martes, 19 de octubre de 2010

RUTAS POLA FONSAGRADA

29 marzo
A ruta da Fonsagrada
Esta é unha ruta moi doada e indicada para principiantes do sendeirismo xa que ofrece moito e esixe pouco. Tamén hai que dicir que foi unha ruta fóra de programa e que se realizou por petición de moitos socios, e non socios, que queren aproveitar a viaxe ata a Fonsagrada para xestionar un bo cocido ao mesmo tempo que practican a actividade deportiva. Comezamos ao lado do parque da Fonsagrada e dirixímonos todos xuntos ao piñeiral denominado Coto da Pedreira que ten unha altura considerable. Aproveitando esta altura podemos apreciar cunha vista impresionante toda a paisaxe por onde ímos patear a ruta. Pasamos ao lado da fonte de Calvín que mana abundante auga. Ao redor desta fonte hai moitas árbores frondosas (carballos e castiñeiros) e unha mesa e escaños de pedra para quen queira empregalos. Ao pouco tempo de deixar fonte. cruzamos un monte raso que ten enfronte todo un espectáculo paisaxístico con picos da cordilleira cantábrica onde se aprecia o denominado monte dos Tres Bispos (por ser fronteira de Galicia, Asturias e León) e tamén o Pico do Hórreo que imita a perfección a cuberta desta construción popular. Pasamos por Fornos da Cal e polo lugar denominado A Granxa que era unha antiga explotación agropecuaria pertencente ao Concello. Hoxe é lugar de reunións de ferreiros e artesáns. Tamén se emprega para temas de investigación universitaria. Da Granxa a Paradanova ímos por un camiño ancho e moi doado de andar, o que facilita que os sendeiristas entren en animadas conversas comentando as características da ruta. En Paradanova collemos o Camiño Primitivo que empregan os peregrinos para ir a Compostela. E subindo unha pequeña costa, duns 2 quilómetros, ímos achegándonos á Fonsagrada. Na Fonsagrada visitamos a fonte que lle deu o seu nome, o museo etnográfico e unha selecta colección de cantinas e tascas antes de ir compartir un cocido típico con butelos que nos aportou, de súpeto, todas as enerxías consumidas na ruta e algunha máis que nos servirán para gastar bailando ao son dun acordeón que toca unha rapaza fonsagradina. Colorados e cun sorriso na boca partimos cara á Burela cando case é noite. Alfredo Llano García

No hay comentarios:

Publicar un comentario