A corporación aprobou por unanimidade que a Igrexa pague impostos
A corporación da Fonsagrada aprobou rexeitar a
reforma da planta xudicial elaborada polo Consello Xeral do Poder
Xudicial. A decisión, adoptada a tenor dunha proposta presentada polo
goberno municipal, baséase na repercusión que terá na comarca
fonsagradina, dado que se se aplica desaparecerá o xulgado da
localidade. O alcalde, o socialista Argelio Fernández, recordou que o
xulgado ocupa un edificio que foi remodelado e acondicionado fai uns
sete anos. Tamén aludiu aos prexuízos que causará na comarca en todos os
aspectos, sobre todo tendo en conta que máis do 40% da poboación supera
os 65 anos.
Por unanimidade, o pleno tamén aprobou unha
moción dos nacionalistas propondo ás administracións central e
autonómica a revisión do acordo de exención do pagamento do Imposto de
Bens Inmobles por parte da Igrexa católica, ou a compensación en tanto
non se produce a revisión. Segundo o manifestado no pleno celebrado a
última hora da tarde de antonte, os edís fonsagradinos céntranse na
situación no municipio. Na zona hai varias reitorais en estado
semirruinoso que puideron ter sido vendidas e facilitar a conservación
de edificios interesantes, pero chocan coa negativa do obispado porque
non ten que pagar nada por elas.
Un exemplo é a reitoral de Veiga de Logares,
inmoble de pedra para o que houbo algunha oferta de compra e que
actualmente xa ten unha parte da cuberta derrubada. A moción aprobada
exclúe do pagamento do IBI aos edificios dedicados ao culto.
Noutros apartados da orde do día, o mandatario
deu conta de varios decretos, que incluíron un cambio de 14.000 euros na
subvención de 33.000 concedida polo Inega para aforro enerxético. Tamén
foron aprobados asuntos relacionados co suplementos de crédito e
recoñecementos extraxudiciais, nun caso para cumprir o establecido no
decreto de pagamento de facturas. Igualmente, foron incorporados ás
correspondentes partidas orzamentarias os 364.000 euros solicitados á
Administración como crédito para o pagamento das facturas pendentes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario