viernes, 18 de mayo de 2012

DIA DAS LETRAS GALEGAS 2012: HOMENAXE DO NOSO BLOG A VALENTIN PAZ ANDRADE




Valentín Paz-Andrade, nado no barrio pontevedrés de Lérez o 23 de abril de 1898 e falecido en Vigo o 19 de maio de 1987, foi un xurista, economista, político, empresario, escritor, poeta e xornalista galeguista. En 2012 adicaráselle o Día das Letras Galegas.

Traxectoria

Foi fillo de Francisco Paz Cochón, concelleiro de Pontevedra, e Matilde Andrade Tojeiro, quen despois tiveron tres fillas máis: Matilde, Carmen e Castora, que morreu moi nova. A súa nai finou tendo el sete anos, suceso que marcaría a infancia de Valentín.

Actividade antes da guerra civil

Valentín nunha foto de Francisco Zagala.
Comezou a interesarse na literatura e na cultura de Galicia da man do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade. Foi tamén el quen lle presentou a Castelao, un dos intelectuais que máis influíron na súa obra, cando este fixou a súa residencia en Pontevedra, en 1916.
En 1917 comezou os estudos de Dereito, na Universidade de Santiago de Compostela, que rematou en 1921. Neste tempo comezou tamén a colaborar co diario santiagués Gaceta de Galicia. Simultaneamente foi xefe de redacción do semanario La Provincia de Pontevedra (1917-1922).
Durante a súa etapa formativa iniciouse no movemento galeguista, da man de Castelao, e participa como orador na II Asemblea Nacionalista (1919) de Santiago de Compostela. Ramón Piñeiro conta que Castelao tivo que organizar un mitin público no que participaran estudantes da Universidade, para o que escolleu a Paz-Andrade. A consideración que lle tiña Castelao pode reflectirse no alcume de o Mozo co que se refería a el nos faladoiros do Café Moderno (en Pontevedra), que mudou co paso do tempo a o Berbiquí, pola súa teimosía, e a o Inmortal, tras sobrevivir á Guerra de África e aos atentados de Vigo e de Verí.n ]
Durante esa época tamén crea e preside o primeiro grupo galeguista estudantil en Santiago, o Grupo Galeguista Galego de Estudiantes. Anos despois presidiría en Vigo o Grupo Autonomista Gallego (1930) e militaría no Partido Galeguista, participando activamente na súa fundación en decembro de 1931.
Durante a Guerra de Marrocos foi enviado á fronte en 1921, destinado a Laucien (preto de Tetuán) e Xauén, formando parte do Rexemento Murcia de guarnición en Vigo, pero tivo que ser evacuado por mor dunha infección intestinal e, tras un recoñecemento médico na Coruña, dado por inútil para o servizo militar. Desde Marrocos enviou algunhas crónicas para o xornal coruñés El Noroeste. Durante ese tempo xorde a única novela que escribe, Soldado da morte, que deixará inacabada e inédita. En 1978 escribiu a Xosé Núñez Búa: "A noveliña a que te refires non se chegou a imprimir. Somentes meu tío Juan Bautista Andrade, Castelao e Cabanillas leeron o orixinal, que despois deixei esquecido n-un caixón." En 1922 regresa a Galicia.
Casa natal en Lérez.
En xullo de 1922 nace o xornal Galicia. Diario de Vig do que nun primeiro momento é redactor xefe, e dende o mes de agosto director, ata a súa desaparición o 15 de setembro de 1926, pechado na ditadura de Primo de Rivera.  En xullo de 1924 foi detido pola publicación de dous artigos en Galicia, en defensa do porto de Vigo e a vía ferroviaria a Francia, polos que tivo que pagar unha multa e permanecer no cárcere quince días. Ese mesmo ano defende ao periodista José Signo fronte a Alejandro Pérez Lugín nun xuízo pola paternidade da novela La Casa de Troya.
En 1925 coñece en Vigo a Valle-Inclán a quen adicaría un ensaio en 1967.
Desde o outono de 1926 fixa o seu bufete de avogados na cidade olívica, mantendo as súas colaboracións periodísticas. En 1927 comezou a escribir en Industrias Pesqueras, da que foi director desde 1942. Como asesor xurídico da Sociedade de Armadores de Bouzas coñece os portos de Bretaña e comeza o seu achegamento ao mundo do mar e da pesca. En 1928 publicou Los puertos nacionales de pesca en España. Aportación de Vigo al estudio del problema.
En 1930 funda e preside o Grupo Autonomista Galego, en Vigo, á vez que intensifica a súa actividade política en prol do galeguismo, da man de Castelao, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas e outros.,En marzo ten lugar o Pacto de Lestrobe.[ Nese mesmo ano, o 3 de setembro, morre o seu tío Xoán Bautista Andrade. O día 25 do mesmo mes participa no Compromiso de Barrantes.
Foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931, con Castelao e Cabanillas, pero non saíu elixido por escasa marxe . En xuño dese mesmo ano colaborou con outros membros do Seminario de Estudos Galegos na redacción dun Antreproyeito de Estatuto da Galiza  e publicou diversos artigos políticos en El Pueblo Gallego. En decembro constitúese formalmente o Partido Galeguista, en Pontevedra, e resulta nomeado conselleiro.
"Autonomia, fé civil", columna na portada de El Pueblo Gallego, 1936.

O 22 de novembro de 1932 foi vítima dun atentado cando saía, acompañado de Xaime Illa Couto, dun café na rúa de Fermín Galán, hoxe rúa do Príncipe, de Vigo. Daquela Paz-Andrade mediaba representando á patronal nunha folga de mariñeiros do sindicato de Industria Pesqueira de Bouzas-Vigo (pertencente á CNT) contra os armadores da industria La Marítima polos buques por parellas. No atentado recibiu cinco disparos que case acaban coa súa vida. O militante anarcosindicalista Vicente Vales Lorenzo, directivo do sindicato, foi acusado de ser o autor material dos tiros e detido, estando preso até abril de 1933 e saíndo absolto logo do xuízo, no que foi defendido por Agustín Ribas e Isidoro Millán Mariño.
En 1934, cando con ocasión do Bienio Negro foron desterrados -o 23 de novembro- Castelao a Badaxoz e Bóveda a Cádiz, Paz Andrade asumiu -con moitas reticencias- a Secretaría Política do Partido Galeguista 
Ti sabes ben que eu non podo nin quixen endexamais furtarme a ningún esforzo pol-a Causa. Menos podería facel-o si ti es quen o recrama, e nun intre como o de agora. Mais compre enfocar as cousas abxetivamente, pola cara da eficacia. E xusgo que nin o Partido lle convén o que propós, nin eu me atopo en situación de encarar esa responsabilidade
Carta a Castelao, 3 de decembro de 1934.
Volveu presentarse ás eleccións de febreiro de 1936, desta volta nas listas da Candidatura Republicana de Centro de Portela Valladares, pero tampouco resultou elixido.

Guerra civil e posguerra

Co estalido da Guerra Civil Española axudou a fuxir a diversos intelectuais galeguistas como Ramón Martínez López e defendeu a outros das condenas que lles eran impostas como Xosé Núñez Búa. Posteriormente, foi desterrado a Verín o 9 de setembro, onde sufriría un intento de paseo por parte duns falanxistas dos que conseguiu fuxir, e logo, en xaneiro de 1937, a Requeixo (Chandrexa de Queixa). En abril autorizóuselle a residir en Castro Caldelas e, días despois, na Pobra de Trives. Este tempo no desterro fixo xurdir nel a necesidade de escribir poesía, e aí naceron moitos dos versos que logo formarían parte de Sementeira do vento ou de Cen chaves de sombra. Finalmente foi autorizado a saír do seu desterro para asistir a unha asemblea de armadores en Bilbao pero ao regreso retornou a Vigo, ao ser cancelado o desterro a principios de 1938, para quedar o resto da súa vida nesta cidade. En agosto de 1939 foi detido de novo e desterrado a Villanueva de la Serena (Badaxoz) 
Edificio da antiga cadea de Vigo.
                                                                
Durante o seu desterro coñeceu en San Lourenzo de Trives a Pilar Rodríguez de Prada, coa que casou en Ourense o 8 de decembro de 1939. O 4 de outubro de 1940 naceu o seu único fillo, Afonso Paz-Andrade.
A partir de 1942 dirixiu a revista Industrias Pesqueras. Avogado de prestixio en Vigo, traballou tamén como técnico da FAO, con que participou en diversos congresos e seminarios, e para a que publicou o primeiro tratado sobre Principios de economía pesquera (1954); ademais, foi o primeiro especialista español proposto por esta organización para misións internacionais en Hispanoamérica (Valparaíso, 1952; México, 1954; e Bogotá, 1955).
Nesta época seguiu colaborando en El Pueblo Gallego e publicou diversos artigos en Faro de Vigo e La Noche, asinados cos pseudónimos M., Xan Quinto e Mareiro (este último para asinar artigos sobre temática pesqueira. En 1943, o Delegado Nacional de Prensa insistía así na prohibición que recaía sobre Paz Andrade respecto ao uso da súa sinatura:
En cuanto a la deducción que en dicho escrito se hace de que podrá en otras publicaciones y no en "Industrias Pesqueras" usar su firma, es erróneo ya que la prohibición alcanza evidentemente a todas las publicaciones que dependen de la Delegación Nacional de Prensa y en la actualidad son las que tienen carácter de periódicas
O Delegado Nacional de Prensa ao Delegado Provincial de Educación Popular e este ao Delegado Local que, por último, llo comunica ao director de Industrias Pesqueras con data 18 de maio de 1943.
Desde 1945 organizou o parladoiro do café Alameda, en Vigo, onde se reunía con intelectuais e artistas como Carlos Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, Fernández del Riego e os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, entre outros.
Pescanova está moi ligada ao apelido Paz-Andrade.
Na revista literaria La Noche publicou o 14 de xaneiro de 1950 un artigo en portada e a catro columnas sobre Castelao, quen morrera unha semana antes, baixo o título "Castelao. El hombre y el artista". A revista foi expedientada por incumprir as normas ditadas pola Dirección Xeral de Prensa para o tratamento que debía dar a prensa á noticia do pasamento e pechada dúas semanas despois. As instrucións esixían que a noticia se dera en páxinas interiores e a unha columna, e que só se podía eloxiar as cualidades de humorista, literato e caricaturista.
Durante la séptima noche del año naciente -vértebra dorsal del siglo- han debido doblar a muerto las campanas de todas las iglesias de Galicia. Campanas marineras de Rianxo. Graves campanas de Compostela. Líricas campanas de Bastavales, de Anllóns... Sólo el llanto unánime de las torres románicas, lágrimas de bronce sobre faz de piedra, habría expresado con digno acorde y proporcionado acento, en esta ocasión el dolor de la tierra...
Castelao, el hombre y el artista, 14 de xaneiro de 1950, Valentín Paz-Andrade, xornal La Noche. Suplemento del sábado de Santiago.
Entre 1955 e 1959 publica tres obras en Bos Aires: o poemario Pranto matricial (1955) e os ensaios Sistema económico de la pesca en Galicia (1958) e Galicia como tarea (1959). Este último recolle as conferencias ditadas dous anos antes no Centro Gallego de Bos Aires, e foi cualificado por Méndez Ferrín como "o grande manifesto político e económico do nacionalismo galego progresista".
En 1957 foi detido e encarcerado, de novo pola publicación dun artigo. Desta volta foi por mor un escrito aparecido en Industrias Pesqueras no que se criticaba ao comandante militar da Marina de Vigo.
Edificio Sanchón, sede do bufete de Paz-Andrade
En 1959 participa nun ambicioso proxecto empresarial para a creación dunha refinería de petróleo en Vigo, Petrogasa, que ao final non será autorizada debido á oposición do enxeñeiro Suances. Este proxecto estaba apoiado economicamente por Manuel Cordo Boullosa, que pensaba destinar o 60 % dos beneficios a crear "unha fundación pra axudar o melloramento cultural e social de Galicia". Foi un dos impulsores do grupo industrial Pescanova, que converteu na primeira compañía armadora europea de buques conxeladores, e da que foi vicepresidente (1960). Non callou outro proxecto no que tamén participou en 1963: a creación dun Banco Industrial de Galicia.
O 7 de xuño de 1964 foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega, a proposta de Otero Pedrayo, García Sabell, Fernández del Riego, Ferro Couselo e Vales Villamarín, aínda que non leu o discurso de ingreso ata o 11 de febreiro de 1978, baixo o título de "A galecidade na obra de Guimarães Rosa", respondido por Cunqueiro.
En agosto de 1970 sofre unha embolia cerebral da que se recupera non sen dificultades . En 1973 créase a World Fishing Exhibition, en Vigo, da que actúa como xerente.

Restauración democrática

Co retorno da democracia volveu ao mundo da política. En 1975 formou parte da Xunta Democrática de Galicia e, cando recibe nese ano o Pedrón de Ouro, inclúe no discurso de aceptación a reivindicación da democracia e da autonomía. En 1976 foi nomeado en representación de Galicia, como independente, na Comisión Negociadora da Oposición co Goberno, ata a súa disolución en 1977, e da Plataforma de Organizaciones Democráticas. Foi elixido senador por Pontevedra pola Candidatura Democrática Galega nas Cortes Constituíntes (1977-1978), na que se presentou xunto a Fernández del Riego e Fernando Alonso Amat.
Si las elecciones no hubieran sido manipuladas por el poder y desde Madrid, los tres hubiéramos triunfado pero, en general, la consulta fue desafortunada para Galicia
Carta a Osorio-Tafall, 30 de xuño de 1977
En 1979 publicou Cen chaves de sombra, que Lorenzo Varela describiu como "poemas de un loitador, de un home con coraxe á hora de escribir e á hora de pelexar".
Lápida no camposanto de Lérez.
En 1982 publica Castelao na luz e na sombra, completa e detallada biografía de Castelao, o seu irmán maior, que comezara a escribir en 1975.
Non quixen facer unha biografía fría, erudita, acartonada. Eu quixen dar un Castelao vivo, como foi, cunha liña anecdótica que o retrata.
En 1985 publicou Galiza lavra a sua imagen e o 5 de decembro ingresou na Real Academia Galega de Ciencias con O home dentro do sabio: Pedro Joseph de Bermés (1770-1824).
En 1986 foi o vicepresidente da Comissão Galega do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa  que negociou os dous Acordos Ortográficos deste idioma, o de 1986 (coñecido tamén como o da ortografía simplificada) e de 1990 (ou de ortografia unificada), actualmente en fase de implementación.
O martes 19 de maio de 1987 faleceu na clínica Fátima, de Vigo, a consecuencia dunha doenza cardiovascular. Foi enterrado no cemiterio de Lérez envolto nunha bandeira galega, como el deixara establecido.

Obra

Escribiu ensaios literarios, históricos e económicos, nos que reflectiu a súa preocupación polo progreso de Galicia. Tamén escribiu varias obras como técnico especializado en temas pesqueiros.
Como poeta formou parte da Xeración de 1925 e na maior parte da súa obra poética evidénciase unha motivación patriótica, como se pode observar en Soldado da morte (1921), Pranto matricial (1954), en que evoca a morte de Castelao e que foi reeditada en 1975 en cinco linguas; Sementeira do vento (1968), en que canta a paisaxe e a xente galega, ademais do exilio e o amor ausente; Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986), en que incluíu as composicións dedicadas ao autor ourensán.
O que todo galego choraría...

CHORA, TERRA, teu pranto
das augas e dos eidos e dos ares,
as vivas páreas cósmicas da reza,
en mantelo de brétemas envoltas
que noso fin ao noso orixe ligan.
[...]
—Valentín Paz-Andrade,
recollido en Pranto matricial.
Utilizou a lingua galega durante toda a súa vida para a obra poética e narrativa. Para os ensaios utilizou o castelán até 1975 (se ben é certo que estas obras foron publicadas en Madrid e Bos Aires) e o galego desde entón. Respecto aos artigos, publicou en castelán os de temas pesqueiros e en galego os de temática literaria e cultural. Defendeu o uso do reintegracionismo como norma para o galego escrito[31], e usouno no seu último ensaio (Galiza lavra a sua imagen, 1985).
Colaborou en Grial, O Ensino e Outeiro con artigos sobre literatura, especialmente ao redor da figura de Castelao; e en Industria Conservera, El País e La Vanguardia con artigos económicos e políticos.

Obra en galego

Ensaio literario, histórico e económico

  • A galecidade na obra de Guimarães Rosa (1978, Edicións do Castro) ISBN 978-84-85134-92-2.
  • Castelao na luz e na sombra (1982, Edicións do Castro) ISBN 978-84-7492-130-4.
  • Galiza lavra a sua imagen (1985, Edicións do Castro) ISBN 978-84-7492-258-5.

Poesía

  • Pranto matricial (1955, Ediciones Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires)
  • Canto do pobo disperso (Bogotá, 1955, inédito ata a publicación en 2012 por parte do Consello da Cultura Galega).
  • Sementeira do vento (1968, Galaxia) ISBN 978-84-7154-087-4.
  • Cen chaves de sombra (1979, Edicións do Castro) ISBN 978-84-7492-007-9.
  • Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986, Fundación Otero Pedrayo).
  • Antoloxía (2012, Galaxia) ISBN 978-84-9865-418-9.
  • Poesía completa (2012, Xerais) ISBN 978-84-9914-341-5.
Capotes de sombra amargos

Dous a dous en tres ringleiras
tricornos seis, seis cabalos,
un fusil a cada lombo,
capotes de sombra amargos,
cal seis funiles de tebra
sobre hipogrifos marchando.
As ferraduras nas laxes
ronsel de chispas nos cascos.
Charoles o anoitecer
verten seu frío no cadro.
[...]
—Celeiros de Queixa, 1937.
Valentín Paz-Andrade,
recollido en Cen chaves de sombra, 1979.

