a C-535 en dirección Sarria, a LU-722 Becerreá-Navia de Suarna e a LU-723 a Cervantes.


Xeografía física
Os Ancares son un espacio, no contexto galego, de alta montaña. Tópanse varias cotas altimétricas próximas ós 2.000 metros de altitude: Penarrubia (1.821 m), Cuíña (1.978 m), Mirabelles (1.996 m), Mustallar (1.924 m) ou Pena Longa (1.848 m).
 O relevo organízase en disposición do sistema de fracturas e fallas. Hai unha liña principal en dirección SO-NL que é aproveitada polo río Navia no seu percorrido cara ás augas do Cantábrico, formando o principal val da comarca. De xeito transversal, e en dirección NO-SL, unha sucesión de fallas de menor intensidade cortan perpendicularmente ó anterior. Estas liñas transversais van formar pequenos vales encaixados polos que discorren os afluentes do Navia. Pola dereita, Cervantes, Ser e Rao; pola esquerda, Donsal, Bullán e Queizán. Estes ríos transcorren moi encaixados seguindo as liñas de falla e dando lugar a vales pechados cunhas ladeiras de acusadas pendentes. Rodeando o val do Navia e os seus afluentes, elévase un graderío montañoso cunha sucesión de diversas serras. Dentro da comarca, o pequeno val formado polo río Neira, no concello de Baralla, pertence á conca do Miño. Na zona S de Pedrafita nace o río Romeor, tributario do Lor. Deste modo Os Ancares, na súa maior parte, individualízanse como a conca do curso alto do Navia. Esta sucesión de vales encaixados condicionan a ocupación humana do territorio. Os asentamentos humanos, os campos de cultivo e as vías de comunicación ocupan as zonas de fondo de val, xa que estas ofrecen as condicións bionaturais máis favorables. Xeoloxicamente, os materiais galegos máis antigos son de finais do período Precámbrico, formados durante a oroxenia Caledoniana, pero de calquera xeito os movementos tectónicos realmente importantes vanse producir durante o Paleozoico coa oroxenia Hercínica, aproximadamente hai 350-250 M a, como resultado da colisión da placa americana e a europea, proceso durante o que se van producir unhas grandes intrusións de magma granítico, que lle van proporcionar unha gran rixidez ó conxunto, e como consecuencia terá lugar unha intensa fracturación que orixinará complexos sistemas de fallas, fracturas, dobramentos, etc, e o conseguinte metamorfismo e elevación do territorio, co que ó final desta oroxenia temos un relevo abrupto e montañoso que posteriormente será erosionado ata converterse nunha penechaira. No Terciario, durante o dobramento alpino, as fracturas hercínicas sofren unha reactivación, mobilízanse os bloques e rexuvenece o relevo; temos así as serras orientais formadas que sufrirán durante o que resta do Terciario e o Cuaternario unha serie de procesos erosivos ata chegar ás formas que actualmente podemos recoñecer. Principalmente fenómenos de glaciarismo e periglaciarismo debido ós períodos glaciares acontecidos durante o Cuaternario, sobre todo Würm. En canto ós materiais desta zona oriental de Galicia, hai un predominio de lousas, algunhas calizas, filitas, xistos de alto contido en cuarzo, algunhas areíscas e cuarcitas. Este é un sector escasamente granítico, que está separado do bloque occidental por unha estreita banda de rochas chamada “ollo de sapo”, que é un gneis glandular con grandes fenocristais de feldespato potásico, que nos está indicando unha zona de subdución da superficie terrestre durante as oroxenias antes mencionadas. En canto á xeomorfoloxía, podemos sinalar que nestas serras orientais é onde se acadan as maiores altitudes cos 1.935 m do Mustallar, que como xa se dixo é o pico máis alto dos Ancares galegos. As lousas e areíscas que conforman esta serra resultaron moi pregadas e a súa estrutura correspóndese con superficies de aplanamento, erosionadas pola acción pasada dos glaciares e dunha densa rede hidrográfica que modela a súa paixase. Sen dúbida o máis salientable son os fenómenos de modelado glaciar e periglaciar, consecuencia do período Würmiense. Hoxe en día son varios os lugares onde observamos as marcas do glaciarismo, sendo destacable o val do río Ortigal. O val glaciar nace en Tres Bispos, aproximadamente a uns 1.800 m de altitude, onde podemos observar un amplo circo cuberto de coladas de bloques. Atopamos os restos dunha morrena a 900 m de altura aproximadamente, na estrada que vai dende A Degrada a Piornedo composta por unha mestura heteroxénea de clastos, dende os que teñen 10 cm de eixo maior ata os que superan o metro, envoltos nunha matriz areosa-limosa. En conxunto a súa potencia vista supera os 7 m e aínda que o río Ortigal cortou o depósito en dúas partes é doado reconstruír ben a morrena nunha fronte de cen metros aproximadamente. Enriba de Piornedo atopamos outro exemplo magnífico nun depósito morrénico composto por grandes bloques rodeados de granito, situado no interfluvio formado polo río Pasadas e o Piornedo. Estamos ante uns restos posiblemente relacionados cun glaciar de casquete tipo Fjell que se desprazaría dende os pés do Penalonga, aproximadamente a 1.842 m, ata Piornedo; sen embargo, segundo Pérez Alberti cómpre a posibilidade de que foran uns restos rissienses ou restos dunha morrena lateral dun antigo glaciar que descendera polo val de Piornedo que durante o período interglaciar Riss-Würm foi desmantelado pola dinámica fluvial. En Piornedo, ó sueste da aldea, atopamos dous anfiteatros rochosos a uns 1.300-1.400 m que conformarían un circo glaciar, na cabeceira do río Piornedo. O fondo circo inferior aparece cuberto por unha turbeira. Os restos morrénicos aparecerían val abaixo a uns 1.000-1.100 m de altitude. O modelado periglaciar é moi importante tamén aquí nos Ancares, xa que temos depósitos deste tipo en todos os seus vales, e a morfoxénese periglaciar modificou practicamente todas as vertentes, sendo hoxe en día posible observar estas formacións no cumio do Tres Bispos, nos vales dos ríos Piornedo, Ortigal e Vilarello. En definitiva, na maior parte das vertentes aparecen restos destes depósitos periglaciais consistentes en derrubios estratificados, coladas de bloques e coladas de xelifluxión. As variables climáticas son duras como corresponde a un clima oceánico de montaña. O volume de precipitacións é dos máis elevados de Galicia: 1.700 mm/ano, sendo moi frecuentes que sexan en forma de neve nas zonas máis altas. Os días de chuvia están entre os 130 e 140 ó ano. A abundancia de chuvias, xunto á moderada evapotranspiración fai que o déficit hídrico sexa mínimo: menos de 50 mm na época estival. As temperaturas son baixas. Os invernos longos e fríos, unha media en xaneiro de 2-3°C e os veráns suaves e curtos; xullo é o mes máis cálido cunha media entre 13°C e 15°C. Os extremos térmicos son elevados. Téñense rexistrado mínimas por debaixo dos -10°C, e algunha máxima superior ós 27°C. Un elemento importantísimo na configuración dos Ancares é a súa bioxeografía (fauna e flora), que se mantivo nun estado de conservación aceptable ata a década dos sesenta do s XX. Ese feito motivou que os Ancares fosen declarados Reserva Nacional de Caza (1973) co fin de protexer os excelentes ecosistemas que albergan. Así mesmo, no ano 1993 foron catalogados como Espacio Natural en réxime de protección xeral e, posteriormente, comezouse a xestionar a súa elevación á categoría de Parque Natural, concedida tan só ós Ancares Leoneses. Nos Ancares atópanse varios tipos de bosques, entre os que cómpre salientar as fragas ou carballeiras, tanto de Quercus robur como de Q. petraea, comúns en todo o territorio galego ata os 1.500 m de altitude, que nas serras orientais, debido ó clima, ás condicións edáficas e á altitude, son diferentes ás de calquera outro punto de Galicia. Así, as carballeiras dos Ancares teñen unhas características propias da asociación Linario triornitophorae-Quercetum petraeae, unha fraga que se localiza entre 700-1.400 m no piso bioclimático montano –polo que se chama carballeira montana–, que require unha maior humidade ambiental, sen soportar períodos de seca, agás que esta sexa moi curta. Desenvólvese sobre solos de lousas, granitos, cuarcitas e en xeral solos silíceos pobres en bases. Este tipo de bosque localízase sobre terreos cunha pendente variable, pero non se atopará sobre os antigos vales glaciares con excesiva pendente e solos pouco fondos. Estas carballeiras presentan tres estratos: o arbóreo, onde ademais do Quercus petraea, adoita aparecer o capudre (Sorbus aucuparia), o bidueiro (Betula celtiberica), o acivro (Ilex aquifolium) e, aínda que menos frecuentes, o teixo (Taxus baccata), o pradairo (Acer pseudoplatanus), a abeleira (Corylus avellana) e, ás veces, a faia (Fagus sylvatica). No estrato arbustivo o que máis abonda é a uz branca (Erica arborea). Finalmente para o estrato herbáceo son abundantes os seguintes: arando (Vaccinium myrtillus), anémona (Anemone trifolia), Oxalis, Stellaria, Saxifraga, Leiteira, Narcissus –nos Ancares atópanse catro especies, tanto nas carballeiras coma nos prados– e gramíneas, como o Holco. A principios do século XX unha empresa madeireira cortou moitas destas carballeiras, podéndose ver aínda na actualidade os restos dunha das torres dun teleférico –a que se ve por riba do club Ancares– que traía a madeira dende Cabaniños, así como as ruínas do aserradoiro situado no interior do bosque de Cabanavella. Outro tipo de carballeiras son as formadas polo rebolo (Quercus pyrenaica). As reboleiras ocupan o piso montano e forman un tipo de asociación chamada Linario triornithophorae-Quercetum pyrenaicae. Pódese atopar tamén o carballo, xa que temos clima atlántico con certa seca estival máis acusada canto máis descendemos en altitude. Pode descender polo val do Navia ata os 350 m xa no piso colino ou pola contra, de se desenvolver nunha ladeira de solaina pode ascender ata os 1250 m. O tipo de solo sobre o que medra é o típico desta zona oriental, lousas, xistos e granitos ademais de areíscas e cuarcitas. Tamén na zona do castelo de Doiras (Vilarello) sobre calizas. No estrato arbóreo loxicamente domina o Quercus pyrenaica aínda que pode aparecer outro tipo de carballos coma o Quercus robur, ademais de castiñeiros (Castanea sativa), sanguiño (Frangula alnus) e espiño albar (Crataegus monogyna). Se ascendemos en altura, arredor dos 1.000 m, atopamos nesta comunidade o bidueiro. Nas zonas baixas e debido ás maiores temperaturas poden aparecer érbedos (Arbustus unedo) ou loureiros (Laurus nobilis), que amosan unha variante termófila. É raro nestes bosques, debido á súa alteración para a obtención de leña e ós repetidos incendios, atopar boas masas de rebolos; así, nas etapas regresivas pódense observar moitos matos como xestas, piornos, uz vermella, carqueixas, etc. Nos Ancares son moi escasos os aciñeirais, pois están moi degradados e sufrindo unha franca regresión; aínda que permanece un bo exemplo no aciñeiral de Cruzul. Este tipo de asociación chamada Cephalantero-Quercetum rotundifoliae sitúase unicamente sobre terreos calizos e en exposicións soleadas, é dicir, de orientación sur. Podése comprobar que tamén aparece acivro, abruñeiro ou ameixeira brava (Prunus spinosa), sanguiño, etc. Xa no límite altitudinal da vexetación arbórea para os Ancares, xusto por baixo dos xenebrais rastreiros e por riba dos bosques montanos, atópanse os bidueirais, que son os bosques que forman os bidueiros, que configuran a asociación chamada Luzulo henriquensii-Betuletum celtibericae xunto coa bidueira acidófila orocantábrica. O estrato arbóreo atopámolo entre 10 e 20 m de altura que xeralmente proceden de rebrote. Tamén temos acivros, teixos, capudres, carballo albar ou carba. No estrato arbustivo ademais de uz branca, que domina claramente, tamén aparece moito rebrote de acivro, piornos ou arandos, sendo destacable a presenza de especies como fento común, Holco, Luzula, Dryopteris, Anémona, Daphne, etc. Moi importantes nos Ancares son os bosques de acivros, formacións perennifolias moi densas e pechadas, pero de sotobosque limpo formado por un número variable de herbáceas. O acivro domina case totalmente, sendo raro atopar no estrato arbóreo outras especies, aínda que pode haber bidueiros, abeleiras, capudres, carballo común e albar ou pradairos. En canto ó estrato herbáceo é doado atopar diversos tipos de fentos e outros tipos de plantas como por exemplo violetas, saxifragas (Stellaria montana) ou gramíneas, como a poa. Son formacións moi importantes para a supervivencia de diferentes especies animais durante o inverno que se refuxian das inclemencias meteorolóxicas no seu interior, así coma o seu froito que serve de alimento para moitas aves e outros animais. O teixo é unha especie que é raro que forme masas boscosas, pois adoita aparecer mesturado con outras árbores, sen embargo, cómpre salientar a existencia de teixedais coma o de Casaio, en Trevinca. Os matos distribúense por todas as zonas montañosas de Galicia, pero aquí nos Ancares por riba dos 1.500 m é doado atopar formacións dun tipo especial destas asociacións con xestas de arredor 1 m de altura, que se chama Genistetum obtusirameo-Polygaliphyllae, típica do piso montano superior. Na zona subalpina, arredor dos 1.800 m, atópanse formacións de xenebros rastreiros coñecida como Vaccinio uliginosae-Juniperetum nanae, onde a especie vexetal máis representativa é o xenebro rastreiro (Juniperus nana). Tamén se atopan a alturas inferiores outros tipos de matos como os formados por diversas especies de xesta, por exemplo Cytisus scoparius, C. striatus ou C. multiflorus. Tamén é doado observar formacións de toxos con queirogas, carpazas e carqueixas. Non hai que esquecer que nestas montañas, debido ás condicións climáticas e edáficas onde a drenaxe do terreo non sexa efectiva, vanse desenvolver unhas comunidades típicas destas zonas asolagadas, sobre todo é destacable a presenza dun musgo (Sphagnum) e tamén carqueixas, mirtos, salgueiros, etc. Nestes terreos debido ó estancamento das augas e baixa temperatura a materia orgánica non se descompón senón que se mineraliza formando a turba, de aí o nome de turbeiras para estas zonas. A fauna, ben sexan invertebrados, mamíferos, aves, réptiles ou anfibios, está ben representada e aparece situada en termos xerais ocupando niveis altitudinais, se ben é certo que hai especies oportunistas que se adaptan ben ás diferentes condicións climáticas e de vexetación, polo que se poden atopar nunha grande diversidade de ambientes. O mamífero máis salientable dos Ancares é, sen ningunha dúbida, o lobo (Canis lupus signatus), o depredador por excelencia. Tamén é importantísima a presenza do corzo (Capreolus capreolus) que ante a ausencia de cervos, malia os intentos por reintroducilo, atopa aquí un hábitat ideal para o seu desenvolvemento. Cómpre sinalar, así mesmo, a presenza de osos (Ursus arctos) que veñen da cordilleira Cantábrica, o que motivou a declaración dos Ancares como Zona Especial para os osos. Tamén nos bosques atopamos leirón rillón (Glis glis), esquío (Sciurus vulgaris), gato bravo (Felix sylvestris) e diversos mustélidos, como a marta (Martes martes), a donicela (Mustela nivalis), o teixugo (Meles meles), o armiño (Mustela erminea) ou a garduña (Martes foina). En canto ás aves hai que destacar, entre as rapaces, a aguia cobreira (Circaetus gallicus), xa que a aguia real só se ve esporadicamente e xa non cría. Tamén é posible observar o miñato, o azor, o gabián, o falcón peregrino ou a rapina cincenta (Circus pigargus), a gatafornela (Circus cianeus), etc. Entre as rapaces nocturnas, ademais de mouchos e curuxas, cómpre destacar a avelaiona (Strix aluco) e o bufo real. Sen ningunha dúbida, a ave máis famosa dos Ancares é a pita do monte (Tetrao urogallus), pero hoxe en día está practicamente extinguida na vertente galega, ó igual que a perdiz charrela (Perdix perdix) se ben desta última aínda quedan numerosos exemplares. Outra ave é o gabeador dos penedos que destaca polas dúas únicas citas que apareceron en Galicia, sendo pouco probable que críe nos Ancares. Ademais, destaca a azulenta alpina (Prunella collaris). Tamén é doado observar aves coma ferreiriños, lavandeiras, lavercas, papuxas, petos, o picanzo vermello, escribentas, etc. En canto ós réptiles, atópanse diversas especies de lagartixas, coma a lagartixa da serra (Lacerta monticola), a lagartixa das brañas (Lacerta vivipara), a víbora de Seoane (Vipera seoanei), a cobra bastarda (Malpolon monspesulanus) –que pode acadar grandes dimensións–, a cobra sapeira (Natix natrix) ou, xunto con outras especies máis, a cobra lagarteira lisa (Coronella austriaca). En canto ós anfibios destaca a ra dos montes ou vermella (Rana temporaria) e a ra patilonga (Rana iberica); pódese observar tamén a píntega común e a rabilonga e os limpafontes pertencentes ó xénero Triturus. Destacan entre os insectos unha bolboreta (Papilio) que se pode ver durante a primavera e o verán; así mesmo, atópanse distintos coleópteros e innumerables insectos.
Xeografía humana
A historia demográfica dos Ancares no s XX ten dúas fases ben diferenciadas. A primeira vai desde 1900 ata 1950. Neste período a poboación mantense estabilizada ó redor dos 30.000 habitantes. É un momento de elevadas taxas de natalidade e dun sistema económico autártico de autosubsistencia. Os contactos co exterior son pequenos e a emigración era aínda moderada. A segunda etapa correspóndese coa última metade do século. Aquí a caída demográfica é brutal: a poboación de 1996 supón o 50% da de 1900. Pérdense case 5.000 persoas por década, debido ó fortísimo éxodo rural que se xeneralizou nesta comarca. A emigración naqueles momentos vai ter como destino principal os países máis industrializados do entorno europeo e de España, (sobre todo Barcelona). O abandono pola vía migratoria aínda se mantén na actualidade: no período 1991-1996 o saldo migratorio é negativo en 753 persoas. As razóns desta forte saída están nas duras condicións de vida deste espacio: baixos rendementos agropecuarios, malas comunicacións e dificultades de acceso ós servicios e carencia de iniciativas. Ademais da perda directa de habitantes, a emigración trae consecuencias indirectas: avellentamento demográfico e descenso da natalidade. Os Ancares son un espazo avellentado. Máis do 30% da súa poboación é maior de 65 anos. A capacidade de reprodución é mínima: a taxa de natalidade é durante o período 1991-1996 dun 2,6‰ como media anual. Pola contra a mortalidade é moi superior: a taxa é dun 11,2‰ a causa do importante número de persoas maiores. Como consecuencia o crecemento vexetativo é negativo: no lustro 1991-1996 pérdense 879 individuos. En resumo, o porvir poboacional dos Ancares é moi problemático cunha clara tendencia á despoboación. Respecto á súa distribución polo espazo as áreas de máis intensa ocupación humana correspóndense cos fondos de val. Becerreá é o concello máis poboado. A vila conta con 1.486 residentes (case o 40% do municipio). Esta experimenta un crecemento alcista ó longo de todo o século. Dobra o seu número de habitantes desde principios de século en parello coa súa consolidación como centro terciario e cabeceira comarcal dos Ancares. Os maiores niveis de abandono rexístranse nas Nogais e Navia de Suarna que perden máis do 70% dos seus habitantes respecto a 1900.
Xeografía económica
A base económica dos Ancares presenta grandes dificultades debido á importancia que aínda ten o sector primario no nivel de ocupación sectorial en comparación coa súa escasa modernización. Predomina o emprego agrario: o 54,6% da poboación activa está censada como agricultor. É unha actividade de autosubsistencia e baixa produtividade. A principal produción é o vacún de vocación cárnica. 
