20/07/2012 - El Progreso Digital (Lugo)
A Deputación de Lugo e o Concello da Fonsagrada presentaron este
venres o primeiro Concurso de Tapas da Fonsagrada, que se desenvolverá a
vindeira semana, entre o 23 e o 28 de xullo.
A iniciativa, organizada polo Concello e os profesionais
fonsagradinos, ten o obxectivo de “potenciar a economía local co impulso
da hostalería, o turismo rural e os produtos autóctonos”. Quince
establecementos servirán, dende o próximo luns e ata o sábado, de sete
da tarde a dez da noite, pratos confeccionados, na súa maioría, con
produtos autóctonos a tan só un euro. Os participantes poderán puntualos
con uns cupóns que estarán a súa disposición nos locais.
Lara Méndez, vicepresidenta da Deputación, salientou que
“administracións, autónomos e pequenos empresarios sumamos esforzos
porque sabemos que xuntos somos máis fortes e que xuntos podemos
reiventarnos, sacando adiante proxectos que xeren riqueza na provincia
coma este concurso”, que definiu como “unha iniciativa claramente
económica”.
O alcalde, Argelio Fernández Queipo, agradeceu a colaboración da
Deputación “para que o rural siga sendo rural” e destacou que o concurso
de tapas é unha boa oportunidade para comprobar que A Fonsagrada “é un
referente na gastronomía e nos produtos autóctonos, pois conta con
materia prima de primeira calidade”. Incidiu tamén no carácter
dinamizador da economía local desta cita, “que dará a coñecer a riqueza
gastronómica da Fonsagrada, pero tamén as súa oferta de turismo rural e
patrimonio natural”.
Na presentación, celebrada na praza de abastos de Lugo,
tamén participou a concelleira de Cultura da Fonsagrada, Marta Álvarez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario