lunes, 6 de septiembre de 2010

Óscar López deixa a tenencia de alcaldía da Fonsagrada


Óscar López López, edil do PSOE na Fonsagrada, presentou a súa renuncia ao cargo de tenente de alcalde, así como ás competencias que desempeñaba nas áreas de cultura, turismo, tráfico, asuntos sociais, muller e medio ambiente. Manterá a súa acta de concelleiro e continuará como portavoz do grupo municipal socialista.
O xa ex tenente de alcalde formalizou a súa renuncia no último pleno. Indicou que esta decisión se apoia en motivos persoais e en cambios nas súas condicións de traballo. Óscar López manifestou a súa intención de continuar formando parte do grupo socialista ata o final do mandato.
O alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, manifestou o seu «profundo agradecemento polo traballo tan importante que este concelleiro leva feito, sempre de maneira altruísta». Cualificou o labor de Óscar López de fundamental «para o funcionamento do Concello nos últimos anos» e lamentou a súa renuncia, aínda que precisou que «é unha decisión persoal que debo respectar».
O posto de primeiro tenente de alcalde será ocupado por Elías Fernández, que asumirá tamén as competencias en materia de medio ambiente, que se suman ás que xa desempeñaba na área de medio rural.
Montserrat Yáñez Pasarín asumirá as funcións que tiña Óscar López nas áreas de cultura, turismo, asuntos sociais e muller, mentres que o alcalde, Argelio Fernández, farase cargo da área de tráfico.
A repartición de funcións complétase con Belén Fernández, que mantén as competencias que xa tiña en materia de economía, deportes, festas e réxime interior.
Ésta é a terceira reestruturación do goberno local da Fonsagrada no que vai de mandato. Os outros dous cambios estiveron motivados polo abandono das actas de concelleira por parte de Ricardo Parada e Edelmiro Pardo, que foron substituídos por Belén Fernández e Montserrat Yáñez Pasarín.

No hay comentarios:

Publicar un comentario