Das 14.907 cabezas de gando saneadas no 1996, o 84% das mesmas teñen esta orientación. O minifundismo é xeral: a media de cabezas de vacas por explotación é inferior a 10. Das 1.523 explotacións agrarias censadas só o 8,7 % contan con máis de 20 cabezas (limiar que mide a rendibilidade media dunha explotación). O concello de maior dependencia agraria é Cervantes onde o 63,7% da súa poboación activa se emprega neste sector. Con todo, a actividade agraria está en decadencia posto que en 1981 a porcentaxe de traballadores desta actividade era do 84%. Os motivos desta redución están no peche de moitas explotacións por xubilación dos seus titulares e no abandono por falta de rendibilidade doutras moitas. Por número de cabezas de gando Baralla é o de maior importancia: 2.838 cabezas. A nivel paisaxístico esta situación identifícase na gran cantidade de parcelas abandonadas ou ocupadas por matogueira (o 55,8% da superficie comarcal), mentres as terras labradas e os pastos teñen un valores cativos (respectivamente o 6,3% e o 16,3%). O uso forestal, por outra parte, non acada o potencial que podería nesta área de montaña: só ocupa o 22,8% das terras. As outras ramas de actividade acadan uns valores moito máis baixos. Os servicios dan emprego a un 31,3% da poboación activa dos Ancares. Trátase fundamentalmente de empregados públicos, de pequenos comerciantes e de traballadores de empresas de servicios de ámbito local ou comarcal. O seu protagonismo increméntase desde 1981, pois nesta data só empregaba a un 10,6%. O emprego terciario ten a súa maior representación en Becerreá, debido á súa condición de cabeceira comarcal (o 39,1% dos activos). Mentres a súa porcentaxe máis baixa está en Navia: un 26,6%. No caso de Becerreá cóntanse con diversas dotacións públicas de carácter comarcal que reforzan a súa condición de cabeceira de comarca: oficina de Extensión Agraria, ensino secundario, Escola de Capacitación Agraria, servicios sanitarios, Fundación para o Desenvolvemento Comarcal, oficina do INEM, etc. Ademais, conta cunha base comercial diversificada e con capacidade para abastecer daqueles produtos básicos á poboación dos Ancares: 82 licencias comerciais (o resto dos concellos están subequipados, non sendo capaces de garantir o propio autoabastecemento). Localízanse 6 entidades financeiras (en 1965 eran só 2) e diversos locais de hostelería. Todo isto contribúe a potenciar a súa capacidade de atracción e a configurar unha área de influencia directa que se corresponde co conxunto do espazo comarcal. Malia este pulo na terciarización a vila non é capaz de cubrir algunhas actividades que esixen un certo nivel de especialización, co que é necesario que os habitantes de Ancares se despracen sobre todo a Lugo e, en menor medida, a Sarria. A construción e a industria teñen unha participación moi pequena na estrutura socioprofesional: o 6,5 e o 7,2% respectivamente no 1996. O emprego industrial localízase nas pequenas industrias cárnicas, fábricas de materiais de construción e canteiras. Mentres os activos dedicados á construción intégranse tamén en pequenos grupos de obra para cobertura da demanda local. Actualmente unha das actividades produtivas de maior futuro é o turismo. Dende a creación do Club Ancares de montañismo a oferta de ocio dos Ancares ten ido en aumento. A comarca é lugar privilexiado polo seu gran atractivo paisaxístico e ambiental. Nos últimos anos estase a reforzar esta nova función coa construción de aloxamentos de Turismo Rural, refuxios de montaña e cámpings. O auxe da demanda de consumo da natureza por unha sociedade cada vez máis urbana, a mellora da accesibilidade (trazado da autovía), a abundante riqueza etnográfica, a posta en marcha de programas integrais de desenvolvemento por parte das administracións (Plan Leader da Unión Europea e Plan de Desenvolvemento Comarcal da administración autonómica), a potenciación do Camiño de Santiago que entra en Galicia por Pedrafita, e a crecente conciencia ecolóxica, converten ós Ancares nun espazo estratéxico dentro do novo contexto rexional, sendo o turismo na natureza a súa necesaria aposta cara ó futuro. Trátase dun cambio marcado de funcionalidade: os espacios rurais das áreas de montañan deixar de ter unha función agropecuaria para adquirir outra ligada ó desfrute da riqueza natural e patrimonial do medio.