Desde hai algún tempo, en leiras do municipio de
Lugo e dos limítrofes están a rexistrarse unha serie de furtos de gando,
sobre todo de ovino. Adoita ser en parcelas pechadas, ás veces con
muros altos, nas que as reses están sen vixilancia.
O gando tamén anda solto nos montes da
Fonsagrada, pero neste caso resulta máis difícil pillalo porque son
reses de vacún e as parcelas a miúdo son de varias hectáreas. Neste caso
os únicos fáciles de capturar son os pastores eléctricos, cuxo furto
parece que se puxo de moda, polo menos nun monte da parroquia de Lamas
de Campos.
|
A José Osorio Arias, veciño de Vilarmeán, na
citada parroquia, xa lle desapareceron dúas do mesmo sitio. Primeiro
levaron un e optou por comprar outro, sen concederlle máis importancia
ao asunto. Pero ao día seguinte de substituílo volvéronllo a levar, polo
que decidiu pór unha denuncia no posto da Garda Civil da Fonsagrada. Ao
parecer, os deste veciño non foron os únicos pastores eléctricos
roubados nos últimos tempos.
Segundo supón, os roubos tiveron lugar entre os
días 7 e 19 do presente mes, dado que o primeiro aparello estaba a
funcionar permanentemente gardando o gando na leira Pontigo. Cando
detectou o roubo levou outro aparello, que só permaneceu unhas horas no
seu sitio porque durante a noite do 18 ao 19 subtraéronllo de novo.
O propietario taxou o valor dos dous en 400 euros
e declarou que non viu a ninguén merodeando pola zona nin coñece a
ningunha persoa sospeitosa. Tamén sinalou que non pasa ningunha estrada
próxima porque a leira está entre os lugares de Vilarmeán e Reboira.
Ademais do prexuízo económico, a subtracción dos
aparellos facilita que o gando se escape. Por outra banda, os cables
conectados aos pastores tamén disuaden a lobos ou a cans salvaxes que
poden entrar a atacar as reses. Os pastores dan corrente a dous fíos que
non son fáciles de sortear arrastrando unha peza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario