miércoles, 13 de octubre de 2010

Cociñas de hogano e de antano


Cociña vitroceramica

Cociña gas butano



Cociña bilbaina


Cociña lareira

XAVIER CASTRO
Foi na década de 1960 cando se difundiron de xeito conspicuo por Galicia, nos ambientes populares, tanto as cociñas de gas como as eléctricas. Polas aldeas espallouse moito o uso da cociña de gas butano. A eléctrica bastante menos. Un argumento decisivo a prol da cociña de butano veu ser o doado que resultaba a súa limpeza. Nisto non había comparación posible. A de ferro "era un coñazo para limpala": había que restregala cun pequeno raspador, en especial o forno, darlle con pedramol, e logo baldear. "Botaba unha toda a mañá limpándoa". E púñase a cociña feita un noxo, polo que había que botar serrín e limpar o chan despois. Empregábase para limpala estropallos de corda e pedramol, ou ben a frotaban cuns tacos de "pedra de rascar a cociña de ferro" (así a pedían na tenda), que era semellante a unha pastilla de xabón; "Asemellábase á pedrapómez, pero non era iso". Se non era pedramol, dende logo habíase de parecer moito, porque varias informantes mencionan o tal pedramol. Así o recolleu tamén un investigador, que indicaba que as antigas criadas limpaban con pedramol e pedra pómez a cociña bilbaína. Só se limpaba a fondo, o que se di a fondo, dúas veces ó ano: ó comezo e ó remate do inverno. Había que evitar que enferruxara. Outra informante precisaba que a cociña de ferro había que fregala cada día. Adoitábase facer despois de comer, "bueno, en realidade, un pouco máis tarde, porque había que "aghardar" a que arrefriara a cociña". As mulleres que tiñan que traballar polo día, nas veigas, dende que saira o sol, fregaban a cociña de ferro pola noite. Ós sábados, que era cando a muller tiña máis tempo, limpábana máis a fondo.
Como sucedeu coa coexistencia entre a lareira e a cociña de ferro, tamén entre ésta e a de gas (ou a eléctrica) se producíu unha situación de paralelismo e xustaposicón, antes que, na maioría dos casos, un proceso de pura e simple substitución. En particular, conviviron ambas as dúas no medio rural, onde as vivendas adoitaban ter dabondo máis espazo que os modernos pisos das cidades (aquí, todo o máis, collía unha cociniña de gas moi pequena, tipo encimera, ou era preciso desterrar a bilbaína). En efecto, "usábanse as dúas: a de "ghas", que era máis rápida, para preparar o almorzo. E a de ferro, para cociñar o xantar".
A de ferro presentaba unha apreciable vantaxe no inverno sobre a cociña de gas: servía ademais de calefacción. Por isto, en moitas casas, como a da informanta, estaba todo o día encendida a cociña de ferro, para así quentar. E con tal propósito, se empregaba, por certo un truco que formaba parte do elenco de recursos postos ó servizo dunha estratexia de supervivencia popular: mollábase un pouco a leña para que durase máis tempo, "e que, se non, se consumía nun momento". E aínda se lle encontraba outra aplicación práctica á onda de calor que despedía a cociña bilbaína: cando non se cociñaba, púñanse por riba uns cordeis a xeito de tendal para poder secar neles a roupa. Esta era unha práctica moi habitual. Resolvíase así un importante problema nos húmidos invernos galaicos.
Tampouco se pode esquecer que a bilbaína, como antes a lareira, permitía realizar as operacións de secado de chourizos, etc. pendurados por riba dela. E amén diso, a cinza da madeira queimada na cociña de ferro (como tamén, por suposto, na vella lareira) aproveitábase para abonar a horta. Polo demais, a auga quente do seu depósito se aproveitaba, entre outras cousas, para lavar a louza e asemade a roupa. Tamén había quen a empregaba para realizar as súas ablucións corporais. E obtíñase así ese auténtico luxo do tempo pasado que era dispoñer de auga quente, á vez que se aproveitaba a leña para cociñar ou quentar o ambiente da cociña. Por contraposición, conseguir quentar a auga mediante a utilización dunha cociña de gas implicaba realizar un gasto enerxético específico, o que significaba un custo maior.
Temos constancia de que nalgúns barrios do medio urbano galego, na década de 1920, chegou a desenvolverse un tipo particular de cociña, que era unha mestura da de ferro e gas. Pero, en realidade, esta combinación non acadou moita difusión. E nalgunhas casas aldeás conviviron os tres modelos de cociñas: a de butano, a de ferro, e a lareira, ésta última usada sobre todo para dar calor no inverno, e nalgunha que outra ocasión especial. Deste xeito, aproveitábanse as vantaxes relativas de cada unha das tres. A cuestión dependía tamén da estación do ano: semella que a de ferro usábase máis no inverno, pola función calórica que tiña. En efecto: "A de ferro no inverno tíñase prendida todo o día, así aproveitábase a calor, pois ademais pasaba a tubaxe polos cuartos e as quentaba".
Tamén houbo familias que pasaron directamente da lareira á cociña de gas, ou mesmo á de vitrocerámica. Non puideron aproveitar a renovación tecnolóxica que tivo lugar na primeira parte do século vinte, e xa colleron o avance que se produciu na segunda metade. E bo foi que chegaran.

No hay comentarios:

Publicar un comentario