Narrativa

  • Soldado da morte (1921, inacabada e inédita).

Ensaio e artigos

  • O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade (1997, La Voz de Galicia). A cargo de Tucho Calvo. ISBN 978-84-88254-53-5.

Obras colectivas

  • "A evolución trans-continental da lingua galaico-portuguesa" en O porvir da lingua galega, 1968, Círculo das Artes, Lugo, 166 pp., pp. 115-132
  • O home dentro do sabio: Pedro Joseph de Bermés (1770-1824), 1985, Real Academia Galega de Ciencias. Coa resposta de Enrique Vidal Abascal.
  • Epistolario, (1997, Edicións do Castro). Edición de Charo Portela Yáñez e Isaac Díaz Pardo, ISBN 978-84-7492-841-9.
  • "Cruz Gallástegui, na hora e na obra", en Homenaje a Cruz Gallástegui Unamuno. AA.VV., Deputación de Pontevedra, 1985, pp. 171-192.
  • "Perspectiva e contrapunto da obra de Blanco Amor", artigo no número 3 (extra adicado a Blanco Amor) de A Nosa Terra, Vigo, 1985.

Obra en castelán

Ensaio literario, histórico e económico

  • Galicia como tarea (1959, Ediciones Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires).
  • La anunciación de Valle-Inclán (1967, Losada, Buenos Aires) ISBN 978-84-7339-537-3.
  • La marginación de Galicia (1970, Siglo XXI, Madrid) ISBN 978-84-323-0027-1.
nterpelacións de Paz Andrade no Boletín Oficial de las Cortes en 1978 

Sobre temas pesqueiros

  • Los puertos nacionales de pesca en España. Aportación de Vigo al estudio del problema (1928, Unión de Entidades Viguesas).
  • Principios de economía pesquera (FAO, Santiago de Chile, 1954).
  • Producción y fluctuación de las pesquerías (1954, Unesa).
  • Sistema económico de la pesca en Galicia (1958, Editorial Citania, Buenos Aires).
  • Los derechos sobre el espacio marítimo (1960, Ed. Reus) ISBN 978-84-290-0260-7.
  • El capital como factor del desarrollo de Galicia (1970, Banco Noroeste, A Coruña).
  • El concepto de zona económica en el nuevo derecho del mar (1974).

Colectiva

  • X. R. Barreiro Fernández, F. Díaz-Fierros e outros, Los Gallegos, ed. AKAL, 1976, 547 pp. La sociedad y la economía, 1975, pp. 45-93.

Edicións e estudos

  • Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia, de Joseph Cornide; estudio preliminar. Facsímile (1983, Edicións do Castro). ISBN 84-7492-163-5.

Premios e distincións

Foi nomeado membro da Real Academia Galega (1964) e da Real Academia Galega de Ciencias (1985), e foi galardoado co Pedrón de Ouro (1975), a Cruz de San Raimundo de Peñafort (1978), a Medalla da Cidade de Pontevedra (1979), a Medalla Castelao (1984), a Medalla ao Mérito Social Marítimo (1984), a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo (23.05.1986) e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (29.06.1986).
Levan o seu nome o buque escola do Servizo de Gardacostas de Galicia, unha rúa en Lérez, un paseo de Bouzas e un centro integrado de formación profesional no Meixoeiro, en Vigo.
O sábado 4 de xuño de 2011 foi escollido para se-lo homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2012.

Vida persoal

Escudo de España, co de Galicia no centro.
Foi pai do empresario Afonso Paz-Andrade e tío da científica Inmaculada Paz-Andrade.
No centro do escudo de España que preside a fachada do Palacio de Comunicacións de Madrid, o arquitecto Antonio Palacios fixo esculpir o escudo de Galicia, co seu cáliz e as sete cruces. Segundo conta Alfonso Paz-Andrade, fillo de Valentín Paz Andrade, foi este quen suxeriu ao arquitecto incluír ese detalle nunha visita que lle fixo no seu taller:
Meu pai acostumaba ir a Madrid por traballo e, nunha desas viaxes, decidiu ir visitar o seu amigo. Palacios estaba preparando sobre unha mesa e a tamaño natural o bosquexo do escudo de España para Correos e o meu pai díxolle "plántalle aí o de Galicia". 

No hay comentarios:

Publicar un comentario