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos destacables pertencen á cultura castrexa, sobresaíndo os castros de Vilabol, Vilaesteva e Quintá no concello das Nogais, os de Lebruxo, Berselos e Santa Cruz de Baralla. Segundo Manuel Amor Meilán viviu aquí o pobo dos zoelas, que tería a súa capital na actual Oselle, topónimo que deriva de Ocellum Gallaecorum. Este pobo cultivaba e traballaba o liño, moi apreciado en Roma. Cruzaba a comarca a calzada Lugo-Astorga onde, segundo os historiadores, se situaba a mansión romana Ponte Naviae. Atopáronse lápidas a xeito de exvotos, unha dedicada a Iúpiter Optimum Maximum e outra á deusa Tutela, na parroquia de Aranza (Baralla); así mesmo, entre o Patrimonio Cultura de época romana cómpre salientar as ruínas da mansión Timalimum e, na serra de Constantín, os que semellan ser restos da suposta vía. Tamén pasaba por estas terras o Camiño Real de Castela, que penetraba en Galicia ascendendo Pedrafita, defendido pola torre de Doncos, o Castelo de Doiras e o de Valcarce en León. Durante a Idade Media os condes de Altamira fixerónse co concello de Navia cara ó 1450 conservándose aínda os restos do castelo de Pobra de Navia citado xa en documentos históricos dende o ano 1037, tamén destacan os marqueses de San Saturniño e o señor de Cervantes, conde de Vilanova de Cañedo e marqués de Alcañices que exerceu xurisdición na zona dende o castelo de Doiras ou torre de Ferreira. Outro importante marca na historia da comarca é o camiño de Santiago, grazas ó que a mediados do século IX se construíu o hospital do Cebreiro para acoller os numerosos peregrinos que ían camiño de Compostela. Este hospital foi fundado por monxes beneditinos xunto ó santuario de Santa María a Real onde conta a tradición que se realizou a milagre eucarística do Santo Graal. Xa máis recentemente as xentes do lugar formaron guerrillas contra os franceses e apoderáronse de máis dun millar de fusís que tiñan os soldados agochados na ponte de Cruzul e formaron un exército de máis de catro mil lugareños.
Configuración comarcal
Otero Pedrayo denominaba a esta zona “Terra de Cervantes” e A. Fraguas “Terra do Cebreiro”. Desde un punto de vista funcional a súa consideración como unha comarca é tamén evidente. Existe unha cabeceira de comarca, Becerreá, desde a que se organiza a vida en sociedade deste espacio. Esta vila é considerada a “porta dos Ancares” por confluír nela as vías de comunicación que artellan o territorio comarcal con todas as súas aldeas e lugares. Becerreá foi desde sempre lugar de celebración de feiras e mercados a onde se dirixían os campesiños periodicamente para vender os seus excedentes produtivos. Aquí tamén se sitúan ós servicios administrativos de cobertura comarcal: Os Ancares son tamén unha comarca educativa, sanitaria, marco de referencia para a planificación do desenvolvemento local e de asesoramento ós labregos, etc. Estas funcións son recentes: fan a súa aparición nos anos sesenta. Son resultado das sucesivas políticas de descentralización dos equipamentos públicos postos en marcha a raíz da consolidación do estado do benestar. Precedente destas foi o Partido Xudicial do que Becerreá foi cabeceira ata o 1965, ano no que pasou a depender do de Lugo. Aínda que a configuración do partido non era exacta á comarca actual (excluíase Navia de Suarna e incluíase Triacastela), a súa existencia e vixencia desde 1833 a 1965 contribúe a reforzar a idea de comarca e a xerar unha área de influencia dos servicios localizados na vila que vén coincidir co espazo que hoxe coñecemos como comarca dos Ancares.

No hay comentarios:

Publicar un comentario