martes, 28 de septiembre de 2010

O MARM destina dous millóns para o desenvolvemento sostible en 14 municipios do río Eo




O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM) subscribiu un convenio de colaboración para impulsar o desenvolvemento sostible dos territorios situados na contorna do río Eo e que conta cun financiamento de dous millóns de euros por parte deste departamento.

O convenio foi asinado este luns en Vegadeo polo director xeral de Desenvolvemento Sostible do Medio Rural e o presidente da asociación para o desenvolvemento do territorio interrexional na contorna do río Eo, que agrupa a sete municipios da provincia de Lugo e outros tantos de Asturias.

O obxectivo principal deste convenio específico, para o desenvolvemento do convenio marco xeral xa subscrito entre o MARM e a asociación, é, segundo o ministerio, “a promoción de medidas orientadas á diversificación da actividade económica e a mellora de infraestruturas, equipamentos públicos e prestacións de servizos sociais básicos, así como o impulso de medidas que supoñan melloras no medio ambiente e o desenvolvemento rural destes territorios”.
O convenio contempla cinco liñas de actuación:


  1. Adopción de medidas para a recuperación de impactos ambientais, “para o que se eliminarán ou corrixirán aqueles elementos, fundamentalmente construtivos, que se afastan dos valores tradicionais que se identificaron co territorio”.


  2. Actuacións de carácter ambiental nos 14 municipios, a través da posta en valor de elementos relacionados coa contorna e a súa conservación.


  3. Cursos de formación, especialmente destinados á poboación máis nova, para a aplicación de novas técnicas nos sectores primarios (agricultura, gandería e sector forestal). Estes cursos tamén estarán orientados ao sector turístico, ás actividades artesanais e ao intercambio de experiencias con outros territorios.


  4. Unha primeira fase dos traballos de implantación da banda ancha, a través da instalación progresiva de redes que interconecten estes territorios.


  5. A quinta liña inclúe aqueles elementos adicionais necesarios para pór en marcha as anteriores liñas de actuación, como a organización dunha estrutura administrativa e a realización de estudos e proxectos para a implantación das medidas anteriormente sinaladas.

Todas estas actuacións, segundo estipúlase no convenio, deberán estar finalizadas antes do 30 de xuño de 2011.


A Asociación para o Desenvolvemento do Territorio Interrexional do río Eo agrupa a sete concellos da provincia de Lugo (A Fonsagrada, A Pontenova, Baleira, Negueira de Muñiz, Ribadeo, Ribeira de Piquín e Trabada) e outros tantos municipios asturianos (Castropol, San Martín de Oscos, San Tirso de Abres, Santa Eulalia de Oscos, Taramundi, Vegadeo e Villanueva de Oscos), que comparten o ámbito xeográfico do val do río Eo e da reserva da biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón..

No hay comentarios:

Publicar un comentario