O municipio máis extenso de Galicia era hai un século o sétimo máis poboado con 20.000 veciños, pero hoxe está á cola, con pouco máis de 4.000
a fonsagrada / a voz
26 de xullo de 2012
«¡Léveme o demo que non sei onde imos parar!»,
reflexiona Jesús no almacén de viño de Miguel ao coñecer que o Goberno
estuda fusionar os municipios con menos de 5.000 habitantes. Este
fonsagradino de 83 anos vive en Paradavella e aproveita as mañás en que
el e a súa muller van ao médico para «facer algunha compra na vila».
«Vimos no coche de liña. Cústanos 1,70 euros ao vir e outro tanto ao
volver a cada un», explica Elisa Fernández, de 78. A parella non ten
fillos e cobra dúas xubilacións mínimas, froito de décadas de traballo
duro no campo.
Boa parte da pensión váiselles en transporte, xa
que para unha simple radiografía son derivados ao hospital de Lugo. Ir e
volver á cidade amurallada sáelles en 20 euros porque hai autobús, pero
lles anunciaron que o Sergas estuda trasladar este servizo de primaria
ao centro de saúde de Becerreá. Un indignado Jesús comenta que a
Becerreá a única opción é o taxi. «Son 50 quilómetros por carreteras de
montaña, e como o taxista teña que esperar, entre iso e o copago dos
medicamentos, en dúas radiografías váiselles o soldo», denuncia ao seu
lado José Rico, de 58 anos, natural da Fonsagrada e residente en
Barcelona desde fai 44.
A crise na vida real dos fonsagradinos. A
imaxe superior foi tomada no almacén de viños de Miguel. En primeiro
termo vese a Jesús e Elisa, un matrimonio de octoxenarios que vive en
Paradavella. As súas pensións de xubilación roldan os 400 euros, e
destinan unha parte importante a pagar desprazamentos ao médico. O
copago e o traslado de servizos sanitarios a Lugo e Becerreá empeoran a
súa situación. Sentado ao fondo aparece José (xersei azul), emigrante en
Barcelona. Na fotografía da esquerda, Manuel e Ana, xunto á súa filla
Mónica. A parella asume con filosofía o declive demográfico da comarca, e
chancea con que calquera día van ter que empezar a parir as mulleres de
oitenta anos porque a mocidade escasea.
«O
deste matrimonio éche o perfil do 70 % da xente de aquí», comenta o
home, un dos miles de emigrantes dun municipio que hai un século era o
sétimo máis poboado de Galicia, con case 20.000 habitantes e por diante
de capitais como Ourense. Hoxe, en cambio, fai fronte ao despoboamento.
Os seus 438 quilómetros cadrados e 280 núcleos aloxan a pouco máis de
4.300 persoas nun marco natural incomparable a 900 metros de altitude.
Quen quedan gáñanse a vida, por esta orde, na gandería, a industria
forestal, as canteiras de lousa e o pequeno comercio.
¿Dispón
A Fonsagrada de todos os servizos básicos? Si e
non. Hai centro de saúde, talleres, comercios de todo tipo, empresas de
fontanería e calefacción, entidades bancarias e xulgado. Un órgano
histórico que deu moita vida e que segue dándoa, a pesar de que xa se
fala de anexionar o partido xudicial co de Lugo. «Non entendemos que se
vai gañar levándoo. O único que van facilitar é que o territorio morra, e
se eliminan a xente do rural vai ser imposible conservar o medio»,
advirte o alcalde fonsagradino, o socialista Argelio Fernández Queipo.
En todos os núcleos hai electricidade e auga,
aínda que o inverno pasado houbo problemas de abastecemento en varios
puntos e a traída que prometera o Goberno de José Luis Rodríguez
Zapatero para mellorar a subministración está no aire. A cobertura de
telefonía móbil non ten dúbida, pero a TDT segue fallando. Non
hai piscina municipal.
Atención aos maiores
Tampouco hai residencias nin centros de día
públicos. Só tres privados. Os proxectos da Deputación por agora son
iso: proxectos. E ese si é un problema nun lugar onde o 40 % da
poboación supera os 65 anos. Con este panorama, unha posible fusión de
concellos descobre opinións interesantes. Para uns, a unión «natural»
sería con cinco municipios que só están separados pola liña imaxinaria
que divide Galicia de Asturias: Grandas de Salime, Ibias e os tres Oscos
(San Martín, Santa Eulalia e Villanueva). Tamén co lucense de Negueira.
«Pola orografía, sempre houbo moitas máis relacións comerciais e
sociais con Asturias que con Baleira, por exemplo», din. «Que os outros
se unan á Fonsagrada», defende con orgullo José. Jesús apóiao. «Que
veñan eles, que en Negueira son tres e non hai nin farmacia».
«O que necesitamos é unha financiación estable,
que á Fonsagrada se lle considere excepcional pola súa situación
xeográfica. Anexionar territorio só sería vantaxoso se a achega por
parte do Estado se multiplica», finaliza o rexedor.
Algúns veciños cren que a fusión «natural» sería
con concellos asturianos limítrofes de Oscos
Pese ao baixón demográfico, segue sendo poboación
de referencia a nivel comercial e social
No hay comentarios:
Publicar un comentario