martes, 21 de septiembre de 2010

Cola "made in" Galicia



Hai xa un ano que un grupo de amigos deron cunha nova fórmula para refrescar a lingua galega: a Galicola. Con ela, ademais de saciar a sede e seguir o exemplo da Euskal Cola ou Mecca Cola, quixeron sacar unha bebida que axudase a fornecer de recursos o movemento normalizador do idioma -dedícanlle o 5% das vendas brutas- e «combater o monopolio das multinacionais ianques», segundo afirma un dos creadores, o lucense Xan Bagaria.
Membro do equipo fundador, critica que «non pode ser que aplaudamos co consumo o que repudiamos coa cabeza e co corazón».
Con esta filosofía, un grupo de mozos na vintena e treintena formaron a Asociación Cultural Fontaira, un colectivo sen ánimo de lucro no que se xuntan os creadores da Galicola e cuxa sede está en Vigo. Desde alí buscaron unha fábrica de refrescos en Galicia disposta a producir a mercadoría. E, aínda que a tarefa foi difícil, en agosto de 2009 conseguiron que Disbepo SL, unha casa de Vilagarcía de Arousa, fabricase as botellas. Alí, o equipo elixiu a fórmula segreda da Galicola e, logo, dedicáronse só á súa distribución.
«O día no que máis garrafas vendimos foi na manifestación de Queremos Galego, en outubro de 2009», conta Xan. O acontecemento coincidiu coa presentación do produto, do que despacharon unhas 800 botellas.
A partir de aí foron creando unha imaxe de marca e, agora, a Galicola xa se vende en máis de 90 bares distribuídos por toda Galicia. Bagaria indica que «a cousa está en expansión». E, aínda que de momento non chegou aos supermercados, este verán xa tiveron máis presenza en festivais.
Sabores
Os prezos están ao alcance de calquera peto e a garrafa de 33 centilitros véndese a 0,47 euros. Ademais, a asociación xa pensa en preparar a Galilimón e Galilaranxa, coas versións sen azucre e cafeína. Pero todo ao seu tempo. Porque Bagaria subliña que «somos novos nisto e non somos unha empresa».
Anécdotas houbo moitas. Bagaria conta unha «moi boa» do festival pontevedrés de Queremos Galego. «Preguntamos nun bar pola Galicola e a camareira, pensando que era unha brincadeira, contestou: non temos, pero estaría ben que a inventasen».
¿E o segredo da bebida? O creador encolle os seus ombreiros e responde que, se Coca-Cola e Pepsi non revelan o seu, «nós non imos ser menos».

No hay comentarios:

Publicar un comentario