domingo, 31 de octubre de 2010

Os fonsagradinos poderán facer unha observación guiada do ceo


O Concello da Fonsagrada está a organizar unha actividade de observación de estrelas en colaboración co observatorio astronómico Ramón María Aller Ulloa, da Universidade de Santiago. Será na próxima lúa de cuarto crecente, un día que o tempo o permita.
Ésta é unha das actividades da próxima tempada de outono e inverno, que inclúe unha ampla oferta de cursos. Entre as novidades destaca un taller de automaquillaxe, outro de elaboración de xabón e cosmética natural ou outro de customización de roupa, que tiveron moito éxito de matrícula.
Na programación de cursos inclúense manualidades, elaboración de bonecas de trapo e broches de fieltro, informática básica, manexo de móbiles, curso de memoria, encadernación artesanal, elaboración de papel, coiro, confección de mostruos de peluche -dirixido a nenos-, bixutería, falso Tiffany e máscaras de Entroido.
O Concello da Fonsagrada mantén tamén a oferta deportiva con clases de ioga, aeróbic e bailes de salón.
O Concello mantén aberto o prazo de inscrición en todas as actividades que aínda conten con prazas libres. Os interesados en obter máis información poden dirixirse ás oficinas municipais ou chamar ao número de teléfono 982.34.00.00.
Bailes
As actividades de lecer programadas para a tempada de outono e inverno inclúen tamén o baile mensual que vén organizando desde hai un tempo. Será o terceiro domingo de cada mes e estará amenizado con música en directo, a cargo da acordeonista Tania.
Estas festas sempre tiveron gran acollida do público maior, pero nas últimas convocatorias sumouse xente nova, co que os bailes dos domingos convertéronse nun encontro entre xeracións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario