01/12/2011 - El Progreso Digital + Agencias (Lugo)
Lugo é a única provincia galega na que, no que vai de ano, aumentou a cifra de falecidos na estrada en relación ao mesmo período do ano pasado. En concreto, entre xaneiro e novembro de 2011 contabilizáronse trinta vítimas na rede viaria lucense, fronte aos vinte e seis falecidos nos once primeiros meses do 2010. A subida é exactamente do 15,38 por cento.
Información relacionada
O incremento é anterior a novembro, xa que no mes recentemente terminado faleceron tres persoas en accidentes de tráfico en Lguo, tantas como no mesmo mes do 2010.
BALANCE GALEGO
A sinistralidade viaria descendeu un 25 por cento en novembro en Galicia fronte a 2010, ao pecharse con doce falecidos nunha ducia de sinistros, catro vítimas menos que o mesmo período do ano pasado, no que se rexistraron 16 mortos en 16 accidentes.
Segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), recollidos por Europa Press, as provincias de Pontevedra e A Coruña rexistraron o maior número de vítimas o penúltimo mes do ano, catro en cada caso, noutros tantos sinistros; mentres que en Lugo houbo tres mortos e en Ourense, un.
Deste xeito, o maior descenso en canto ao número de vítimas mortais (comparando os dous novembros) rexistrouse na provincia de Ourense, ao baixar de cinco a unha, o que supón un 80 por cento menos; seguida da Coruña, na que se reduciu de seis a catro, un 33,3 por cento menos. Na provincia de Pontevedra os falecidos duplicáronse en novembro fronte ao mesmo mes de 2010, de dous a catro falecidos; e en Lugo mantívose o mesmo dato, con tres mortos.
BALANCE ANUAL E POR IDADES
Con respecto ás idades das vítimas de novembro, tres delas eran menores de 25 anos; outras tres tiñan entre os 25 e 45 anos; dous, entre os 56 e 65; e catro eran maiores de 65 anos.
No que vai de ano faleceron 131 persoas nas estradas galegas, un 17 por cento menos que no mesmo período de 2010, que contabilizou 159 vítimas.
O maior descenso correspondeu a Ourense, un 27,59 por cento, de 29 a 21 falecidos; seguida de Pontevedra, un 23,9 por cento menos, de 46 a 35; e A Coruña, un 21 por cento menos, de 58 a 45. Por contra, en Lugo aumentou un 15,38 por cento, de 26 a 30.
Os ACCIDENTES DE NOVEMBRO
En realidade, en novembro en Lugo morreron catro persoas a consecuencia doutros tantos accidentes de tráfico, aínda que o cuarto fíxoo xa no hospital. Trátase dun mozo que se accidentou coa súa motocicleta nunha rúa de Castro de Ribeiras de Lea na noite do venres 18 e faleceu na seguinte madrugada no hospital.
As outras tres mortes son as dun veciño de Cervantes nas Nogais (2 de novembro); outro da Pontenova en Castro de Rei (5 de novembro) e un habitante de Taboada que faleceu ao envorcar o seu coche nun regato en Chantada (7 de novembro).
No hay comentarios:
Publicar un comentario