viernes, 3 de septiembre de 2010

Os GDR da Montaña buscan como compaxinar a cativa do lobo e a gandería


Representantes de grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia, Castela-León, Asturias e Portugal reuníronse onte na Fonsagrada para coordinar as liñas de actuación do proxecto europeo Wolf wild life and farmers (Lobo vida salvaxe e gandeiros), que pretende facilitar a coexistencia da gandería e os lobos nun mesmo territorio.
Neste proxecto, de carácter europeo e subvencionado polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, participan os GDR lucenses Montes e Vales e Ancares-Courel, ademais de agrupacións de Asturias, Castela-León, Portugal, Romanía, Eslovaquia e Estonia. Todos estes territorios rexistran o mesmo problema: os reiterados ataques de lobos ás reses e o rexeitamento dos gandeiros a esta especie.
Na reunión de onte acordouse iniciar unha campaña informativa entre os gandeiros baseada en reunións e folletos divulgativos. O obxectivo é mellorar a imaxe deste animal entre a poboación e estudar como aproveitar a súa existencia.
Ignacio Eiros, presidente do GDR Montes e Vales, apuntou a posibilidade de explotar desde o sector turístico a presenza de lobos nas montañas lucenses e incluso acoutar zonas onde potenciar a súa cría para evitar os ataques ás cabanas gandeiras.
O programa Wolf wild life and farmers foi promovido polo grupo Terra de Campos, de Valladolid, e posteriormente apoiado polo resto de agrupacións citadas. Conta tamén co respaldo do Ministerio de Medio Ambiente, que subvenciona a iniciativa con 400.000 euros. O convenio de colaboración será asinado o día 15 en Madrid.
O encontro de representantes dos GDR celebrado onte na Fonsagrada serviu tamén para seleccionar o logotipo do programa. Presentáronse 25 traballos chegados desde distintos puntos de España e finalmente foi seleccionado un procedente de Valladolid.
Os membros dos GDR valoraron o simbolismo do deseño, que, en palabras de Ignacio Eiros, «recolle perfectamente a filosofía do proxecto, a procura da simbiose entre o gandeiro, o gando e os lobos».
Eiros explica que as liñas de traballo iranse concretando tras os primeiros contactos cos gandeiros, que servirán para analizar as posibilidades de actuación e ver como se pode colaborar desde os GDR para facilitar a coexistencia de home e lobo

No hay comentarios:

Publicar un comentario